19.5.21

ESCOLLE TEATRO EN GALEGO: CURVA ESPAÑA


O próximo sábado 22 de maio, ás 20:00, CHÉVERE presenta no Auditorio de Cangas: CURVA ESPAÑA. 

 Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como detonantes dunha ficción teatral (Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso...). Este novo proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local. Nesta ocasión trátase dun relato que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense), durante os últimos noventa anos: a historia da curva na que se matou o enxeñeiro José Fernández España en 1927, cando traballaba no trazado ferroviario de acceso a Galicia entre Puebla de Sanabria e Ourense. Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artellamos unha peza que bebe do xénero policial, ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada e fronteiriza España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva. 

Curva España é unha adaptación a escena do formato deses documentais sobre crimes reais que inzan as plataformas de contidos audiovisuais tipo Netflix ou HBO. O escenario funciona coma un plató no que se van executando, gravando e editando en directo as distintas secuencias nas que se estutura a historia. Unha historia que dá para falar da España Baleirada, das consecuencias da Lei Mordaza sobre a liberdade de expresión, da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial. Pódese describir como unha obra cinescénica, unha autoficción documental ou un trhiller, sen renunciar a seguir facendo un teatro político que fala de nós mesmos e de como as promesas incumpridas do pasado afectan ao presente. 

 En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Leticia T. Blanco, Lucía Estévez. Dramaturxia e dirección: Xron. Escrita: Xron, Manuel Cortés, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo. 

 Non faltedes! Quedamos no Auditorio!

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?