31.3.16

A LANTERNA MÁXICA



Invitados a conmemorar o Día Internacional do Teatro, o alumnado de 2º da ESO participamos no obradoiro “A lanterna máxica”, proposto pola Asociación Juan Casaveteiro de Estaca de Bares. Mesturamos literatura, teatro e cine con vistas á realización de material audiovisual e da filmación dun vídeo. Toda unha experiencia de improvisación,  nervios e risas.

Queremos agradecer á Biblioteca Municipal Central de Cangas ter contado co IES de Rodeira para participar neste obradoiro que se inclúe dentro do programa “Ler Conta Moito” da Xunta de Galicia.

 



18.3.16

GARDIÁNS DO TESOURO


Ao rematar o segundo trimestre, os equipos de dinamización fomos convocados para unha misión moi especial: tiñamos que custodiar o prezado tesouro da nosa lingua desde Rodeira ata Santa Marta e de regreso ao instituto. Polo camiño tivemos que superar difíciles probas que puxeron a proba a nosa valía e nos deron as armas necesarias para superar con éxito a misión. Fomos escollidos entre os mellores e de nós dependía a supervivencia dese tesouro que habiamos levar connosco. Os cabaleiros e cabaleiras convocados a tan difícil reto fomos chamados un por un e contestamos con forza GALEGO-GALEGA, asumindo a identidade que nos une ao tesouro que xuramos defender erguendo a man dereita e pronunciando o xuramento sagrado: EU FALO GALEGO.

Organizámonos en pequenos comandos para algunhas probas nas que precisamos actuar discretamente e sen sermos localizados.

 Avisóusenos ben de que polo camiño atacaríannos inimigos que poñerían en perigo a nosa misión. Segundo os informes dos espías debiamos temerlle especialmente a un monstro ao que chaman PARECES DO MONTE que ten feito estragos entre os cabaleiros e cabaleiras que se atreveran a sacar o noso tesouro á rúa. Antes era un dragón que botaba lume pola boca pero agora os seus métodos son máis sofisticados e instala un chip na cabeza da xente que fai que se sinta estraño e renuncie voluntariamente a ser portador do tesouro. Tamén nos alertaron de que o inimigo COSTUME, que ten o poder de impedir que podamos decidir por nós mesmos, tentaría meterse entre as nosas filas . Por iso, en cada grupo nomeamos un gardián, que foi cambiando cada tramo do camiño, que ía armado cunha man cazadora que espantaba os prexuízos e a falta de hábito cando atacaban aos nosos cabaleiros ou cabaleira para que puidesen seguir defendendo o tesouro que levamos dentro.

 
1ª proba. Na Praza das Pontes.
Unha das armas que mellor protexeu o tesouro da nosa lingua foi a CONVERSA. Prohibiron os libros, prohibiron o galego na escola pero non puideron pechar a boca da xente que seguiu conversando en galego na casa, cos veciños e cos amigos.
Por iso na primeira proba tivemos que utilizar esta poderosa arma da conversa. En grupos de dous ou tres tiñamos que conseguir que a xente da rúa nos falase en galego. Para despistar aos inimigos diciamos que estabamos a facer un traballo para clase sobre a EMIGRACIÓN. Preguntamos se emigrou alguén da súa familia, cando, a onde, cales foron as causas… E anotamos nun caderno o que nos ian dicindo. Se nos dabann permiso, podiamos facer fotos. Logo demos as grazas como cabaleiros ben educados.
Á hora acordada tiñamos que estar na estación marítima, onde se colle o barco, e logo, todos xuntos iremos co noso tesouro ata o dique. Alí utilizamos a arma da conversa para contar a información recollida e avaliar a presenza do tesouro da lingua na xente de Cangas. O resultado foi bastante positivo aínda que a xente maior sorpréndelle oirnos falar en galego.
Ao rematar esta primeira proba gañamos o noso primeiro trofeo de grupo, unha pequena buxaina de cores, un símbolo de que a lingua precisa de nós para estar en movemento, para que lle deamos vida ao noso arredor.




2ª proba. En Massó.
Tivemos que demostrar os nosos coñecementos sobre un dos patrimonios que mellor identifican Cangas: a vella fábrica de Massó.


 

3ª proba. Na lagoa da Congorza.
A forza da natureza é outra das armas que protexen o tesouro dnosa lingua pois Galiza non podería ser sen lingua pero tampouco sen verde nin auga. Por iso a segunda proba foi na lagoa da Congorza e consistiu nunha carreira de relevos bastante especial. Fixemos tantas fileiras como equipos. Ao primeiro cabaleiro ou cabaleira entregóuslle unha arma (pistola de auga) coa que se introduciu no territorio sagrado en busca da auga máxica da Dama da Lagoa coa que tivo que ir enchendo unha botella que sostiña o seguinte que tiña que correr. Logo a arma pasou ao seguinte e así ata que todos e todas se achegaron á lagoa e cobseguiron enchela. Logo buscamos algunha especie de flora autóctona para regala coa auga máxica tendo moito coidado con non regar as especies invasoras!!! Menos mal que levabamos as profes de ciencias.
Cando superamos a proba fomos condecorados como amantes do natural, protectores do noso medio natural e lingüístico ( cunhas pinciñas con motivos de flora e fauna)




 4ªproba. No túnel.
O camiño volveuse un túnel tenebroso e escuro e daba medo avanzar. Para espantar o medo a mellor arma é a MÚSICA. Pensamos unha canción para cantar en galego e berrámola forte no túnel para conseguir unha lanterna que iluminou os nosos pasos.

 
5ª proba.  Santa Marta
Sentímonos felices de chegar á nosa meta traendo con nós o tesouro da lingua. Puidemos repoñer forzas. Pero aínda quedaba unha proba final. Os maiores fixemos un concurso de chimpos e os pequenos fixeron voar  papaventos tan alto como desexamos o futuro do galego.




 
 
 
 

 

 

 

16.3.16

PLANTANDO ÁRBORES E VERSOS



Unha vez máis os veciños e veciñas da comunidade de montes de Coiro contaxiaron co seu entusiasmo  o amor pola natureza e o traballo comunitario ao alumnado de 1º da E.S.O. De  xeito totalmente altruísta están a colaborar co profesorado   na  transmisión ao alumnado máis novo de valores ecoloxistas, solidarios, comprometidos, cooperativos...desde hai xa catro cursos.Esta vez a actividade consistiu na plantación de 30 árbores de especies autóctonas no lugar chamado "chan de loureiro".

Dividímonos e cada grupo foi cun membro da Comunidade de Montes que foron os nosos guías. Explicáronnos os tipos de plantas e se se podían comer ou non. Vimos moitos insectos, ras, millóns de cágados… Atopamos uns nunha poza que se estaba secando. Entón collémolos e levámolos a unha fonte próxima. Había unha morea!. Tamén atopamos distintos tipos de rochas e minerais como o cuarzo, o granito… Pareceume unha excursión xenial, moi produtiva.
Puidemos observar tamén o lixo que algunha xente porca tira no monte sen decatarse do moito que contamina. Atopamos un moble con cristais  que podían facer efecto lupa e provocar un incendio, un perigo. Tamén un radiocassette, un cubo de plástico, pneumáticos…  Manolo, o noso guía, explicounos que a xente é unha inconsciente ao facer iso.  Se custa máis levala ao monte que ao contedor do lixo! Un escándalo.

Encantoume compartir as tarefas: todos e todas cavamos, regamos, collemos abono e pisamos a terra. E tamén recitamos poesía: versos de Manuel María e Bernardino Graña. Unha vez máis as persoas da Xunta de Montes de Coiro aprendéronnos o que é facer comunidade.  Despois de superar distintos atrancos conseguiron preparar os terreos para repoboar con especies autóctonas. Nós tivemos a sorte de poder acompañalos a plantar freixos, carballos, castiñeiros... Agardamos que ao medraren formen o bosque da fala porque nisto é no que se converte para nós cada ano que compartimos paseo, nun lugar onde escoitamos palabras esquecidas para recuperar. Plantamos árbores si, e plantamos lingua tamén, cando limos o poema do noso poeta e poeta do mundo, Bernardino Graña, Brinde da fraga amiga, porque xunt@s faremos triunfar a alegría.


Ao regreso realizamos un fermoso mural no que reproducimos un gran carballo e toda a vida que hai ao seu redor.



8.3.16

CORAZÓNS POLA IGUALDADE

Grazas a todos e a todas as que prestastes a vosa imaxe para construr corazóns de fotos cos que reivindicamos a igualdade en dereitos de homes e mulleres en todos os lugares do mundo.



Como cada curso, o alumnado de 4º demostrou a superación de prexuízos lingüísticos e machistas nunha xincana de tarefas domésticas na que superaron probas nas que demostraron que teñen asumida a corresponsabildade no fogar de homes e mulleres e uso do galego sen complexos.

4.3.16

MMM.... O GALEGO ESTÁ BOÍSIMO!

No aniversario das Irmandades da Fala procuramos novos espazos de uso para o galego. E no Día da Muller reivindicamos a corresponsabilidade no fogar. Masterchef chega a Rodeira para meter a xente nova na cociña, rapaces e rapazas, e demostrar que o galego e a igualdade se defenden remangándonos e poñéndonos mans á obra.









1.3.16

PACHÍN


Porque Pachín si que falaba. Á súa maneira. Falaba cos ollos, co rabo, coas patas. Eu entendíao tan ben coma se pronunciase palabras. Non parecía un can. Tiña entendemento de persoa…

Cando me deixaban soio na casa, xogaba coel. Corríamos xuntos pola horta coma se estivésemos abourando coellos. Dempóis sentabámonos ó pé da cerdeira grande. A min esbarábame o suór polas fazulas, e Pachín folguexaba de présa, coa língoa fóra. (…)

Cando o vin sen alento, estarricado entre  unhas queiroas, non quería dar creto aos meus ollos. Como soño tantas cousas, pareceume por un instante que estaba a soñar; que non era certo. Pero non soñaba. Pachín morrera. Caíra na trampa que fora arranxada para o raposo.

Tróuxeno do monte. Cunha legoña abrín na horta un burato fondo, alongado, e deille terra ó seu corpo. Coido que chorei. Non me avergoño de decir que chorei. Funo acochando á xeitiniño coa terra fresca. Coma se o cobrise cunha manta.

A xeito de lousa prantei unha cerdeira derriba do meu amigo. Cando abrollou coidei ver en cada gromo un ollo ou un dente de Pachín. E pareceume que dende as raíces chegaban uns ladriños agarimosos.

Neira Vilas.Memorias dun neno labrego
------------------------------

RASPUTÍN

Estaba tirado no chan, parecía estar morto. Fun correndo onda el para ver que sucedera. Entón dinme conta  de que estaba vivo, sen pelaxe, coa pel arrincada e feridas e costras por todas partes. Ao pouco, decatouse de min. Miroume con cara de estar pedindo axuda. Apenas podía respirar e pensei que tería que prepararme para o peor.

O meu can era un can especial, non porque fose máxico ou poderoso senón todo o contrario. Era especial porque cando tiña sete anos o atopara abandonado, maltratado e ferido, ao lado dun contedor de lixo. Case non podía respirar e parecía estar nas últimas cando o levei ao veterinario do lado da miña casa. A enfermeira era moi amable e sempre me daba galletas. “Pobriño, que che fixeron?, exclamou cando lle levei o can. Púxose a traballar e mandoume volver ao outro día.

Rasputín foi vivir con nós. Ao principio custoume convencer os meus pais pero mostráronse moi orgullosos de min cando lles contei que fora eu quen o atopara e o levara ao veterinario, así que me deixaron adoptalo. A xente do veciñanza e os amigos e familiares desprezaban a Rasputín. Non querían entrar na casa por se lles contaxiaba pulgas ou a rabia. Sempre houbo desprezo. Sei que meu pai e miña nai pensaron en devolvelo pero non sabían como convencerme. Xamais permitiría que me separasen do amigo que me espertaba todas as mañás, co que paseaba pola praia antes de ir ao colexio. Corriamos xuntos e logo dabámonos un baño no mar coa auga xeada e poñiámonos a ver as estrelas daquel ceo que compartía cada tarde co meu mellor amigo.

Un día calquera Rasputín espertou enfermo. Eu fun erguer da cama aos meus pais e levámolo ao veterinario. Intentaron todo o que puideron pero a morte o perseguía e non puido máis. Morreu ese día e eu caín en depresión. Estiven moitos anos  cavilando, preguntándome por que sucedera aquilo. Fun comprendendo que a morte forma parte da vida e consolábame pensando que agora estaría nun lugar mellor.

Hoxe xa son maior. Levo catro anos no instituto e teño outra xente importante na miña vida. Xa apenas penso en Rasputín pero ás veces cavilo no que aprendín con el: a ver a luz na escuridade e a comprender a vida e a amala, sobre todo o momento do agora que nunca máis podes volver vivir.

Ían, 2º ESO A
------------------------
 
ALGA
Non sei se o ceo existe pero eu quero que Alga estea no mellor sitio, que sexa feliz. Para min foi como unha irmá un pouquiño peluda. Ás miñas amigas dáballes un pouco de medo. Eu non o entendía. Boto moitísimo de menos a miña cadela. Era tan boíña… Aínda lembro o día no que trouxemos a casa unha gatiña. Non sabiamos se se levarían ben pero,en canto Alga a veu, deulle acubillo entre as súas patiñas e coidou dela coma se fose filla súa. Tamén teño gravado na mente un día que estaba na casa dos meus curmáns e souben que a miña cadela tiña cancro. Os últimos días da súa vida estaba tirada na cociña e tiñamos que darlle auga por unha xiringa. Alga foi a mellor cadela da historia e sempre a levarei no corazón.
Candela, 2º ESO B