Este curso propuxémonos mellorar, xunto coa nosa cultura, a nosa saúde física e mental, facendo rutas camiñando pola fermosa natureza do noso concello . Por iso collemos as mochilas para visitar un dos nosos espazos máis privilexiados, integrado na Rede Natura 2000: o Facho, a Costa da Vela, Cabo Home e a Praia de Melide, regresando pola praia de Barra.
Primeiro subimos pola calzado romana ata o monte Facho. Alegrounos moito ver que estaban de novo a traballar nas tarefas de escavación do castro que rodea o monte. Chegamos ata o cume, onde repasamos a historia deste lugar máxico, fogar de castrexos e santuario do deus Berobreo ao que os galaico-romanos ofrecían aras pedindo pola súa saúde. Desde alí divisamos o perfil das rías recortándose no mar e, ao fronte, as illas de Ons e Cíes, estas últimas tan preto que parece que se poden tocar coa man. Respiramos sentad@ nas rochas do cume do monte, cara a inmensidade do mar e a beleza da paisaxe e sentimos unha gran paz interior.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?