Wilhem, Miguel, Cristina e mais eu, Cibrán, alumnado
de física de 2º Bacharelato asistimos hoxe á Masterclass europea de física de
partículas nas Facultades de Física e Óptica da USC. No transcurso desta
actividade achegámonos ao labor
desenvolvida polo CERN en materia de estudo das interaccións dos corpos a nivel
microscópico co gallo de explicar os inicios do Universo.
Este centro de investigación atópase na fronteira entre Suíza e Francia, á altura
de Xenebra, e conta cun cadro de persoal de preto de 10.000 científicos
especializados en diferentes campos, ademais de contar coa axuda do CMS e o
ATLAS, instrumentos cos cales se obteñen os datos do acelerador LHC cos que
logo se traballa.
En Santiago reunímonos con máis alumnado chegados de
diferentes centros de Galicia. A xornada comezou cunha presentación e introdución
básica ao modelo estándar de física da
man de Diego Martínez Santos (gañador do Premio ao Mellor Físico de Partículas de Europa) e Xabier Cid
Vidal, estendéndose dende as 9:30 ás 10:55. Tras facer unha parada para xantar
no comedor universitario, levouse a cabo a sesión de análise en ordenadores explicándonos
o labor da análise dos datos cedidos polo acelerador do CERN, onde usaron datos
reais para comprender como se puido descubrir o Bosón de Higgs e a
concentración nos choques do resto da partículas fundamentais que dan lugar ao
resto dos elementos. Resalta aquí a pescuda dunha nova partícula, o gravitón,
cuxa existencia xa é prognosticada a nivel teórico, como no caso do Bosón de
Higgs.
A conferencia pechouse cunha discusión dos resultados
obtidos e finalmente cunha videoconferencia, onde a USC contactou con seis
institutos doutros países e sendo mediador o CERN, representado por
investigadores que respondían ás diversas preguntas do alumnado tanto sobre o
traballo desenvolvido por estes, como sobre as pretensións de futuros avances
nas súas investigacións (descubrimento do gravitón).
O galego foi hoxe, libre de calquera prexuízo, lingua
científica das conferencias sobre física de partículas e do debate entre
conferenciantes e alumnado.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?