29.10.13

CONVERSA EN GALEGO PARA PERSOAS ADULTAS


SAMAIN NAS AULAS


Así de decoradas quedaron as aulas do instituto para celebrarmos o Samaín.














3º ESO A foi a aula gañadora. Mesmo fixeron unha pequena dramatización que incluía un libro máxico no que cada alumno se convertía nun superheroe con diferentes poderes.


28.10.13

DEMOSTRA OS TEUS DOTES DE CAZAPANTASMA: XINCANA


Aquí tedes as fotos da xincana do alumnado de 1º da ESO, na que competiron en grupos, saíndo unha parella de cada vez, para contestar o maior número de preguntas no mínimo tempo, buscando a información nos taboleiros da exposición do SAMAÍN e memorizándoa. Parellas de alumnado do equipo de 4º da ESO  axudaron ao alumnado máis pequeno a gardar a orde de saída, a buscar nos taboleiros e tamén fixeron de xuíces e xuízas escoitando as súas respostas en perfecto galego e selando as tarxetas para dar saída á parella seguinte.

DEMOSTRA OS TEUS DOTES DE CAZAPANTASMA: CONCURSO


21.10.13

CONCURSO-EXPOSICIÓN DO SAMAÍN

O concurso-exposición do Samaín está a ser todo un éxito grazas á colaboración de profesorado e alumnado.  As cabazas tiveron un espazo destacado pero houbo catro máis en torno ás historias tradicionais asociadas ao poder escuro dos catro elementos básicos: auga, lume, terra e aire, nos que, xunto á información escrita, reproducimos os personaxes a tamaño real.

AS CABAZAS
                                    


No centro da exposición tivemos dúas fermosas cabazas talladas por dous alumnos de 1º de ESO que obtiveron premio no concurso. Tamén houbo un mural cunha grande cabaza e outra feita en papel pero chea con bolsas de lixo para darlle volume. Xunto a elas carteis explicativos da tradición celta do Samaín e do costume de taller e acender cabazas esa noite.


 

 AS FORZAS DO LUME

- No espazo dedicado ás forzas do LUME montouse un aquelarre con tres bruxas arredor do lume.

 








                                            



AS FORZAS DA AUGA


No espazo dedicado á auga houbo unha fonte, un lago, un río e un mar cheo de ondas onde cobraron vida a lenda da Poza da moura, a historia das lavandeiras da noite no río, a atracción fatal de fadas dos lagos e sereas e a lenda sobre os xacios e xacias do río Miño.





AS FORZAS DA TERRA

No espazo das forzas da TERRA nun camposanto de terra cheo de tumbas, zombies, esqueletos e momias e ata un lobishome deron vida á tradición de Santo André de Teixido e aos relatos de Ánxel Fole, Dieste, Castelao e Risco.




  AS FORZAS DO AIRE

Para as forzas do AIRE, organizamos un espazo en torno á Santa Compaña, espíritos e seres fantasmais e outro espazo dedicado a morcegos e vampiros.



MÁIS TRABALLOS PRESENTADOS AO CONCURSO:

- Murais presentados polo alumnado de 1º Bacharelato de Debuxo artístico.




E dous vídeos que se proxectarán na pantalla da planta baixa do instituto:
- O panteón dos esquecidos dun grupo de alumnado de 4º.








- un vídeo do alumnado de 2º de Bacharelato de Arte e ademais unha reportaxe fotográfica en branco e negro.

8.10.13

APRENDENDO HISTORIA NO CASTELO DE SOUTOMAIOR



O alumnado de 3º da ESO visitamos o castelo de Soutomaior. Está situado nun lugar que domina o territorio enmarcado polo val do río Verdugo, dende a súa confluencia co Oitavén ata a súa desembocadura na enseada de San Simón, en Arcade, permanecendo así agochado das invasións realizadas por mar de normandos, turcos ou  piratas.  Contáronnos que a construción orixinal data do século XII, se ben será con Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido polo alcume de Pedro Madruga co que alcance o seu máximo esplendor xa que chegou a ser o epicentro da actividade política do sur de Galicia durante o século XV. Foi derruído durante a Revolución Irmandiña e Pedro Madruga intervirá moi directamente na súa reconstrución. No século XIX o castelo pasa a mans do marqués da Vega de Armijo que o transforma, coa construción neogótica da "Galería de Damas", nunha residencia de verán.

No seu interior puidemos pasear polas antigas estancias totalmente restauradas. Estes espazos empréganse para exposicións. Na que nós visitamos, acompañados dun guía, puidemos informarnos nos paneis sobre as formas de vida da sociedade medieval e mesmo experimentar, probando armas como a espada, o arco  e a bésta.

Nos extramuros, visitamos tamén os maxestosos xardíns onde sobreviven castiñeiros de oitocentos anos de antigüidade. Teñen unha rica, variada e centenaria flora, unha praza rodeada de plátanos, unha avenida de hortensias e unha fermosa e variada colección de camelias.




1.10.13

CONCURSO SAMAÍN

Xa está convocado o concurso do Samaín. Axúdanos a encher a planta baixa e as aulas do instituto de creatividade, dando un paso adiante en defensa da nosa cultura propia. Poñede xa en marcha as vosas ideas para, de xeito individual ou en grupo, encher de creatividade as aulas e a planta baixa do centro inspirándovos nos personaxes da tradición galega e nas historias e lendas de medo e de terror. Aquí tedes unha presentación para inspirarvos.