20.10.09

DEMOSTRA QUE ESTÁS PREPARAD@ PARA FORMAR PARTE DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN DO IES DE RODEIRA


Condicións xerais: Tedes que camiñar desde o instituto até a praia de Santa Marta pola beira do mar e falar en galego ao longo de todo o paseo. Estades list@s?

- Proba 1: Detédevos na Praia de Rodeira.
Cantas veces deixastes de falar en galego por medo a dar a nota ou a chamar a atención? Demostrade que sodes capaces de superar o medo ao ridículo converténdovos en flocos de millo brincadeiros saltando cos brazos pegados ao corpo nunha grande tixola. Se saltando tocades outro floco, comezaredes a saltar xunt@s, moi pegados. Así irán creándose grupos até convertérmonos nunha gran bóla xigante.



- Proba 2: Detédevos no Dique.
Outro requisito fundamental para formar parte do ENDL é saber sermos serios á hora do traballo e saber rirmos e pasalo ben á hora da diversión.
Agrupádevos en dous equipos, un fronte ao outro. Tiramos ao aire un zapato. Se cae boca arriba, os da fileira da dereita botaranse a rir e os da esquerda terán que permanecer moi serios. O que se ría quedará eliminado. Se o zapato cae boca abaixo será ao contrario. Gañan @s que máis resistan.



- Proba 3: Detédevos en Punta Balea.
No ENDL é fundamental a forza do grupo, saber apoiarse uns noutros. Se alguén non cumpre os compromisos todo o grupo se resente.
Temos que formar unha roda e facela avanzar sentándonos nos xeonllos do que temos detrás.



- Proba 4: Detédevos en Area Milla
Parece que para falar galego en Cangas hai que recibir adestramento para superar probas difíciles. A ver se vos atrevedes con estas:
- Cada equipo nunha fileira para unha carreira. O primeiro pasa a man dereita entre as pernas para coller a man do seu compañeiro de atrás e así tod@s.
- Cada equipo nunha fileira para unha carreira.O primeiro ten as mans nos xeonllos e os demais levan as mans nos nocellos do anterior e a cabeza entre as pernas.
- Cada equipo nunha fileira para unha carreira. De xeonllos coas mans apoiadas nos ombros do que está diante. En fronte, un capitán que suxeita as mans do primeiro da barca. A barca móvese porque todos empurran cos pés ao tempo. Perden @s que se separen.
- Grupos de seis. O primeiro ten que apoiar os pés nos ombros do compañeiro de atrás, apoiándose só nos brazos. O segundo fai o mesmo e así todos, sendo o último o único que ten os pés no chan. Ten que avanzar uns metros sen descarrilar.



- Chegamos ao destino: a praia de Santa Marta. Facemos grupos e aportamos ideas para o proxecto de Normalización deste curso.



- Fotos en forma de G e unha pancarta “O galego fainos únicos” lanzou polo aire coa axuda de tod@s aos máis arriscados.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?