30.4.19

REGUEIFANDO NO AUDITORIO

Todo 2º da ESO marchou ao Auditorio de Cangas para animar aos seis alumnos e alumnas seleccionados para representarnos na batalla regueifeira cos outros centros do Morrazo. Fixérono moi ben e recibiron moitos aplausos dun público entregado.




22.4.19

MONTESMO

Un curso máis mantémonos fieis á cita coa Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo que arrinca mañá. O encontro dos seis centros participantes será este ano no IES As Barxas e o noso grupo, Teatro A Réplika, representará unha versión de Romeo e Xulieta. O grupo invitado para pechar a Mostra é o tamén o noso grupo de teatro de persoas adultas: Teatro aberto. Moita merda!



9.4.19

CARLOS NEGRO CONTAXIA POESÍA

Hoxe recibimos na biblioteca do instituto a visita do poeta Carlos Negro que nos contaxiou a súa paixón pola poesía.



Con el aprendemos que a poesía é a linguaxe das emocións, desa outra parte do ser humano que non se vende no posto da feira pero que é precisa para vivir: os soños, as ilusións, as lembranzas... o amor e tamén a vivencia da morte. Mesmo pode ser cómica e valer para poñer a alguén no seu sitio.



Despois do paseo por algúns dos seus poemas favoritos, Carlos Negro centrouse na súa propia obra.
Aquí estamos metidos na pel dun rapaz chalado polos coches e a velocidade, a voz poética do seu libro de poemas Maquinaria:
 


 E aquí tédelo posuído por cada unha das voces poéticas do seu último libro de poemas, Aplicación instantánea, que tamén podemos descargar como unha aplicación na rede.






EXPERIMENTOS SORPRENDENTES!

 Aquí tedes algúns dos experimentos e proxectos presentados na Semana da Ciencia polo alumnado de Física, Química e Tecnoloxía. Lembrade que os podedes presenciar en directo nos recreos:












PLACAS ELECTRÓNICAS PROGRAMABLES ARDUÍNO

En Tecnoloxía preparamos proxectos baseados no emprego das placas electrónicas programables Arduino.
Un destes proxectos pretendía amosar a versatilidade  das placas Arduino  co uso de dispositivos periféricos que faciliten a comunicación co usuario. Deste xeito, o alumno Brais Lagoa presentou un xogo en Arduino controlado por uns pulsadores conectados nunha placa protoboard que permitía a súa visualización nunha pantalla LCD.


 
 



Brais Pérez foi o encargado de presentar o segundo proxecto, o control dun brazo robótico mediante unha placa de Arduino. Un gran traballo no que, ademais do código de control, o alumno encargouse do deseño das pezas do brazo e a súa fabricación mediante impresión 3D.




Outros proxectos presentados en galego:



 

MATENIGMA

O Departamento de Matemáticas dedicou esta Semana da Ciencia a  Samuel Loyd, o inventor dalgúns dos máis xeniais xogos e probas de enxeño de toda a historia, e ás matemáticas recreativas.
Durante os primeiros recreos había que resolver tres problemas creados por el e nos segundos recreos un doutros autores. Os problemas eran distintos cada día. Cada alumno participante tiña un carné persoal no que cun selo quedaba constancia da súa participación e logros.









A TÁBOA PERIÓDICA A CONCURSO


Co obxecto de celebrar os 150 anos da presentación da táboa periódica de Dmitri Ivánovich Mendeleiev. o alumnado da ESO e da FPB pintamos o táboa periódica na parede do corredor do Laboratorio de Física:

Ademais o alumnado de 2º e 3º de ESO participou na construción dunha táboa periódica actualizada durante os recreos dos catro días de duración da mostra, aportando de xeito individualizado e por grupos os 118 elementos químicos que a compoñen, así como unha breve recensión sobre eles.


Durante os recreos da Semana da Ciencia, puidemos participar, por parellas, nun concurso de adiviñas sobre os elementos da táboa periódica.



REGRAMENTO
1.-Número de participantes: 2 por grupo
2.-Nome do grupo relacionado coa Física e a Química

DESENVOLVEMENTO DO CONCURSO
1.- Fase eliminatoria por roldas de dous grupos
2.- Hai que pescudar o nome do elemento extraído na carta. Para isto cada grupo disporá de 3 pistas e 3 preguntas de resposta pechada si/non.
3.- O grupo fará uso das 6 posibilidades na orde que desexe, sendo obrigatorio comezar cunha pista sobre o tipo de elemento (metal, metal de transición, non metal ou “ningún destes”).
4.- A puntuación parte de 10 puntos e cada pregunta/pista solicitada, sen acertar a resposta, restará 2 puntos.
5.- O tempo dispoñible para dar a pista ou para contestar a resposta será de máximo 10s.
6.- Gañará e pasará á seguinte rolda o equipo que obteña máis puntos.






Os gañadores/as do concurso foron de esquerda a dereita: Anxo Gómez de la Campa (2º ESO-B),
Mario Cordero González (2º ESO-B), Carla Rial Guimeráns (1º Bacharelato-B),
Isaac  Piñeiro Iglesias (1º Bacharelato-B) e Matías Joaquín Bidegain Vicce (3º ESO-C)


8.4.19

APRENDENDO AS RASTREXAR: OBRADOIRO

O alumnado máis novo foi o encargado de dirixir este obradoiro onde explicaron en galego como reproducir pegadas de animais: gato, can, gaivota, coello... ata a dun lobo.

 










APRENDENDO A RASTREXAR AS PEGADAS DO PASADO

Aprendérmonos a recoñecer pegadas é a proposta do departamento de Bioloxía e Xeoloxía para esta Semana da Ciencia. O alumnado de Anatomía de 1º de Bacharelato preparou unha impresionante exposición na entrada do instituto, remontándose as pegadas máis antigas descubertas polo home: as dun dinosaurio, o Velociraptor, que reproduciron a tamaño real. Na visita guiada que realizan poderedes medilas vós mesm@s.



Tamén nos mostraron unha reprodución das pegadas humanas máis antigas, as do xacemento de Laetoli, en Tanzania.



Non deixedes de pasarvos pola exposición!!!

5.4.19

CONTAXIA CIENCIA EN GALEGO

Preparádevos, que chega a Semana da Ciencia, con obradoiros en todos os recreos. Este ao temos unha celebración moi especial: a Táboa periódica cumpre 150 anos. E para celebralo o alumnado de física e química pintouna nun corredor do instituto, xunto ao laboratorio, en galego, por suposto. Así de ben quedou:


Por iso este ano teremos un concurso moi especial, tipo "Quen é quen?" na Semana da Ciencia competindo por adiviñar os elementos a través de pistas e preguntas.  Tamén haberá pegadas que rastrexar desde os mesmos dinosaurios, experimentos abraiantes, xoguetes tecnolóxicos...
Non podes faltar!!!