30.11.16

"COUSAS" NO TEATRO


Estamos a rematar o Ano Castelao e esta vez foi a nosa quenda. O alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO fomos ao teatro para ver un espectáculo que o grupo de teatro Os Quinquilláns montou en base a varios relatos de Cousas de Castelao. O pago da entrada incluía o libro e puidemos preparar primeiro os relatos na aula. Chamounos moito a atención como os foron enlazando e relacionando uns con outros, modificando lixeiramente algúns personaxes. O máis simpáticos foi o burro que presentaba as historias Foi moi ameno e pasámolo moi ben.








28.11.16

SICIXIA, A NOVA PELÍCULA DE iGNACIO VILAR



A película "Sicixia", dirixida por Ignacio Vilar e producida pola galega Vía Láctea Filmes, vén de chegar mañá aos cines de toda España, onde se proxectará en galego con subtítulos en castelán, tras o éxito acadado no Festival Cinespaña de Toulouse (Francia), no que Marta Lado, a protagonista, recibiu o premio á Mellor actriz.

Esta longametraxe, protagonizado tamén polo actor Monti Castiñeiras Sicixia" narra a historia de amor entre Olaia, unha rapaza da Costa da morte e un técnico que chega alí  para gravar os sons da zona. Este argumento é a escusa para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial desta zona de Galicia, así como da Rapa das Bestas de Sabucedo e, en xeral, do idioma, o pobo e a paisaxe de Galicia.
Podedes vela en todos os cines de Vigo en versión orixinal porque Ignacio Vilar non dobra as súas películas manténdose sempre fiel ao galego e levando a nosa lingua a todas as pantallas do mundo, obtendo moitos galardóns tanto en Europa como en América. Un grupo de profes e nais quedamos para ir a Gran Vía este venres, día 2 de decembro, ás 8:00h diante das taquillas. Podedes unirvos todos e todas as que queirades. Vémonos alí!  

25.11.16

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, TI TES A CHAVE

Hoxe, 25 de novembro, todo o instituto saíu a rúa para esixir a fin da violencia machista. Cada un de nós escribiu nunha cartolina por unha cara unha reflexión contra a violencia machista e pola outra o nome dunha das mulleres asasinadas este ano. Logo unimos todos os elos de cartolina formando unha cadea en cada aula á que puxemos un cadeado cunha chave colgada. Cada aula levou a súa cadea, con cadeado e chave en manifestación ata a Praza das Pontes e alí unimos as nosas cadeas mentres se daba lectura a un manifesto que expresaba a nosa condena á calquera tipo de violencia como expresión de amor e o noso compromiso de manter a mirada atenta e non ser vítima nin cómplice da violencia de xénero. Ao colocamos cadeas, cadeados e as chaves e tamén carteis co lema da campaña no enreixado exterior do instituto para transmitir a todo o poba a nosa mensaxe.



18.11.16

NAS RELACIÓNS DE PARELLA, TI TES A CHAVE

Achégase o 25 de novembro e nas clases estamos a debater sobre a relación entre os mitos do amor romántico e as relacións tóxicas. Os mitos máis coñecidos puxéronse polos corredores e invitouse a debater sobre eles nas aulas. Como unha das imaxes máis de moda sobre o amor de parella son os cadeados nas pontes e tirar coa chave ao río, escollemos como lema da nosa campaña Contra a violencia de xénero: Ti tes a chave. Podemos escoller encadearnos a outro/a e xurarlle amor eterno se nos sentimos moi románticos pero sempre, sempre, sempre temos que gardar nós a chave para poder ser quen de poñer fin a calquera  relación tóxica que nos faga dano física ou psicoloxicamente. Tras a reflexión nas aulas, explicamos polos corredores o perigo que agocha cada un dos mitos do amor romántico.







14.11.16

O GALEGO CHAVE PARA ENTENDER O PORTUGUÉS

O venres pasado fomos ao Porto para comprobar dun xeito práctico como nos entendemos cos portugueses falando en galego. Estivemos primeiro en Sandeman, unha cave de viño de Porto en Vilanova de Gaia. Aquí fixemos as primeiras fotos xunto aos rabelos que se empregaban para transportar o viño polo río e que hoxe pasean aos turistas, coas casas de cores da cidade do Porto de fondo, ao outra beira. Estivo moi ben que o guía nos falase en portugués. Fíxoo de vagar e aclarou todas as nosas dúbidas polo que non houbo problema ningún. Contounos como se fai este viño e ensinounos a cave. Un pequeno vídeo, tamén en portugués, completou a súa información. 
Logo tivemos tempo para percorrer o casco histórico do Porto e procurar onde comer. Tiñamos que preguntarlle á xente da rúa e comprobar se podiamos comunicarnos con fluidez falando nós galego e eles portugués. E non foi difícil, a verdade. Tamén é certo que pouco a pouco fomos afacendo o oído. Cun pouco de boa vontade, non hai ningún problema para entendérmonos.
A visita rematou no Museo Serralves, primeiro na Casa Rosa, na interesante exposición de Miró, explicada tamén pola guía en portugués e logo no propio museo onde había unhas intervencións artísticas superorixinais e creativas. Aprendemos moito e pasámolo estupendo. Volveremos!


11.11.16

TEMPO DE MAGOSTO, CHAVE DE TRADICIÓNS

Vaia festa montamos no MAGOSTO. Pouco importou que chovese algo e que tivésemos que estar baixo tellado. As ganas de cantar e de bailar este ano foron imparables. Tanto que o tempo acabou por animarse e xa puidemos bailar polo patio adiante. Moitas grazas as grandes animadoras de Tromentelo coas súas gaitas e pandeiretas e tamén as clases de baile da nova profe Bea. As cantigas e o baile tradicional son, sen dúbida, a mellor chave para sentir moi dentro o orgullo de formar parte dun pobo creativo e festeiro que soubo sempre compartir e gozar en comunidade.


 

8.11.16

A MÚSICA GALEGA PONSE DE GALA

Non deixedes de asistir no Auditorio de Cangas a gran gala para celebrar os 25 anos da Banda de gaitas Tromentelo este próximo sábado ás 8.  Vémonos alí!


4.11.16

CONVERSANDO EN GALEGO SOBRE ONDAS




O alumnado de Bacharelato celebramos o Día da Ciencia en galego recibindo ao físico José Benito Vázquez  Dorrío, membro do Grupo de Innovación Docente da Universidade de Vigo (GID1), que nos achegou dunha maneira moi práctica e visual a un dos temas de Física máis interesantes: as ondas. 







CIENCIA E TECNOLOXÍA, CHAVE DO FUTURO DO GALEGO

Celebramos o Día da Ciencia en galego cunha clase de matemáticas moi especial en todos os cursos da ESO. Cunha presentación feita en galego, o profesorado explicounos como facer unha estrela de papiroflexia na que ao rematar apareceu unha chave pintada co lema do día: Ciencia e tecnoloxía en galego, chave do futuro. Gardamos todas as estrelas e faremos con elas unha grande árbore para decorar o instituto cando chegue o Nadal.



3.11.16

CONVERSANDO CON CELSO PARADA



Hoxe celebrouse a primeira sesión do club de lectura Vaidelibros, aberto a toda a comunidade educativa. O libro escollido no remate do Ano Castelao foi Os vellos non deben de namorarse,
aproveitando que Teatro do Morcego a está a representar en Cangas. Contamos coa presenza de Celso Parada, que é o director e tamén actor nesta montaxe, representando un dos tres vellos da historia. actor e director de teatro, cine e televisión. Foi moi interesante poder falar con el dunha obra que acababamos de ver representada. Contounos ademais moitas anécdotas do seu traballo como actor na TVG e das diferenzas entre o teatro e o cine e a televisión.