30.1.19

DÍA DA PAZ

Hoxe celebramos o Día da Paz. O tempo non acompañou polo que non puidemos saír ao patio a ler o manifesto que escribimos coas achegas de todas as aulas e a lanzar ao vento os nosos desexos de paz nas lanternas de papel. Pero non deixamos de celebralo. Dun xeito quizais menos festivo pero máis reflexivo. Os cursos foron baixando e sentaron xunto ao gran mural dos conflitos no mundo realizado por nós, o alumnado de Animación socioeducativa, ao que se lle foran sumando os traballos feitos nas aulas. Alí establecemos un interesante coloquio no que o alumnado foi contando o que aprendera coas súas pescudas e expresando o horror e o sufrimento que traen consigo as guerras.



Logo, rodeadas polos grous que fixemos nas aulas, achegámonos ás vidas de homes e, sobre todo, de mulleres que loitaron pola paz. Co xogo de QUEN É QUEN, limos as biografías e identificamos as persoas destacadas no taboleiro por contaxiarnos o seu compromiso pola paz. 




Facíannos moita ilusión as lanternas pero terán que quedar para outra vez.

29.1.19

O RETO DOS MIL GROUS

Hoxe, véspera do Día da paz, o alumnado de Animación Educativa levamos ás aulas os vídeos que elaboramos. Primeiro a historia de Sadako para pedir a todos e todas que se sumasen ao reto de construír os mil grous como expresión do noso desexo da fin da violencia e a nosa aposta pola resolución pacífica dos conflitos. E logo o vídeo titorial que seguimos paso a paso para elaborar as fermosas grúas en papeis de cores.






Así de fermosa quedou a entrada do instituto.








 

15.1.19

SADAKO E AS GRÚAS DE PAPEL

Para a celebración colectiva escollemos a historia de Sadako e as grúas de papel.  Lemos o libro en galego e elaboramos un guión contando a historia que gravamos sobre a curtametraxe de Roberto Vaan der Laat e André Infante para dala a coñecer nas aulas.



 Tamén fixemos un titorial en galego para ensinar a facer os grous de Sadako

Comezamos a facelos nos equipos para aprender ben e poder axudar logo aos compañeiros e compañeiras na aula. 



E tamén puxemos a historia na entrada xunto a un grou xigante.





14.1.19

CONTAXIA COMPROMISO POLA PAZ

Na parte central da planta baixa, quixemos dar a coñecer o labor de homes e, sobre todo, de mulleres que traballan pola resolución pacífica de guerras e conflitos violentos no mundo. Fixémolo de xeito interactivo dedicando os recreos a que o alumnado xogase a quen é quen, identificando as caras coas súas biografías.



13.1.19

CONTAXIA CONCIENCIA CRÍTICA

Tras repasar nas aulas a declaración dos Dereitos Humanos, achegámonos aos conflitos internacionais actuais no inicio do camiño de reflexión para a celebración do Día da Paz.



Para ilustrar o sufrimento e a dor humanas que producen as guerras, na parte inferior do noso gran mural, colocamos un arame a xeito de campo de concentración ou de refuxiados e detrás reproducións dos cadros expresionistas de Oswaldo Guayasamín, pintor ecuatoriano que denuncia de xeito maxistral as consecuencias dos conflitos violentos do século XX.


9.1.19

CONTAXIA COMPROMISO EN PORTUGUÉS

Comezamos as actividades deste novo ano con charlas e debates sobre os Dereitos Humanos e os seus incumprimentos no mundo, nunha liña de reflexión que nos conduce á celebración do Día da Paz. O alumnado de Ciclos contou hoxe cun invitado de excepción, o portugués José Vieira, que falou das novas tecnoloxías na empresa e os efectos da globalización no emprego para abrir o debate sobre a conveniencia ou non dunha renda básica para todos e todas que cubra as necesidades mínimas para vivir con dignidade.


E ademais puidemos comprobar a facilidade de comuncación entre galego e portugués. Unha grande vantaxe!

19.12.18

CONTAXIA AUDIOVISUAL E MÚSICA EN GALEGO

Despedimos o trimestre coa tradicional festa de Nadal onde nos xuntamos todos os equipos de dinamización para compartir os nosos vídeos e cantar e bailar. Para comezar, Ángela lembrounos a importancia de coñecer e difundir aos centos de músicos e músicas que cantan en galego, aplaudindo a actuación e o compromso de Sabela en Operación Triunfo e escoitando a súa actuación cantando Benditas feridas de Rosa Cedrón. 




Repasamos logo as actividades feitas ao longo do trimestre. Comezamos ao son de Dakidarría e o seu Linguas ceibes pasando as fotos do Día europeo das linguas. Lembramos o éxito do túnel do terror e as actividades do Samaín proxectando dúas curtas que participaron no concurso de aulas:

Cousas estrañas de 1º ESO C


Quero ser Macbeth do alumnado de Literatura Universal
 

Entre unha e outra cantamos e bailamos na nosa particular homenaxe ao Xabarín Club, esteando o videoclip realizado polo alumnado do EDNL de 1º da ESO que logo saíron a cantar co karaoke.




Chegou a quenda de lembrar o reto do magosto e como nos propuxemos que todo o instituto bailase a global muiñeira. Puidemos ver por primeira vez as imaxes máis esperadas, as gravadas polo dron mentres bailabamos.


E seguimos coa música da man de Medomedá, co videoclip realizado polo EDLG de 2º da ESO do seu tema Quero ver como te ris.




Demostramos o noso compromiso contra a violencia de xénero, proxectando o vídeo da gravación do manifesto e volvemos á música cun grupo novo de tres mozas A banda da loba, co videoclip realizado polo profesorado do seu tema Anagnórise.
 



E unhas cantas se animaron tamén a saír a cantar.


E, como en toda festa galega que se precie, rematamos compartindo uns petiscos ao son da música en galego máis marchosa.









9.12.18

GALEGO PARA AGASALLAR

O Nadal chegou ao IES de Rodeira cheo de ideas para agasallar en galego. Unha árbore de nadal está feita coas recomendacións de lectura dos EDLG do Morrazo e todo o material que trouxemos do Culturgal colleron forma de árbore de Nadal.


Aínda decoramos outra árbore con camisetas con lemas en galego.




Os produtos etiquetados en galego ocuparon o espazo central nunha fermosa mesa de Nadal iluminada polas farolas de papiroflexia realizadas plo alumnado o día da ciencia en galego, colgadas do teito por fíos de pérolas prateadas. E tamén formando grinaldas.






E por suposto, non podía faltar a música.