23.6.10

GUIMARAENS 2010

O inicio da excursión a Portugal estaba oficialmente datado para o día 29 de abril máis ou menos a segunda hora, pero todos sabemos, incluso os profesores, que esta excursión ocupaba todo o sitio da nosa cabeza de estudantes dende o remate do exame do libro de galego do día anterior ou podería dicir que incluso dende antes.

Diriamos que todo empezou con normalidade coas típicas batallas por conseguir os asentos traseiros do autobús pero sen chegar a derramar sangue. A viaxe ata Portugal foi tranquila, amenizada de fondo cos berros indispensables nunha excursión deste ano. Ao chegar dimos un par de voltas por Guimarães no autobús, supostamente para vela un pouco. E ver vímola, sobre todo a parte da rotonda a que dimos un par de voltas, pero todo isto só por vela, nin se vos ocorra pensar que o condutor se perdera nalgún momento. Neses 10 minutos de “visita turística no bus” a Guimarães, como non podía ser doutra maneira, cremos ver como 5 albergues diferentes nos cales supostamente iamos durmir... Aparcamos, breve camiñada e chegada ao primeiro punto clave.

Primeira impresión da guía: persoa tranquila con paciencia que sabía do que falaba, sempre en portugués por cortesía de Tilves. Pero o máis destacado desta 1ª parada non foi o castelo nin a historia de como Guimarães pasou na Idade Media de ser nada a un gran pobo con gran cantidade de igrexas e castelos que busca ser capital europea da cultura en 2012. O que máis atraeu os nosos ollos e un pequeno indicio de atención foi a famosa estatua do primeiro rei de Portugal tan ollada no libro de galego e os misterios de porqué había un home que vixiaba os baños públicos cada vez que saía alguén e sobre todo porque a guía tiña unha gran flor de peluche a cal non soltaba nunca, pero para resolver iso necesitaríamos outra visita e penso que Portugal e o albergue aínda non están listos para volver
acoller os alumnos de 1º de Bacharelato...

Pero o que importa foi como seguiu a excursión: despois dunha visita de moito camiñar, ver e oír cousas que nos importaban moitísimo, chegou a hora de comer. Descubrimos que en Portugal tamén hai cabinas de telefono londinenses, inauguramos unha fonte dos desexos e comezamos a darnos conta de que a puntualidade dos profesores fóra do instituto era escasa.

O día seguiu transcorrendo con tranquilidade e sen altercados salientables, subida en funicular a unha montaña a cal tiña unha igrexa e un parque realmente bonito onde puidemos gozar de unha hora de lecer para descansar. Baixamos igual que subimos e dirixímonos por fin ao albergue onde tivemos un “pacifico” reparto de habitacións e despois tempo para aprovisionarmos de comida para a noite e para descubrir que dispoñiamos dun ático enteiriño para nós e repleto de butacas e coxíns idóneos para realizar unha batalla de almofadas con eles, cousa que, como somos rapaces responsables, non fixemos. Chegou a cea e con ela as primeiras queixas sobre a comida, a cal tiña cousas boas e cousas non tan boas... Despois de rematar aos poucos de cear e bebernos unha gran dose de café, algúns saíron a dar unha volta e outros quedamos a gozar do ático ata unha hora razoable. En canto Tilves decidiu que era xa o momento de irse a durmir e descansar, pois ordenadamente metémonos nas habitacións e sen facer escándalo e deixando durmir aos profesores acochámonos nas camas e descansamos placidamente cada un na súa habitación toda a noite, por iso ao día seguinte todos estabamos espertísimos e listos para atender as explicacións que a guía nos deu dos lugares que nos tocaban visitar: ruínas do castro, casa dun fotografo, breve viaxe no funicular máis antigo de Europa, visita ao Bom Jesus e mais igrexas entre outras cousas. Comemos en Praga onde nos pediron que estiveramos puntuais no sitio de reunión ó cal os profesores chegaron 15 minutos tarde gañándose o segundo corredor e aplauso da excursión.

Tivemos outra visita a máis “interesantes” igrexas e 20 minutos para facer a correr a compra de regalos familiares ou simplemente algún que outro capricho persoal. Despois de andar ás carreiras todos tomamos dirección ao autobús onde nos despedimos da guía e de Portugal, e onde comezamos a facer reconto dos grandes momentos da excursión e de que aínda que tiveramos que facer grandes camiñadas co que todos nos quedamos foi co tempo que pasamos xuntos e con esas anécdotas que pasaran a posteridade. E con isto rematamos a esperada excursión a Portugal e comezamos a pensar xa nos 4 días de aventura en Cíes.

Iago Chapela Olivera

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?