28.2.15

DESTAPA O GALEGO NA CIENCIA: en Santiago


Onte, 27 de febreiro, o alumnado de 2ºde bacharelato de ciencias fomos visitar o Centro de Medicina Xenómica de Santiago. Gozamos dunha interesante xornada rodeados de material xenético, laboratorios de investigación e científicos expertos na arte da biotecnoloxía. A visita, guiada por unha das xenetistas do centro, a través dun labirinto de cámaras frigoríficas con milleiros de copias de ADN e departamentos de purificación, duplicación xenómica e un largo etcétera de técnicas de análise e investigación, resultou ser unha experiencia motivadora e enriquecedora para os futuros biocientíficos de Galicia.

Tras un paseo polo centro de Santiago, coñecendo as distintas facultades no campo das ciencias (Medicina, Bioloxía, Matemáticas, Odontoloxía, Farmacia...) a xornada rematou cunha última visita ao renovado museo de ciencias naturais ‘’Luis Iglesias’’, que conta cunha amplísima colección de animais disecados de gran diversidade biolóxica, así coma un gran número de exemplares de rochas e minerais de distintas características e procedencia. En resumo, unha xornada fructífera que serviu de inspiración para os futuros científicos do país.







24.2.15

DESTAPA O GALEGO COÑECENDO A ROSALÍA



Rosalía está de día e hai que celebralo. Por iso a entrada do instituto encheuse cun gran corazón feito coas moitas fotos e carteis da nosa escritora máis recoñecida.











E, por suposto tamén cos seus versos. Traballamos os poemas nas aulas e invitamos ao alumnado a actualizalos, identificándose cos sentimentos, as denuncias, os compromisos e os gustos da nosa escritora. Os taboleiros da planta baixa enchéronse de cores, versos e bocadillos inspirados neles.




Tamén gravamos un vídeo para participar na campaña “Eu son Rosalía” organizada pola AELG.




E, como o curso pasado, participamos nun vídeo-poema colectivo sobre un texto de Rosalía con todos os centros do Morrazo a partir dunha proposta do Ceip Sequelo: Rosalía nas ondas do mar.





14.2.15

PALABRAS DE AMOR E DE AMIZADE



Gran éxito de participación con centos de fotos e cartas dedicadas! Grazas por dar vida ao galego para expresar o que levamos no corazón!









13.2.15

DESTAPA O GALEGO CELEBRANDO O ENTROIDO



Pena que non acompañase o día pero ao mal tempo boa cara e o  pavillón foi asaltado por unha grea estrafalaria de animais, deportistas, leñadores, granxeiros, hippies e ata houbo alfombra vermella e prensa para recibir ás grandes figuras do mundo do espectáculo… Todos coas súas coplas preparadas para meterse cos profes e coa vida do instituto… Que hai que quentar motores para o Entroido do Hío…


 

2.2.15

DESTAPA O GALEGO COMO LINGUA DO AMOR E DA AMIZADE



Hoxe celébrase a Candeloria, a festa tradicional galega que celebra a fin do inverno e preludia a chegada da primavera e do renacer da natureza. Desde hoxe ata o San Valentín, destaparemos o galego como lingua do amor e da amizade. E para celebralo xa tedes un espazo na planta baixa cun gran corazón onde podedes escoller versos e palabras de amor en galego para dedicar fotos ou escribir cartas e mensaxes dirixidos aos que máis queremos. Non esquezas visitalo nos recreos.





30.1.15

MANIFESTO do DÍA DA PAZ



Como construír a paz? Cambiemos balas por flores.
Cambiemos as balas das pelexas pola ilusión de ir a encontrarse cos amigos.
Cambiemos a incomprensión pola seguridade dun ombro no que poder chorar.
Cambiemos o terror a ser rexeitado polo sorriso que acolle o diferente.
Cambiemos a imposición do silencio polo diálogo e a procura de consenso.
Cambiemos labazadas por caricias.

Como construír a paz? Cambiemos balas por flores.
Cambiemos a miseria por unha vida digna para todos
Cambiemos a corrupción polo servizo público
Cambiemos a soidade do enfermo por unha sanidade gratuíta
Cambiemos a resignación por Stop Deshaucios
Cambiemos a pasividade e unámonos para loitar polos nosos dereitos.
Cambiemos as super-nais polo traballo doméstico compartido
Cambiemos un mundo dirixido por homes por postos de responsabilidade para as mulleres

Como construír a paz? Cambiemos balas por flores.
Cambiemos a ambición desmedida por Médicos sen Fronteiras
Cambiemos as pateras por un mundo sen fronteiras para os dereitos humanos
Cambiemos a gris intolerancia polo colorido da diversidade.
Cambiemos os tanques polo tren da bruxa.
Cambiemos as ruínas da guerra polos campos en flor.
Cambiemos o asubío das balas polo son do mar.

Que no noso paso polo mundo non empuñemos máis fusís que os que disparan flores.

CAMBIA BALAS POR FLORES




Construír a paz é un compromiso de todos e todas. Por iso, nas aulas pensamos nas actitudes que debían substituír ás balas para que os dereitos humanos poidan ser unha realidade: aprendermos a negociar, a explicarse para evitar malentendidos, procurar ser transparente, falar cos demais de igual a igual; ofrecer o teu punto de vista como unha opinión, escoitando a dos demais e procurando o consenso; respectar a intimidade dos demais, ser tolerante cando non compartas a opinión ou os gustos do outro, sorrir, botar unha man, interesarte polos problemas dos demais, protestar contra os desafiuzamentos e demandar que existan vivendas sociais, defender que os gobernos axuden os que viven na pobreza, esixir unha sanidade e unha escola pública de calidade e para todos e todas… e démoslle forma de flores. No acto do Día da paz, mentres soaba a música, despegamos as balas do mural e substituímolas polas flores saíndo dos fusís (como no cartel da revolución dos cravos portuguesa). Logo demos lectura a un manifesto, inspirado no texto de Caneiro coas achegas feitas nas aulas.


26.1.15

DESTAPA O GALEGO NO COMPROMISO COA PAZ E OS DEREITOS HUMANOS



Achégase o Día da Paz e decidimos inspirarnos nun fermoso texto do noso escritor X. C. Caneiro para invitar á reflexión. 

Cambio flores por balas. Cambio o rostro dun neno en Bagdad polo FMI, o petróleo, as bolsas. Cambio as voces das prazas, das almas en alma ganando o futuro, polas roldas de prensa do presidente e os seus portavoces grises. Cambio os teus olliños de mel polos telescopios, e satélites, e cámaras que atan o ceo azul de Irak. Cambio a vida pola morte. Cambio a alegría pola miña tristeza de impotente, inútil, columnista que golpea teclas, como lágrimas. Cambio a rebeldía pola submisión, a aquiescencia, lo que usted diga, mi señor, siempre a sus órdenes. Cambio un billete ao sol por todas as viaxes ao inferno. Cambio un minuto de tenrura por un minuto de telediario. Cambio bicos por uniformes militares. Cambio amor a dentadas por unha misión humanitaria en nome da orde internacional, a democracia, a seguridade y la madre que los parió. Cambio a insensatez da noite, polas guerras preventivas. Cambio o tren da bruxa polos tanques de Bush. Cambio os astronautas que buscan o paraíso polos astronautas que só buscan a lúa (que está chorando, cariño). Cambio, en definitiva, a túa mirada por todas as miradas. Tal vez porque os teus ollos disparan flores... Esas que cambio por balas.

Así que esta semana na planta baixa do instituto creamos un escenario das ruínas provocada polas guerras, con tres grandes fusís disparando aos dereitos humanos e reflexionamos nas aulas sobre as actitudes que causan as guerras e provocan situacións de violencia no noso mundo máis próximo que escribimos en balas que pegamos no mural saíndo dos fusís.
Pensando na vida no instituto, as balas enchéronse de acosos, humillacións, burlas contra os máis débiles, alcumes ferintes, ameazas,  chismes, de actitudes negativas como facer o baleiro, dar de lado, deixar mal, destruír o que é non é noso, impoñer a nosa opinión, poñer os nosos intereses por diante do ben colectivo, forzar a alguén a facer algo que non quere, insultar, querer mandar sempre, exercer o control, non escoitar aos demais, chantaxear, abusar, non aceptar ao que pensa diferente, marxinar ao que non ten os mesmos gustos que a maioría, difundir intimidades de outros...
Pensamos tamén nas causas da violencia na sociedade que nos rodea e as balas enchéronse de situacións inxustas que atacan cada día os dereitos humanos: non ter casa, non ter para comer,  non ter traballo, estar enfermo e non ter médico, non poder mercar as medicinas, que non te deixen saír do teu país, non poder ir á escola, que te obriguen a casar, non poder dicir o que pensas...




18.12.14

DESTAPA O GALEGO NA MÚSICA



E chegou o derradeiro día de clase deste primeiro trimestre e con el a festa de Nadal para o alumnado dos equipos. Cada un presentouse a través dun vídeo musical en galego co que nos invitaron a todos e todas a cantar e bailar. Pasámolo xenial!.

1º da ESO escolleu para nós unha canción de Sinchán que versiona de xeito divertido os versos do noso poeta Celso Emilio Ferreiro.





2º da ESO decidiu levar o galego aos máis pequenos. Para iso pedimos ao profesorado de infantil do colexio da Rúa, o máis próximo ao instituto, que todos os nenos e nenas aprendesen a canción. O alumnado de 2º preparou o vídeo e desprazouse ao cole para facer a gravación.





3º da ESO rapeou ao Som do Ghalpom


 





4º da ESO bailou disco co tema Búscame de Miguel Valbuena Vs Dj Piñas and Ramón Gz Feat, cantado por Leyla.

  4.-4ºeso from lingualiza1 on Vimeo.
 

E nós, o alumnado de Bacharelato escollemos o tema Terra de Dakidarría que versionamos, cantamos e gravamos nun videoclip.


O EDLG ten o profesorado con máis marcha do instituto. Escolleron un tema de Nao: Heroes da resistencia e fixeron este vídeo no que volven á mirada atrás, ao anos que levan tirando de nós e animándonos a falar en galego, mentres ía medrando a súa amizade até convertérense nunha familia.






12.12.14

DESTAPA O GALEGO NO NADAL



Que mellor que escumoso galego para brindar nestas festas. Dunha gran botella de BRINDE saíron as burbullas do gran mural que convidaba a toda a comunidade educativa a gozar do Nadal que xa chega en galego.











Na mesa, con produtos etiquetados na nosa lingua











E tamén nos agasallos: aquí tes os trípticos con recomendacións realizados pola Coordinadora de Equipos de Dinamización do Morrazo.











E non deixes de pasar a ver a exposición das novidades que nos ofrecen as editoriais galegas.










E o tendal de camisetiñas con lemas en galego que temos no mercado.  Inspírate e deseña ti unha orixinal en papel: se lle gusta ao xurado, o EDNL regálacha para que poidas lucila.










27.11.14

DESTAPA O GALEGO NOS ESTUDOS CIENTÍFICOS e NOS ACTOS PÚBLICOS.



O alumnado de 2º de Bacharelato da materia de Ética e Filosofía do Dereito preparou unha exposición sobre os primeiros códigos legais da humanidade utilizando o galego na tradución dos textos, nos paneis informativos e no acto de inauguración no que dramatizaron os discursos de destacados persoeiros das nosas institucións.