20.4.20

LUZ POZO

Neste tempo de confinamento volvemos falar de perdas. Deixounos Luz Pozo Garza. Quédanos para sempre a súa voz, unha voz que quebrou normas e modelos. Muller culta, voz pública feminina, pensadora e activa con forza propia, lonxe dos convencionalismos estéticos.

Nacida en Ribadeo en 1922 foi poeta, ensaísta, filóloga e catedrática de literatura no ensino secundario e membro da Real Academia Galega desde 1996.

A súa voz poética medra sen medo, con atrevemento, explorando cun sorriso aberto desde aquel poemario O paxaro na boca (1952) nos anos da ditadura ata o seu derradeiro Pazo de Tor (2019). Con Luz fala a soidade, o desamor mais tamén a liberdade, o amor, a sensualidade, a plenitude vital, a transcendencia e o misticismo.

Illas Cíes, poema publicado no libro Prometo a flor de Loto, 1992

Nas Cíes descubrimos a pericia das aves
e a medida celeste onde reside a luz

Bañámonos nas ondas
a compartir sulagos con dóciles palmípedas
e cunchiñas de nacre                                                        

Con labios exaltados bicábasme nas tempas
E querías que fora a raíña dos mares
Ou deslizabas verbas secretas nos oídos

Nos xogos inocentes
Debuxei no teu peito os signos da alegría
Despois grabei na area os símbolos da patria:
espirais
caracolas
esvásticas solares
Cousas do paraíso…

Naquelas latitudes oceánicas azul
azul delirio
tracei como remate un labirinto tácito
para salvar o amor

Aquí podedes escoitar os seus versos, nunha homenaxe a Luz Pozo, na voz de Yolanda Castaño.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?