A primeira proba foi falar coa xente no centro de Cangas. Preguntámoslles se pensaban que Cangas era un pobo aberto ou había moitos prexuízos, concretando no respecto cara a colectivos como os inmigrantes, os homosexuais, a xente estravagante con gustos diferentes á maioría, as clases marxinais... Logo sentamos no dique a comentar as respostas. Houbo chave para todos e todas as que falamos.
A segunda proba fixémola en Massó. Tivemos que demostrar o coñecemento da nosa lingua. Cada grupo preparou definicións e os outros grupos tiveron que adiviñar a palabra á que se referían, conseguindo unha chave por cada acerto.
A terceira proba foi en Area Milla. Tocaba rirse de nós mesmos e imitar o confesionario de "Gran hermano" reproducindo os díxome díxome que impiden que empreguemos a lingua libremente. Esta foi a proba máis difícil e non moitos se atreveron.
A cuarta proba é xa un clásico. No túnel que inicia o camiño máis estreito a Santa Marta, aproveitando o eco, tiñamos que cantar moi forte en galego para facer fuxir as pantasmas dos prexuízos e poder cruzalo. Ao saír, vingámonos dos profes e fixémolos cantar tamén a eles... Hai que recoñecer que non o fixeron mal de todo...
O día foi moi fermoso e permitiunos gozar da praia, do volei, das cartas, da conversa... orgullos@s de ser quen de manternos falando galego para non perder as chaves conseguidas que, cando regresamos, puidemos trocar por chocolate. Foi un día xenial!
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?