31.3.20

FRANCO GRANDE

Moitos o coñecemos por un dicionario galego-castelán de pastas vermellas que comezou a circular nos tempos da ditadura. Nacido en Tomiño en 1936, Xosé Luís Franco Grande recolleu nel máis de 40.000 palabras nunha obra que formou parte da educación de moitxs escritorxs e lectorxs que aínda seguiamos consultando as súas páxinas cando non atopabamos as palabras de noso nos dicionarios normativos.



Tamén destacou a súa obra literaria nos tempos da resistencia, nos que se sumaría á fundación na clandestinidade do PSC. Vieiro Choído como dramaturgo en 1957, Entre o si e o non como poeta en 1967, como ensaísta Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración, en 1985.

O noso recoñecemento ao poeta, ao memorialista, ao recolector de palabras, ao loitador pola democracia que nos vén de deixar hoxe.




ENREGUÉIFATE 2020

Malia a estado de alarma, o Enreguéifate botou a andar este ano para animar a pequenos/as e maiores a pasar o tempo agudizando o enxeño a través da arte da regueifa. 

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Aínda que houbo que renunciar aos obradoiros, mantense o concurso de vídeos regueifando. Está aberto o prazo ata o 29 de maio. Anímate!



27.3.20

GALICIA LE


Queredes ler pero non tedes libros na casa? A Xunta de Galicia vén de solucionar o problema poñendo en aberto a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas: GaliciaLe. Así poderedes descargar en ordenadores, tablets ou móbiles obras en formato dixital  máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais suma 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais.
Para facilitar o acceso a esta plataforma só é necesario rexistrarse mediante o formulario dispoñible na páxina web de GaliciaLe. Tras cubrir o formulario, o usuario recibirá no seu enderezo electrónico as claves para acceder a plataforma. Cando remate o estado de alarma, os usuarios disporán dun período de 30 días para e recoller o seu carné e seguir gozando das vantaxes da rede de bibliotecas públicas de Galicia e desta plataforma.



Como complemento a esta iniciativa, os arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen una viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos destacan exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.


Ademais, e aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria.

Tres boas opcións de visitas virtuais para comezar, por ser centros estar afastados das cidades e a súa interesante proposta museográfica, son o Museo do Castro de Viladonga e ao propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro. Ademais, pode facerse unha visita virtual polos espazos de todos os museos xestionados pola Xunta.

26.3.20

PANTALLAS 3D no IES de RODEIRA

O Departamento de Informática do noso instituto, ante as dificultades de conseguir material de protección para os sanitarios, puxo a funcionar as impresoras 3D e está a fabricar unhas 40 pantallas diarias que xa están empregando no Centro de Saúde de Cangas. Parabéns polo voso traballo!!!


21.3.20

FELIZ DÍA A ÁRBORE E DA POESÍA

Xa que non podemos celebralo no instituto, terémonos que conformar con facelo desde as nosas casas.

Para que non poida ver as árbores desde as súas ventás, aquí vos deixo un vídeo, que active a forza da imaxinación porque esa si que non sabe de confinamentos.



20.3.20

PANDEMIA DE CONTOS


Pandemia? Si, mais de contos! Esa é a proposta virtual que desde o colectivo NOGA, Narración Oral Galega, botaron a andar para vivir en positivo estes días de illamento.
Aquí tedes o primeiro pero prometen un por día na súa canle así que atentos!!!






E A PRIMAVERA CHEGOU

Aínda pechados notamos que os días medran e hoxe celebramos o comezo da primavera. Boa ocasión para retomar o noso contacto co portugués con este fermoso vídeo no que escoitamos un poema de Irene Vella na voz de Rui Unas.

19.3.20

SON DA CASA

O talento galego non deixa de poñerse ao servizo de cantos estamos recluídos na casa. E a música non ía ser menos. O festival Son da Casa convídanos no torreiro do noso Instagram mañá venres e o sábado 21. 

Aquel-e será o mestre de cerimonias:

17.3.20

16.3.20

AULAS GALEGAS

Acaba de comezar a corentena e o profesorado galego xa está en acción para manternos activos mentalmente e moi achegadiños á nosa lingua.


Aulas galegas é un portal educativo realizado por un colectivo de profesoras e profesores sen ánimo de lucro que cremos que ante a situación de illamento provocada polo coronavirus Covid-19 debemos ofrecerlle unha axuda educativa á sociedade.

Aulas galegas nace para axudar o alumnado, as familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego.

A vocación deste portal educativo non é substituír as indicacións educativas que o profesorado lle faga ao seu alumnado no ensino regrado nin o papel das administracións educativas.
A nosa intención é ser unha fonte de recursos que sume no panorama educativo galego.

Para o alumnado e as súas familias publicaremos cada día material clasificado por nivel académico e materia para as etapas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Compartiremos contidos educativos de elaboración propia feitos especificamente para esta iniciativa e tamén outros que xa existen e que paga a pena divulgar.

Para o profesorado imos crear unha sección organizada por departamentos didácticos onde se poidan atopar páxinas doutro profesorado galego desas materias.
Estamos na casa pero non estamos parados.

A educación en galego continúa.

Galicia, 16 de marzo de 2020

CORENTENA EN GALEGO

Non todo van ser malas novas con esta pandemia que nos ten recluídos na casa. Toca activar a nosa creatividade e aproveitar oportunidades como esta que nos ofrece Novo Cinema Galego. Xa que non podemos saír ao cine esta fin de semana ofrécennos en aberto, desde a súa páxina web un ciclo de 16 filmes, seis deles longametraxes, entre os que destacan Vikingland (Xurxo Chirro, 2011), O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013)ou Todos vós sodes capitáns (Óliver Laxe, 2010).


Tamén Luís Prego nos manda un punto de muiñeira para facer exercicio pola casa:


E Kalandraka ten en marcha na súa web a sección Contos contados que estrea Xosé Ballesteros, quen nos relata O coelliño branco, unha adaptación a partir do conto popular portugués con ilustracións de Óscar Villán.



15.3.20

DE CORENTENA, DigochoEu

Pois non. O coronavirus non vai acabar connosco #DígochoEu.
Hoxe #QuedamosNaCasa para contarche que non debes dicir *cuarentena senón corentena porque vén de corenta.


Neste enlace da RTVG poderás atopar outras leccións moi interesantes.

9.3.20

POLOS COMERCIOS DE CANGAS

Polos comercios de Cangas
anda un rumor de xente nova
compartindo a ledicia de ser muller
que derruba fronteiras.















3.3.20

CONTRAPUNTO -de Tanxugueiras- UN CANTO AO FEMINISMO


Aquí tendes os actos organizados polo Concello na celebración do Día da muller. Xa comezamos o venres. Vémonos no Auditorio ás 21:15 para a presentación do novo traballo de Tanxugueiras, Contrapunto. Non faltedes que vale moito a pena!!!







MULLERES QUE DERRUBAN FRONTEIRAS

Ese foi o reto para os departamentos na celebración do Día da Muller: encher os corredores do centro e as rúas de Cangas coas mulleres, de todas as épocas históricas e de todos os ámbitos científicos e culturais, que derrubaron as fronteiras que as limitaban e abriron paso aos dereitos dos que gozamos hoxe. Todas elas van tecendo unha rede de cores á que todas e todos estamos invitadas a unirnos, a da IGUALDADE.



O alumnado de Animación Socioeducativa reflexionou sobre cales son esas fronteiras que aínda hai que derrubar para conseguir a igualdade e convertéronas en pedras dun muro que invita a reflexionar a toda a comunidade educativa.