26.1.15

DESTAPA O GALEGO NO COMPROMISO COA PAZ E OS DEREITOS HUMANOS



Achégase o Día da Paz e decidimos inspirarnos nun fermoso texto do noso escritor X. C. Caneiro para invitar á reflexión. 

Cambio flores por balas. Cambio o rostro dun neno en Bagdad polo FMI, o petróleo, as bolsas. Cambio as voces das prazas, das almas en alma ganando o futuro, polas roldas de prensa do presidente e os seus portavoces grises. Cambio os teus olliños de mel polos telescopios, e satélites, e cámaras que atan o ceo azul de Irak. Cambio a vida pola morte. Cambio a alegría pola miña tristeza de impotente, inútil, columnista que golpea teclas, como lágrimas. Cambio a rebeldía pola submisión, a aquiescencia, lo que usted diga, mi señor, siempre a sus órdenes. Cambio un billete ao sol por todas as viaxes ao inferno. Cambio un minuto de tenrura por un minuto de telediario. Cambio bicos por uniformes militares. Cambio amor a dentadas por unha misión humanitaria en nome da orde internacional, a democracia, a seguridade y la madre que los parió. Cambio a insensatez da noite, polas guerras preventivas. Cambio o tren da bruxa polos tanques de Bush. Cambio os astronautas que buscan o paraíso polos astronautas que só buscan a lúa (que está chorando, cariño). Cambio, en definitiva, a túa mirada por todas as miradas. Tal vez porque os teus ollos disparan flores... Esas que cambio por balas.

Así que esta semana na planta baixa do instituto creamos un escenario das ruínas provocada polas guerras, con tres grandes fusís disparando aos dereitos humanos e reflexionamos nas aulas sobre as actitudes que causan as guerras e provocan situacións de violencia no noso mundo máis próximo que escribimos en balas que pegamos no mural saíndo dos fusís.
Pensando na vida no instituto, as balas enchéronse de acosos, humillacións, burlas contra os máis débiles, alcumes ferintes, ameazas,  chismes, de actitudes negativas como facer o baleiro, dar de lado, deixar mal, destruír o que é non é noso, impoñer a nosa opinión, poñer os nosos intereses por diante do ben colectivo, forzar a alguén a facer algo que non quere, insultar, querer mandar sempre, exercer o control, non escoitar aos demais, chantaxear, abusar, non aceptar ao que pensa diferente, marxinar ao que non ten os mesmos gustos que a maioría, difundir intimidades de outros...
Pensamos tamén nas causas da violencia na sociedade que nos rodea e as balas enchéronse de situacións inxustas que atacan cada día os dereitos humanos: non ter casa, non ter para comer,  non ter traballo, estar enfermo e non ter médico, non poder mercar as medicinas, que non te deixen saír do teu país, non poder ir á escola, que te obriguen a casar, non poder dicir o que pensas...




No comments:

Post a Comment

e ti que dis?