21.12.16

A MÚSICA GALEGA, CHAVE DA FESTA DE NADAL

O último día de clase, o alumnado dos equipos, marcado cun corazón que poñía Quérote, en vez de clase tivemos festa. E vaia festa! Comezamos vendo as fotos de todas as actividades que levamos feitas este curso ao son de Terra de Dakídarría e xa comezamos a cantar a pleno pulmón que esa xa a sabemos doutros anos. 


Logo cada equipo presentou o seu videoclip e @s máis valentes saíron logo a cantar en directo e o público acompañou polo menos no retrouso.





1º e 2º da ESO cantaron Miña terra galega de Os Resentidos pero a versión en galego:



  3º da ESO presentou o videoclip "O tren da lingua" cantando O tren de Andrés Dobarro.




4º da ESO fixo un Mannequin Challenge




O alumnado maior, Bacharelato e ciclos saíu a cantar en directo O fillo de José de Heredeiros da Crus 



E presentáronnos un simpático videoclip de A turbobisicleta de Dakidarría.




E o profesorado non nos defraudou tampouco este ano con Matriarcas, unha fermosa canción de Guadi Galego.
 




E rematamos cunha boa enchenta de comida compartida. Comida e festa, xa estamos no Nadal!!!

16.12.16

O GALEGO CHAVE DA EMPRESA



No Nadal, expuxemos as novidades dos produtos culturais: poesía, novela, teatro, música, banda deseñada… procurando os mellores agasallos en galego. Pero quixemos levar tamén a presenza do galego a novos ámbitos.  
Os estudos de hábitos sociais e de mercado insisten en que o galego como lingua propia actúa como un elemento positivo das transaccións comerciais na relación cos consumidores. O GALEGO VENDE e constitúe un factor de identificación cada vez máis valorado. Estender o uso do galego na imaxe, no rotulado e na documentación interna das empresas, asociar o uso desta lingua a produtos locais e de proximidade, fomentar a etiquetaxe galega ou promover a utilización do dominio.gal nas webs das empresas é o camiño dun futuro noso.
O alumnado de ciclos quixemos transmiitir estes valores do galego á comunidade educativa e fixémolo cun orixinal adorno de Nadal, colgando de pólas de acivro produtos etiquetados en galego e publicidade na nosa lingua. Chamou moito a atención porque eran móbiles e a xente ao pasar dáballes movemento.


O GALEGO, CHAVE DO NOSO NADAL

O Nadal é tempo de decoración e nós fixemos unha árbore moi especial coas estrelas feitas por todo o alumnado do centro en defensa da ciencia e da tecnoloxía en galego, porque é unha das chaves precisas para garantir o futuro da nosa lingua. E quedou así de fermosa:



 O Nadal é tamén tempo de compras e agasallos. Por iso destacamos a escolla da nosa lingua como chave para agasallos únicos, orixinais, diferentes, atrevidos e moi nosos.


 Visitamos a culturgal e pedimos ás editoriais as novidades en literatura, banda deseñada, libros de cociña, audiovisual e música en galego para dalas a coñecer no instituto.





14.12.16

CONVERSANDO CON FRANCISCO CASTRO



Hoxe tivemos o pracer de recibir a Francisco Castro para presentarnos o seu libro  “Tes ata as dez”,  nun encontro organizado pola biblioteca do centro.
O alumnado de 4º agardabamos expectante a súa chegada. Tras unha presentación realizada por varias compañeiras , Francisco Castro falou durante case unha hora non só da súa última novela senón tamén dos seus comezos como escritor e da súa propia vida, reflectida sempre nas súas letras. Posteriormente houbo un coloquio e o acto rematou coa sinatura de libros. Foi moi agradable. Antes de marchar entregámoslle como agasallo unha pintura dun artista da zona, Lito  Portela.


12.12.16

O GALEGO CHAVE DA INTERNACIONALIZACIÓN NOS PAÍSES DA LUSOFONÍA



Na busca de novas oportunidades de negocio e de novos mercados fóra do seu país,  un empresario vai atoparse con barreiras  coma a do idioma, as normas legais ou a cultura.
O Alumnado de 2º do Ciclo Medio de Xestión Administrativa pescudou tanto nas Administracións Públicas coma nas asociacións empresariais procurando programas de axuda e fomento da internacionalización do galego que poidan actuar como impulsores de dito proceso.  A Aministración pública galega, en concreto a Secretaría Xeral de Política Lingüística que depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, apoia campañas promovidas pola Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) que  inciden  nas funcións do galego como vía de comunicación cos países de fala portuguesa. Estas son:
“O galego, chave para os teus negocios no mundo” (2012)  e  EXPORTAR EN GALEGO,  máis recente, e que ofrece as seguintes ferramentas:
•Guía para a exportación a países de lingua portuguesa (2013).
•Plataforma activa en liña,  que ofrece información de carácter económico e empresarial centrada nos países lusófonos. Inclúe o BUSCADOR PAZ ANDRADE con información específica sobre:
-mercados
-sectores de actividade e
-oportunidades de negocio.
Non  hai máis que entrar no Portal da Lingua Galega!


 Con toda esta información realizamos unha presentación e unha exposición para o alumnado de ciclos.



9.12.16

OS DEREITOS HUMANOS, CHAVE PARA A PAZ

Mañá, 10 de decembro, celebramos o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Por iso comezamos unha andaina que nos vai levar ata a celebración do Día escolar pola Paz e a non violencia o 30 de xaneiro. Porque cremos que os Dereitos Humanos son a chave para conseguir unha convivencia pacífica no mundo, a nosa reflexión nas titorías e nas clases de historia comezou por recordalos e buscar exemplos de actuacións no mundo contra os Dereitos Humanos máis fundamentais, moitos máis dos que nos gustaría ter que lembrar. E escribímolos en chaves e colocámolas nun colgadoiro coa palabra paz en moitas linguas. Porque a Paz non é pasividade senón compromiso na loita pola construción dun mundo con dereitos para todos e todas e na oposición crítica á súa vulneración.



 




30.11.16

"COUSAS" NO TEATRO


Estamos a rematar o Ano Castelao e esta vez foi a nosa quenda. O alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO fomos ao teatro para ver un espectáculo que o grupo de teatro Os Quinquilláns montou en base a varios relatos de Cousas de Castelao. O pago da entrada incluía o libro e puidemos preparar primeiro os relatos na aula. Chamounos moito a atención como os foron enlazando e relacionando uns con outros, modificando lixeiramente algúns personaxes. O máis simpáticos foi o burro que presentaba as historias Foi moi ameno e pasámolo moi ben.








28.11.16

SICIXIA, A NOVA PELÍCULA DE iGNACIO VILAR



A película "Sicixia", dirixida por Ignacio Vilar e producida pola galega Vía Láctea Filmes, vén de chegar mañá aos cines de toda España, onde se proxectará en galego con subtítulos en castelán, tras o éxito acadado no Festival Cinespaña de Toulouse (Francia), no que Marta Lado, a protagonista, recibiu o premio á Mellor actriz.

Esta longametraxe, protagonizado tamén polo actor Monti Castiñeiras Sicixia" narra a historia de amor entre Olaia, unha rapaza da Costa da morte e un técnico que chega alí  para gravar os sons da zona. Este argumento é a escusa para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial desta zona de Galicia, así como da Rapa das Bestas de Sabucedo e, en xeral, do idioma, o pobo e a paisaxe de Galicia.
Podedes vela en todos os cines de Vigo en versión orixinal porque Ignacio Vilar non dobra as súas películas manténdose sempre fiel ao galego e levando a nosa lingua a todas as pantallas do mundo, obtendo moitos galardóns tanto en Europa como en América. Un grupo de profes e nais quedamos para ir a Gran Vía este venres, día 2 de decembro, ás 8:00h diante das taquillas. Podedes unirvos todos e todas as que queirades. Vémonos alí!