19.4.17

UN CESTO DE MAZÁS

Hoxe tivemos unha nova sesión do Vaidelibros enmarcada na celebración das Xornadas Agostiño Entenza, que este ano dedicamos á memoria histórica, arredor do libro Un cesto de mazás. É un libro histórico escrito pola periodista Montse Fajardo, o cal relata a “memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu” con absoluta realidade e crueza, describindo todas as persecucións e detencións durante a Guerra Civil española e os anos posteriores, así como o sufrimento das familias e todas esas historias reais que na súa maioría rematan en asasinato.  O libro consta de 16 relatos, acompañados de dúas pequenas presentacións ou prólogos, os agradecementos e varias páxinas dedicadas a fotografías dos protagonistas do libro, denominadas os rostros. Todos os relatos están baseados en historias reais, intentando axustarse á realidade o máximo posible. É por esta razón que están sempre relatados por persoas próximas ós protagonistas. A presenza da escritora neste libroforum deunos a posibilidade de coñecer como foran estes encontros, sempre moi emotivos, con familias desexosas de que se coñecese a historia ocultada da represión dos seus. Foi un encontro moi ameno e interesante e tamén emotivo e triste aínda que procuraramos albiscar esperanza no presente e no futuro.


No comments:

Post a Comment

e ti que dis?