25.11.13

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.





Aquí estamos na cadea humana organizada desde o instituto ata a Alameda Vella, no centro de Cangas, para sumármonos ao acto convocado pola CIM (Centro de Información da Muller do Concello de Cangas), onde despregamos as pancartas realizadas en cada aula. O galego foi unha vez máis a lingua da reivindicación da fin da violencia de xénero e da defensa da igualdade mos lemas escollidos tras o debate nas aulas e no manifesto que leron Ana e Luís.





 MANIFESTO

Estamos aquí, en primeiro lugar, para dar voz a todas aquelas mulleres que xa non a teñen, 44 mulleres no que vai de ano en España, 700 na última década, a quen lles foi arrebatada a vida por aqueles que dicían querelas.

Estamos aquí para denunciar o maltrato, a tortura física e psicolóxica, a humillación… Segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas, só en España padecen violencia de xénero máis de 600.000 mulleres aínda que menos da cuarta parte se decidan a contalo. Esta violencia machista afecta tamén a máis de 800.000 nenos e nenas, fillos e fillas das mulleres maltratadas.

Como é isto posible na sociedade moderna na que vivimos? Os estereotipos machistas non son cousa do pasado nin da xente maior. Estamos aquí para alertar de que seguen presentes na nosa sociedade e tamén nos afectan a nós, a xente máis nova. Os centros de atención a malos tratos coinciden en que cada vez son más novas as mulleres que acoden a pedir axuda.
Estamos aquí para afirmar que a violencia de xénero non desaparecerá mentres exista unha relación desigual entre homes e mulleres. Mentres non desaparezan as falsas xustificacións, mentiras e mitos que defenden a superioridade dos homes sobre as mulleres, mentres haxa homes que sigan pensando que as mulleres son a súa posesión.
Vivimos nunha sociedade que segue valorando positivamente as múltiples conquistas amorosas do home e criticando e insultando a muller nesa mesma situación, esperando dela que siga agardando toda a vida polo príncipe azul.

O modelo de amor romántico que se nos vende en novelas e películas segue a ser, en moitos casos, o de home dominador e posesivo e muller sometida e entregada a cumprir os seus desexos.

As redes sociais teñen hoxe un efecto multiplicador dos comportamentos machistas, dos insultos e ameazas ás mulleres.


ESTARMOS AQUÍ, denunciando a violencia de xénero, COMPROMÉTENOS a actuar desde todos os medios que teñamos na nosa man para poñer fin á violencia exercida contra as mulleres:

- abrindo os ollos ao noso entorno máis próximo, para apoiar as vítimas de maltrato e axudalas a saír desa situación e a procurar a axuda que necesiten.
- esixindo ás administración medidas que as protexan e medios para que poidan recuperar a súa vida.
- mostrando unha tolerancia cero ante calquera comportamento de humillación e maltrato do que sexamos testemuña.

ESTAR AQUÍ COMPROMÉTENOS
- a esixir que, tanto desde as administración como desde o sector privado, se promovan medidas que fomenten a igualdade entre homes e mulleres.

- a esixir que se reforcen as accións no ámbito educativo, nos medios de comunicación e nas redes sociais  contra os estereotipos sexistas e a violencia de xénero.

- a esixir que a educación en valores,  a educación afectiva e a educación en resolución  de conflitos estea presente na escola e, moi en especial, na formación do alumnado adolescente.


ESTARMOS AQUÍ COMPROMÉTENOS tamén a non baixar a garda porque calquera de nós pode ser vítima da violencia de xénero nas súas relacións de parella. Temos que estar atentas e saber recoñecer os sinais de alarma: as manipulacións, a imposición sobre como debemos vestir e actuar, a obsesión polo control hoxe acentuada cos localizadores dos móbiles ou co bombardeo de whatshapps esixindo resposta inmediata.
E a saber dicir BASTA, defendendo a nosa independencia e a nosa dignidade. Porque eses non son signos de amor senón de abuso e de acoso.

- ESTARMOS AQUÍ COMPROMÉTENOS a entender a relación de parella como unha relación entre iguais que se fundamente sempre  no respecto mutuo.




25 de novembro. Día Internacional contra a violencia de xénero.

Grazas a todas e a todos pola vosa participación.






22.11.13

UN PASO ADIANTE PARA FACER DO CARBALLAL DE COIRO UN ESPAZO COMÚN

Este curso queremos continuar co proxecto de poñer en valor o fermoso Carballal que temos na parroquia de Coiro, á que pertence o noso instituto, en colaboración coa Comunidade de Montes. Por iso algún alumnado de 2º da ESO, que descubrimos o ano pasado esta gran riqueza medioambiental que temos tan preto da casa, fomos contarllo ao alumnado de 1º da ESO. Presentámoslle o blog que creamos http://vivimosencangas.blogspot.com.es/ e alí puidemos ver moitas fotos e consellos para a saída. Insistímoslles en que prestasen moita atención aos comuneiros, pois a el@s lles debemos a conservación do Carballal.



UN PASO ADIANTE CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Grazas a tod@s @s que fixestes posible que encheramos a planta baixa do instituto de carteis contra a violencia de xénero. Aquí tedes todos os carteis que están expostos para lembrar a toda a comunidade educativa a celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional contra a violencia de xénero. 



  




18.11.13

Á PROCURA DE VITAMINAS

Despois do traballo  na clase sobre a estrutura e funcionamento do noso aparato dixestivo, a importancia da nutrición  no mantemento da vida, o papel das vitaminas no funcionamento do corpo, realizamos no laboratorio unha práctica sobre a cantidade de Vitamina C nas principais froitas de temporada. Foi moi interesante.




13.11.13

UN PASO ADIANTE CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


O día 25 deste mes celébrase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Precisamos da colaboración de tod@s - pais e nais, profesorado, alumnado e persoal non docente- na tarefa de dar vida á nosa lingua, neste caso para rexeitar a violencia de xénero e defendera a cultura da paz e da igualdade.  Préstanos a túa imaxe e os teus lemas en galego. Achégate a usos múltiples en calquera recreo se queres DAR UN PASO ADIANTE e participar nesta iniciativa.

12.11.13

UN PASO ADIANTE NA DEFENSA DA CIENCIA EN GALEGO.


Hoxe 12 de novembro, como cada ano por estas datas, unímonos ás organizacións que convocaron o IV Día da Ciencia en galego. O alumnado de Bacharelato participou, xunto a alumnado doutros moitos centros de ensino, nunha videoconferencia organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Ás 12.30 horas e ao longo de máis dunha hora seguiron as explicacións do profesor Jorge Mira Pérez, doutor en Física e Catedrático da área de Electromagnetismo do departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), sobre 'Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol' e puideron realizar preguntas a través dun chat na propia sala virtual da videoconferencia.

Ese mesmo día, alumnado da ESO elaborou, seguindo unha presentación con instrucións, un pequeno helicóptero en papel azul ou branco, reflexionando sobre as leis científicas que facían posible que baixase xirando.







No recreo, leuse un manifesto que rematou co lanzamento dos helicópteros.


DIA DA CIENCIA EN GALEGO

MANIFESTO

Hoxe, día 12 de novembro, o IES de Rodeira únese á celebración do Día da ciencia en galego. Se queremos que o galego sexa unha lingua de futuro non podemos renunciar a que sexa lingua da ciencia e da tecnoloxía. E ese camiño comeza no ensino. Porque é aprendendo en galego matemáticas ou física, tecnoloxía, informática ou electrónica; formulando, investigando, montando circuítos, aprendendo a programar ou experimentando no laboratorio... como entendemos que a nosa lingua non nos limita senón que nos enriquece e nos prepara para o diálogo con todas as culturas do mundo.

Hoxe recibistes en galego unha clase de física moi especial e construístes, segundo as leis da física, un helicóptero azul e branco capaz de xirar e voar paseniño, vencendo a lei da gravidade. Defendemos así un espazo para a nosa lingua non só no universo da cultura literaria senón tamén no da científica e da tecnolóxica.

Se estades en contra de poñerlle límites ao galego, se defendedes que sexa unha lingua moderna e de futuro, preparádevos para deixar voar o galego. Preparados? Todos xuntos á de tres...

Non deixedes de intentalo. Preparade os vosos helicópteros unha vez máis para que o galego poida saír voando nas fotos. Un, dous tres...

E para rematar este acto festivo imos agradecer o compromiso co galego do profesorado de todo o ámbito científico e tecnolóxico cun forte aplauso.




11.11.13

FESTA DO MAGOSTO: UN PASO ADIANTE NA DEFENSA DAS NOSAS TRADICIÓNS E DA RIQUEZA DA DIVERSIDADE CULTURAL NO MUNDO.



A CASTAÑA é a gran protagonista do mes novembro. Nas aulas estudamos a súa importancia histórica como base da alimentación galega ata a chegada da pataca e do millo de América. De aí a existencia de moitos topónimos e apelidos relacionados con ela: souto/s, soutelo/s, souteliño/s, castiñeiro/s, castiñeira/s. Aínda hoxe, a castaña galega é moi apreciada e goza de Indicación Xeográfica Protexida pola súa calidade. 
 
 




 

No mes de novembro, a castaña recupera o seu protagonismo histórico na festa do MAGOSTO, unha celebración que unía aos veciños nos soutos e nas prazas, ao aire libre. Nós tamén abandonamos as aulas para xuntármonos en torno ao lume, as castañas e á musica, cantigas e bailes moi nosos que non queremos perder. E tamén nos achegamos a outras tradicións, bailando danzas do mundo que aprendemos nas clases de Educación Física. Unha forma divertida de mantérmonos en forma. E, por suposto, carreiras e caras moi negras, como ten que ser.