22.5.20

INSTA EN GALEGO


A Iniciativa Instagram en galego, coñecida por Insta en galego e promovida polo activista dixital Carlos Vieito, naceu en 2018 co obxectivo firme de contribuír a galeguizar a rede social Instagram, comezando pola súa tradución ao galego e, tamén, promovendo o uso da lingua entre os seus usuarios e usuarias. Co devandito no punto de mira, lanzáronse campañas e lemas animando á xente a demandar que Instagram estea en galego.

Nestes tempos de pandemia é unha das principais fontes de actividade online contribuíndo á cultura e ao lecer con directos diarios a través da dita rede social, tirando partido dela para promover a cultura e o uso da lingua galega. Son directos “con risas e conversas amenas con persoas que nos contan como pasan o seu confinamento”, sinala Vieito, lembrando que entre as persoas que pasan polo programa atópanse Gonzo, Sabela Ramil, Sés, Touriñán, Vero Boquete, Blondie Muser, etc.

Co gallo das Letras Galegas a iniciativa preparou unha maratón de directos dende ás 10 da maña até ás 10 da noite con entrevistas a todo tipo de persoeiros e institucións que promoven a lingua no seu día a día. Na grella da maratón participaron A Mesa ou AGAL; artistas como Xabier Diaz e Carlos Blanco; traballadores/as da lingua como Nel Vidal, Carlos Callón e Pilar Ponte, ou empresas que promoven a lingua como Rei Zentolo ou a Escola Semente, entre outras.





No comments:

Post a Comment

e ti que dis?