29.1.16

A PAZ NON PODE SER UNHA PALABRA BALEIRA. ÉNCHESE DE SENTIDO CO NOSO COMPROMISO.



Por iso celebramos o Día da paz pintando o lema no chan do patio. Convertemos de novo a bóla do mundo nun corazón con cordas vermellas sostidas polo alumnado de 1º da ESO. E logo todo o resto da comunidade educativa encheu de sentido as letras: A PAZ, O TEU COMPROMISO colocándose dentro delas mentres dabamos lectura a un manifesto. E rematamos cunha chuvia de caramelos.

MANIFESTO DO DÍA DA PAZ

Celebramos hoxe o Día escolar pola Paz e a non violencia. Como falar de paz nun mundo enfrontado, cheo de guerras e conflitos, de muros e arames espiñentos? Como falar de paz e que non parezan palabras baleiras como esas que vedes pintadas no chan?
É fácil botar a culpa aos gobernos, aos poderosos, aos intereses económicos e  efectivamente temos que denunciar os abusos dos que se enriquecen a costa dos máis débiles, dos que queren impoñer unha única forma de vivir e de pensar, a súa propia. Está moi ben ter unha postura crítica coa situación mundial e coa forma de gobernar, esixindo medidas máis xustas para todos e todas. Pero tamén temos que saber ser críticos con nós mesmos. Todos e todas vivimos no mundo e temos un mundo arredor de nós. Cada día temos moitas oportunidades de afastar de nós a violencia e ir trenzando como estamos a facer con estas  cordas vermellas pequenos actos de amor, de comprensión, saber regalar un sorriso, unha palabras de ánimo, esforzarnos por escoitar, fomentar  o diálogo e o consenso, respectar ao que pensa diferente, poñerse no lugar do outro para tratar de entender, saber compartir, poñerse do lado do que sofre…  pequenos actos que van trenzando un gran corazón que fará do lugar en que vivimos un sitio mellor.

A paz quere o teu compromiso.  De ti, de vós, depende que isto non sexan só palabras baleiras. Por iso vos pedimos que, dun xeito simbólico, todos e todas os que estades dispostos a comprometervos pola paz vos coloquedes enriba das palabras que están pintadas no chan e vos unades aos vosos compañeiros e compañeiras estirando os brazos ata ir formando as letras. 
Porque todos e todas xuntos podemos conseguir que os desexos de paz non sexan palabras baleiras senón pequenos feitos que constrúan ao noso redor un mundo máis xusto e solidario.



25.1.16

UNINDO TODOS OS NOSOS CORAZÓNS PODEREMOS SOSTER O MUNDO



Esa foi a actividade coa que preparamos nas aulas o Día da paz. Nunha actividade cooperativa 1-2-4  propuxemos actitudes coas que comprometernos no camiño da paz e escribímolas en galego en pósits con forma de corazón. Cada alumno ou alumna berraba o compromiso escollido e botaba o novelo de la a outro compañeiro ou compañeira para ir tecendo unha arañeira con todos os compromisos de cada un de nós e tentar suxeitar, en delicado equilibrio, un globo terráqueo. Porque un fío non é nada pero todos xuntos, nun compromiso común, somos quen de transformar o mundo. Os pósits de cores encheron de esperanza o mural negro cheo de arames que simbolizaban os conflitos e as guerras do mundo. Tamén colgamos deles as fotos das arañeiras.






18.1.16

A PAZ QUERE O TEU COMPROMISO


Achégase o Día da paz e o EDLG converteu unha vez máis a nosa lingua nunha ferramenta para activar o noso compromiso na construción dunha sociedade máis xusta na que aprendamos a resolver os conflitos de forma pacífica, dialogando e chegando a consensos. Nun mural negro pintamos a bóla do mundo simbolizando as guerras e a violencia. Contamos coa colaboración do Departamento de matemáticas que teceu un corazón con cordas dentro do círculo do mundo, o símbolo dese mundo mellor que depende de todos e todas construír ao noso redor. E as letras do lema tamén en cores colándose entre os arames da violencia.






8.1.16

EU SON BALBINO

A nosa homenaxe a Neira Vilas é aprender a expresar os nosos sentimentos a partir de textos de Memorias dun neno labrego.

EU SON… Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesar do que lle aconteceu por causa miña.
Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non coñezo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Coma se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por iso escribo. E despois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi. ¡Cousas miñas! E tamén de Smith, o capitán que estivo na guerra e cando voltou para a casa púxose a escribir todo o que lle acontecera…
 
¡Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é para menos. Porque nel baleiro todo o que sinto. Moi pouca xente o fai…
Na miña casa non me comprendían. E outro tanto acontéceme na do Landeiro. Iso é o peor que lle pode suceder a un, pero a moita xente non se lle dá. Eu non sei se esvarío. Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo. Vexo sombras e luces, nubeiros que viaxan, lume, árbores. ¿Que é todo isto? Ninguén me di, poño por caso, para que serven as estrelas, nin onde morren os paxaros. Sei de certo que moitísimos anos antes de nacer eu xa había sol e penedos e fuxía a auga polo río. E estou seguro de que todo seguirá igual despois de que eu morra. Virá máis xente, e máis, tripando uns nos outros, esquecéndose adrede dos que morreron, coma se non houbesen vivido.

Escribir no caderno —¡quen o diría!— é coma baldeirar o corazón. Parece un milagre. Pois á fin de contas non pasa de ser unha conversa comigo mesmo. Pero para min é milagre todo. Dende as pingueiras da chuvia ata o canto do grilo.
Memorias dun neno labrego. Neira Vilas.
-----------------
 
Desde que nacín só tiven a oportunidade de viaxar unha vez, aínda que sempre me gustou coñecer outros lugares, aprender todo o que temos no mundo e non estamos afeitos a ver. Aquela vez foi inesquecible. Máis que unha gran viaxe foi unha excursión. Estivemos en Cantabria todos os nenos e nenas de 6º de primaria co alumnado dun colexio de Moaña. Despois daquela gran semana pregunteime varias veces a onde quería viaxar se tivese oportunidade. Pensei en Venecia, será polas góndolas? Non sei que ten esa cidade italiana pero enfeitízame. As súas pontes, a auga polas canles separando as illas… todo fai dela un lugar especial. Imaxineime vivindo nunha desas casas tan pegadas á auga coa miña familia, paseando pola Gran Canle de Venecia ou pola Ponte dos Suspiros, visitando a Basílica de San Marcos ou o Palacio Ducal. Gustaríame facer tantas cousas alí que pasaría a vida planeándoo. Sen dúbida, quero ir de maior.
-----------------------------------------
 
No que máis tardo cada mañá é en verme no espello. Boto toda a madrugada fronte del. Meu pai di que o vou romper de tanto mirarme pero eu creo que son cousas de adolescente, mirar se pola noite saíron grans, se o cabelo está encrespado... Estamos na época e non hai máis!
-----------------------------------------
 
O meu lado na clase senta un rapaz de mediana estatura, cuns ollos moi claros, como raios solares que alumean o mar. Verdes cristalinos. E os seus cabelos da cor dos lingotes de ouro...
------------------------------------------
 
No que máis tardo cada mañá é en verme no espello. Boto toda a madrugada fronte del. Meu pai di que o vou romper de tanto mirarme pero eu creo que son cousas de adolescente, mirar se pola noite saíron grans, se o cabelo está encrespado... Estamos na época e non hai máis!
------------------------------------------