Cales son os límites da sustentación aerodinámica non motorizada? Que
parámetros de navegación pode superar un aparello voante en soporte celulósico?
Dende hai séculos, milleiros de escolares enfróntanse a estes interrogantes,
incluso en horas lectivas. Incontables avións de papel sucan todos os días os
espazos aéreos académicos. Mais non é posible acadar a excelencia con
experiencias illadas. A superación esixe unha competición aberta e sistemática.
Un desafío: BO VOO
Aproveitando a fin do trimestre, o alumnado de 1º BACH A organizamos
o CERTAME BO VOO no que se enfrontaron
catorce equipos con avións de papel nas modalidades de distancia, acrobacia,
precisión e planeo. Dispuxemos todo o material en galego (carteis, inscricións...)
e foi tamén a lingua dos presentadores e anotadores de resultados. Os avións
debían ser realizados in situ e postos a proba baixo a atenta mirada de público
e xurado. O alto nivel dos trofeos facía a competencia, se cabe, mais
apaixonada. A maña soleada e con lixeira brisa animaba á participación.
O primeiro impacto produciuse na proba de distancia, cando WHITE ARROW
(1ºBACH) acadou un récord de 44
metros nun lanzamento imparable que pulverizou as marcas
anteriores. Volveu impoñerse na seguinte proba, cun 80% de precisión. Foi alcanzado
na proba de planeo por VIN POLO VENTO (3º ESO), quen mantivo o seu aparello no
ar máis de 15 segundos. FLYING CREW (3º ESO) conseguiu o trofeo en acrobacia. E
AGAPORNIS (1º ESO) entrou 3º na xeral tras rozar os primeiros postos nas
sucesivas mangas.
Ao rematar entendemos que non era a fin, senón o comezo. Os límites da
aeronáutica poden ser ultrapasados. Hai moito que investigar, probar, adestrar.
Xa estamos preparando o seguinte certame.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?