8.11.10

UN TESOURO QUE PROTEXER

Nós temos un grande tesouro que necesita ser protexido, a nosa lingua propia. Por esa razón existen os equipos de dinamización lingüística. O mellor xeito de protexer unha lingua e falándoa e a iso se comprometen @s que decidiron formar parte dos equipos.

Quixemos simbolizar cunha pinza de madeira o uso que facedes do galego. E pedímosvos que a encherades de cores porque nos equipos queremos que sexades conscientes do valor que ten esa lingua que usades de cando en vez. Queremos que o galego vos guste, que saibades que é unha sorte falalo e que queirades facelo, que vos sintades orgullosos e orgullosas de falar a lingua que naceu nesta terra hai séculos e desde entón nunca deixou de ser nosa, a lingua que nos fai orixinais e únicos no mundo e que nos facilita a comunicación cos millóns de falantes de portugués.

Pero os equipos non son só para reunírmonos e encher de cores a nosa propia pinza. Ese pouco que achegamos cada un, multiplícase coa forza do grupo. Queremos mostralo dun xeito simbólico enganchando as pinzas de cores uns a outros e construíndo unha serpe longuísima.

A serpe é considerada un animal sagrado na cultura popular galega e aparece en moitas lendas custodiando un grande tesouro. A nosa serpe sagrada unirá os pequenos compromisos de cada un de nós para que se fagan máis grandes e saian deste espazo pechado, levando o galego ás aulas, aos corredores, á conserxería e secretaría. E quizais medre aínda máis e leve o voso galego por Cangas adiante.

Porque será así, con novos e novas falantes, como a nosa lingua, o noso tesouro cultural, estará protexida e pervivirá para as xeracións futuras.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?