23.2.18

LEVAMOS A ROSALÍA Á PRAIA DE RODEIRA

Quixemos espallar os versos de Rosalía aos catro ventos para celebrar o seu aniversario e invitamos a todos e a todas as que pasaban a asomarse a unha fiestra aberta ao mar da nosa praia de Rodeira.


ASÓMATE E RECITA A ROSALÍA



22.2.18

NA CASA DE ROSALÍA


Onte o alumnado de 1º ESO fomos de excursión a Padrón. Cando entramos no recinto da casa-museo de Rosalía , a impresión que tiven foi que a casa estaba moi restaurada. Era unha casa grande, o tellado vermello e os bordes das ventás negros. Paseamos polos seus xardíns que estaban cheos de todo tipo de camelias, pereira de aveliño, castiñeiro de Rosalía, carballo de Guernika, figueira, oliveira, camelia, piñeiro, castiñeiro, ciprés e un ombú, que chamaba a atención porque era xigantesco. 



No xardín tamén había unha cociña médica de farmacia e un monumento chamado “Baltar de Padrón”, cunha escritura tallada na pedra e un retrato da poetisa coas datas de nacemento e morte.


Despois visitamos a casa-museo. Ao entrar había unha tenda con camisetas, libros e agasallos sobre Rosalía. Na primeira sala había telegramas, periódicos e fotos con explicacións. A guía contounos que a casa nunca chegara a ser de Rosalía, que ela casara con Murguía e que tiveran sete fillos, pero dous morreran de pequenos. Rosalía non tivo netos e xa non queda ninguén da súa familia. Na segunda sala había fotos das distintas casas nas que vivira Rosalía. Ela bautizárase sen apelidos, pero nos rexistros aparecía co apelido da súa nai. Nos estudos, aprendeu a tocar instrumentos, falar francés e actuaba como protagonista en obras de teatro. Rosalía coñeceu a Murguía, o seu home, en Madrid. Morreu aos 48 anos a causa dun cancro de útero. Na terceira sala había unha mesa electrónica que proxectaba libros dela e escritos. Unha gran variedade de autores puxéronlle música aos seus poemas. Na cuarta, había unha cociña galega do século XIX cunha fermosa lareira. Subimos as escaleiras e atopámonos unha sala con escritos e cos nomes dos fillos de Rosalía: Alejandra, Aura, Gala, Ovidio, Amara, Adriano (morreu cun ano) e Valentina (naceu morta). Logo chegamos á habitación de Rosalía. Alí estaba a súa cama que tiña unha flor enriba que lle cambian cada día. O que máis me sorprendeu foron un guecho de cabelos seus que estaba exposto no seu tocador; Logo, un salón e un maniquí cun dos seus vestidos. Na última sala había escritos, cadros e unha bandeira de Galicia.





Logo visitamos o Xardín Botánico, onde nos propuxeron una actividade: anotar os nomes vulgares e científicos de cinco especies de árbores distintas. Ademais do nome había outra referencia que tiña que ver coa súa historia: carballo do ouro, palmeira do 11-M, ciprés do ano xacobeo 2004, xagú do Xapón… Relaxaba moito estar entre a natureza,

Na praza Macías merendamos e pasamos un tempo de lecer. Rematamos coa visita á igrexa de Padrón na cal había unha curiosa pedra debaixo das figuras dos cristos, e á alameda que tiña dúas esculturas, una de Rosalía e outra de Camilo José Cela. Foi unha mañá moi fermosa chea de lugares agradables e de coñecementos para aprender e non esquecer. Pasámolo xenial!






XA TEMOS FIESTRA

Xa está todo preparado para celebrar o aniversario de Rosalía. Así de ben nos quedou a fiestra que abriremos para recitar os seus poemas. Mañá é o día. Todos e todas estades convocados para recitar os vosos poemas favoritos. Participa!!!


19.2.18

ATRÉVETE A ABRIR FIESTRAS COMO ROSALÍA

Achégase o Día de Rosalía e, como cada ano, queremos responder á chamada da Asociación de Escritores en Lingua Galega que nos invita:  #AbrideAFiestra. Xa estamos construíndo a nosa fiestra. Preparade os vosos poemas favoritos e vinde abrir a fiestra e recitar a Rosalía.


Manifesto ABRIDE A FIESTRA Día de Rosalía de Castro 2018
Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.
María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#AbrideAFiestra

16.2.18

GRAZAS POR ATREVERVOS A QUERER EN GALEGO

Coas últimas fotos e a entrega do correo de amor e amizade puxemos broche de ouro á campaña de amor máis participativa. Grazas a todos e todas!!! 












14.2.18

ÚLTIMOS DÍAS...

... para facerte fotos e entregar as túas cartas, postais e murais de amor. Atrévete!