11.1.11

A MÚSICA NO MORRAZO

A Semana Furtiva chega como cada ano ao instituto. Conversamos sobre a música no Morrazo con XULIO RODRÍGUEZ, ex-compoñente de Chouteira, manager e produtor musical; ANXO LORENZO, gaiteiro de Tirán que ten colaborado con artistas internacionais; e RODRI, cantante do grupo de rock Molestia de Bueu. Xulio e Anxo lembraron os seus comezos aínda nenos, vinculados ás experiencias escolares e aos vellos mestres gaiteiros do Morrazo. Participaron da renovación do folk, apoiando unha formación musical que hoxe é realidade no Morrazo (conservatorio, escolas de música) e a fusión con novos instrumentos. Con Internet hai novas posibilidades de realización e difusión pero segue sendo difícil conseguir discos de folk. Lembraron con saudade tempos mellores na organización de festivais e no apoio do público como Herba e Son na praia de Liméns nos anos 90. Os dous conseguiron vivir profesionalmente da música pero Xulio non o fai tocando senón desde unha empresa de produción de eventos musicais. Anxo Lorenzo vive da súa música pero asegura ter máis aceptación en festivais e público fóra das nosas fronteiras (Inglaterra, Irlanda, Bélxica...).
Rodri representou ao sector máis novo da música no Morrazo, vinculada neste caso ao rock. El dixo non poder vivir economicamente da música, pero asegurou que tampouco pode vivir sen ela. Non é fácil para os grupos que comezan; son as ganas e a paixón pola música o que fan que estean aí. Agradeceu o apoio de festivais organizados por asociacións como Deskarga Furtiva, e cre que debería haber máis espazos para que os novos grupos poidan darse a coñecer.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?