4.5.17

PROS E CONTRAS



Un curso máis, as actrices e actores de Teatro A Réplika embarcámonos nunha viaxe descoñecida, unha aventura teatral que fomos descubrindo aos poucos. Inicialmente traballamos con xogosteatrais para formar ao actor e á actriz e crear así un ambiente que facilitase a relación e comunicación entre o grupo, pois a práctica teatral é unha actividade colectiva.
Cando chegou a hora de escoller un texto para representalo, o grupo estaba dividido, uns querían comedia e outras drama. Todos quedaron contentos cando xurdiu esta traxicomedia de Tahiche Rodríguez que se titula Pros e contras.
Baixo un tema actual, a obra afonda nas secuelas que deixa a crise económica na sociedade. Un rapaz deprimido que, sen traballo, abandonado pola súa parella e próximo a ser desafiuzado, ve como única saída o suicidio. A aparición de diversos personaxes evita que el consuma o seu obxectivo. Ao final atopa a luz cun novo amor.
O elenco está formado por 8 actores e actrices. Fernando de Peroy que en principio chegou ao grupo para facer de técnico, sen intención de actuar, asumiu o papel principal interpretando a Xesús, o rapaz suicida. María Santos fixo de Clarinda, unha veciña que metía os narices en todo canto se lle puxese diante. Mesmo di que o seu personaxe é igual que ela na vida real. Laura Piñeiro era Xandra, ex-moza de Xesús e Sara Malvido interpretou a Nina, filla de Clarinda, personaxe que irá desvelando as súas intencións ocultas.Aitor Gandón e TomásSoaje eran Paco e Nene. Estes personaxes cómicos mostran a outra cara da crise e representan ao poder. Iker Lemos e VíctorBoubeta estaban entre o público para rachar a acción e abrir un debate entre os asistentes.
Todas e todos fixérono de marabilla. Participamos e abrimos a XX Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo que se celebrou no Auditorio Municipal de Cangas entre os días 25 e 28 de maio. Despois da representación houbo un coloquio que abriu Alfredo Mantovani, pedagogo teatral de prestixio que forma tanto a estudantes da educación como a profesores. Tamén vimos de participar no Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR). Esa foi unha excelente representación recompensada cos parabéns dun público emocionado.






No comments:

Post a Comment

e ti que dis?