28.5.17

VIANA CHAVE PARA UNHA CONVIVENCIA POSITIVA



Antía, Laura Chamadoira e mais eu, Ada, de 2ºESO participamos nos V Encontros para unha Convivencia Positiva en Viana e chegamos case a tocar o ceo.
Chegamos o venres ao mediodía. O primeiro impacto foi escoitar a un rapaz colombiano de 18 anos, Sergio, que fixo unha presentación sobre a importancia da mediación escolar desde pequenos, desde a súa experiencia nunha situación tan complexa como a que vive Colombia despois de que as FARC entregasen as armas, tras anos de violencia. Encantounos. Fala tan ben e consegue transmitir tanto que quedamos sen palabras.  Na segunda presentación, Víctor Martín falou de “convivencia e felicidade” que, a pesar de ser densa para nós, achegounos conceptos interesantes.Pola noite, leváronnos a ver un mimo-mago  que nos abraiou.
O sábado fixemos grupos de debate de temas moi variados e interesantes: filtros e riscos na rede,  a que idade se debería ter móbil,  uso do móbil na aula, ciberacoso, aulas e clases titoriais…
Tamén participamos en tres obradoiros polos que fomos rotando:  En “A emoción ao servizo da igualdade” , inventando o final para unha historia e debuxando os personaxes, Aixa aprendeunos a romper cos prexuízos. En “A emoción a través das imaxes” Carme axudounos a reparar nos pequenos detalles utilizando cadros de pintores famosos. No terceiro, Gingko aprendeunos a mostrar a realidade a través das Tics.
Pola tarde fixemos unha excursión á morena de Glaciar de Chaguazoso, no punto habitado máis alto de Galicia, gozando dunha espectacular paisaxe.



 
 Custou separarse dos novos amigos e amigas. Xa temos ganas de volver.





26.5.17

DE ESMORGA POR OURENSE

O alumnado de 4º da ESO fomos a Ourense de ruta literaria. Primeiro a Trasalba, a coñecer a casa de Otero Pedrayo e logo a Ourense onde fixemos a ruta da Esmorga, a novela de Blanco Amor que xa tiñamos lida. Rematamos o día gozando das termas. 



 


 

25.5.17

APRENDENDO A COIDAR O MONTE COMUNAL DE COIRO



O alumnado 1º da ESO, despois de todo o que traballamos en ciencias Naturais sobre o noso ecosistema xa estabamos preparados para visitar os montes de Coiro guiados polos Comuneiros da Xunta de Montes. Partimos de Ermelo  ( Igrexa) con charla explicativa do arqueólogo das obras que se están a executar e percorremos Cruz de Ermelo, o nacemento do Río Bouzós, Pedra Edra, A Fraga, Monte do Chan, Monte Pequeno, Romeirá, Ameixoada, Canizada, A Graña, A Rúa e de volta en Rodeira, completamente enchoupados pois a tronada sorprendeunos no camiño de regreso.

Os comuneiros guiáronnos pola xeografía, a toponimia, a flora, a fauna, as plantas medicinais, os refráns, os ditos, o xeito de orientármonos, a historia, a etnografía, ecoloxía… Non pode haber  mellor xeito de aprender!

Desde estas páxinas queremos agradecer á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Coiro o seu incansable  labor de fomento de amor á natureza e ao patrimonio natural da nosa parroquia de Coiro e de Cangas, tratando de transmitir o interese por aprender e os valores de respecto ao medio ambiente e de responsabilidade colectiva no coidado do patrimonio comunal.
Podedes atopar todo o traballo realizado e máis información sobre a saída no seguinte enderezo:
http://vivimosencangas.blogspot.com.es/

 






O GALEGO PONSE DE GALA

Hoxe despedimos o alumnado de Bacharelato e ciclos nun acto solemne organizado no Auditorio de Cangas. O galego subiu ao escenario co alumnado que o presentou, cos discursos do alumnado e do director do centro, cos vídeos e coas presentacións fotográficas e na boca de todos e todas no himno galego que puxo o peche. 








20.5.17

O GALEGO, CHAVE DE CULTURA EN CELANOVA



Chegou maio e con el a visita anual do alumnado de 2º da ESO a Celanova, actividade organizada polos departamentos de Lingua Galega e de Música.

Este ano foi moi especial por varias razóns.

Ademais da visita á Casa dos Poetas, 


ao Mosteiro de San Rosendo


e á capela de San Miguel,  




 de participar nos concertos didácticos de órgano 


e  de facer o roteiro literario arredor dos poetas Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, 





vivimos dous acontecementos extraordinarios:

En primeiro lugar , a celebración do 10 aniversario da visita do IES de Rodeira a Celanova, que incluíu  recibimento e discurso de agradecemento do alcalde e torta de chocolate para todos na horta da casa natal de Curros.


En segundo lugar, o encontro entre a nosa profesora de música, Raquel Sestelo, coa súa profesora de órgano, Marisol Mendive , ensinante  deste instrumento no Conservatorio Profesional de Ourense e alma máter dos concertos didácticos de órgano en Celanova. O Conservatorio de Ourense é o único centro de Galicia no que se imparte a especialidade de órgano, ensinanza que se implantou no 2004; desde o ano 2008, Marisol Mendive tivo a idea de organizar os concertos didácticos para divulgar este instrumento tan interesante e tan descoñecido para o público en xeral.
Este marabilloso encontro proporcionounos dous momentos inesquecibles: Raquel Sestelo tocou o órgano para acompañar ao alumnado que interpretaban a Xarabanda de Händel coas súas frautas. E ademais, ela mesma, profesora  superior de canto, titulada polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, interpretou  para nós  a aria “Lascia qu’io pianga” ( “Deixa que chore”), pertencente á ópera Rinaldo de Händel, acompañada ao órgano por Marisol Mendive. Foi un momento máxico!





A visita a Celanova nunca nos decepciona e os acontecementos tan excepcionais  deste ano regaláronnos  un día cheo de fermosas emocións.