28.3.12

GARDIÁNS DO TESOURO

Nos últimos días do segundo trimestre, os equipos fomos convocados para unha misión moi especial: custodiar o prezado tesouro da nosa lingua desde Rodeira ata Santa Marta e de regreso ao instituto. Organizados en pequenos comandos tivemos que superar difíciles probas ao longo do camiño que puxeron a proba a nosa valía e déronnos as armas necesarias para superar con éxito a misión.

Nos Xardíns do Sinal, tivemos que superar a primeira proba. O sentido do humor, a retranca galega, foi sempre unha das armas que mellor protexeu o tesouro da nosa lingua. Por iso nesta proba localizamos cabaleiros e cabaleiras maiores, gardiáns do tesouro desde sempre, que andaban polo centro de Cangas. Escollemos como contrasinal o noso refrán: O PRIMEIRO DE ABRIL VAN OS BURROS ONDE NON DEBEN IR.

De Escritorio


Non foi nada difícil contactar. Foron moit@s @s que nos contaron historias de como se celebraba este día e as bromas que se gastaban e nós regalámoslles adhesivos dun burriño que levaba o refrán escrito. Logo reunímonos no dique e contámonos as bromas que nos contaran e outras que sabiamos nós. A risa converteuse nun escudo protector que nos permitiu avanzar ata Punta Balea.



En Punta Balea había outra proba que superar. A forza da natureza é outra das armas que protexen o tesouro da nosa lingua pois Galiza non podería ser sen lingua pero tampouco sen verde nin auga; a ecoloxía que é medioambiental e tamén lingüística. Por iso esta proba consistiu en encher o máis rápido posible cinco botellas pequenas da auga máxica da Dama da Lagoa. Só uns poucos cabaleiros ou cabaleiras podían entrar no territorio sagrado e só se podía coller e meter na botella un vasiño de cada vez. Fixemos cinco equipos á entrada do camiño da lagoa e fomos saíndo un de cada fileira para coller un vasiño de auga máxica coa que encher a nosa botella. Non foi tarefa fácil e esta proba axudounos a entender o problema medioambiental xerado na lagoa pola falta de chuvia.



En Areamilla esperábanos a última proba, a arma definitiva para a nosa misión, a conciencia da importancia do grupo. Porque para protexer o tesouro que levamos con nós e deixalo saír á rúa hai que ser fortes e non deixarse levar por eses inimigos que arrastran a un: o hábito, a moda, o que fan os demais...
Medimos as nosas forzas tirando da corda. Primeiro probou un só cabaleiro e foi arrastrado, e tamén dous e tres pero conforme o grupo medraba iamos tendo a forza necesaria para vencer. Tamén formamos rodas e conseguimos facelas andar moi, moi xuntiños e sentados uns nos xeonllos dos outros.



Xa estabamos listos para enfrontar a parte máis difícil do camiño. Os informes dos espías alertaban especialmente da existencia dun monstro ao que chaman PARECESDOMONTE que tiña feito estragos entre os cabaleiros e cabaleiras que se atreveran a sacar o noso tesouro á rúa. Antes era un dragón que botaba lume pola boca pero agora os seus métodos son máis sofisticados e instala un chip na cabeza da xente que fai que se sinta estraño e renuncie voluntariamente a ser portador do tesouro. Tamén contabamos con que o inimigo COSTUME tentase meterse entre as nosas filas, impedindo que puidésemos decidir por nós mesmos. Pero grazas á axuda dos asubíos máxicos dos gardiáns do tesouro, os cabaleiros e cabaleiras que foron atacados puideron recuperar as forzas de inmediato.

Ao chegar a Santa Marta estabamos felices e gozamos xunt@s do noso tesouro nun fermoso día de sol. As torres humanas demostráronos unha vez máis a importancia do traballo en equipo. É tal a forza da unión e da confianza que depositamos no equipo que permitiu que os cabaleiros e cabaleiras que quixeron voasen polos aires.



O éxito desta misión debe animarnos a asumir novos retos máis difíciles aínda para garantir a supervivencia deste tesouro noso tan especial que é a nosa lingua propia.

8.3.12

MÁIS GALEGO NA LOITA CONTRA CALQUERA TIPO DE DISCRIMINACIÓN

Como cada ano o equipo de dinamización da lingua galega preparouse para a celebración do DÍA DA MULLER, o 8 de marzo. No noso traballo diario pola superación de prexuízos, muller e lingua galega únense ao longo do mes de marzo. Ambas foron recluídas durante séculos no ámbito do fogar e, aínda que se avanzou no camiño de loita pola igualdade de dereitos, é moito o que queda aínda por facer.

Escollemos para a EXPOSICIÓN un fermoso calendario que dedica cada día do ano a un feito significativo ou a unha muller destacada na loita pola igualdade e invitamos a todo o alumnado do centro a buscar información sobre o dato que aparecía o día do seu aniversario. Os mellores traballos serán publicados na revista Abre os ollos. Desde a bilioteca seleccionaron libros escritos ou protagonizados por mulleres para acompañar a nosa exposición.



O alumnado de 4º da ESO competiu na nosa XINCANA DE TAREFAS DOMÉSTICAS. Grupos de rapaces e rapazas realizaron de xeito compartido as tarefas habituais do fogar falando en galego, tentando demostrar a si mesmos e aos demais que os prexuízos son cousa do pasado.

1ª PROBA: arranxamos o noso cuarto (aspirar, facer a cama, limpar o po)



2ª PROBA: cosemos un botón



3ª PROBA: organizamos a roupa da casa (tender, pasar o ferro, dobrar e gardar)



4ª PROBA: preparamos unha torta de chocolate.



5ª PROBA: colocamos un colgadoiro utilizando un trade e un desaparafusador



6ª PROBA: confeccionamos unha lista da compra con artigos de alimentación, aseo, limpeza, mantemento e papelaría.

De 7.- compra


Houbo premios para os equipos que realizaron mellor as probas, compartindo o traballo entre todos e todas e falando en galego.

A COMPETENCIA ORAL EN GALEGO

O Consello da Cultura Galega invitounos a presentar nunhas Xornadas celebradas en Santiago as liñas xenéricas do proxecto de normalización e dinamización do galego do noso instituto. Aceptamos encantados e quixemos que fósedes vós, os alumnos e alumnas a quen está dirixido, a través deste vídeo, os que contásedes como é o noso xeito de traballar e como practicades para ir aumentando e mellorando o uso do galego.


A competencia oral en galego no IES de Rodeira from lingualiza on Vimeo.

17.2.12

MÁIS GALEGO CELEBRANDO O ENTROIDO

Nada faltou no noso Entroido deste ano coas comparsas e 2º de bacharelato como grandes triunfadoras. KOSTIA, o barco cheo de guiris de 2º de Bacharelato A, con buraco na proa, monxas que tolean e o capitán Schettino que foxe cunha loura; con 2º Bach C-D chegou nada menos que a familia real e o goberno en pleno e moitos indignados e indignadas que pedían revolución; e 2º B, farto de tanto estudar, decidiron converterse en hobbits e marchar para a comarca do señor dos aneis. Pero iso non foi todo, que tamén houbo comparsas na ESO: Brancaneves chegou cun montón de ananos de 3º ESO C a ritmo de ai vou! E tamén os de 2º que preferiron un ritmo máis rockeiro... pero todos chegaron cargadiños de coplas criticando aos profes, como manda a tradición. Moitos máis disfraces individuais e de grupo animaron a festa. Podedes velos todos nas fotos.

14.2.12

MÁIS GALEGO PORQUE NOS QUEREMOS

Que mellor data que o 14 de febreiro para que a nosa lingua fale de amor? Creatividade e imaxinación deron vida aos versos dos nosos poetas nos murais de aula e nas postais de amor.




A planta baixa encheuse de corazóns vermellos con dedicatorias para as fotos que fixemos coa xente a que quixemos dicirlle o especial que é para nós en galego, unha lingua especial que nos fai únicos no mundo.




Non deixes de visitar as librarías de Cangas este San Valentín. Repartirán as nosas postais de amor en galego a todos os clientes e clientas.


3.2.12

MÁIS GALEGO NA CIENCIA E NA TECNOLOXÍA

Uns profes moi novos vestidos con batas brancas invitáronnos a gozar da ciencia e da tecnoloxía en galego nesta nova edición da Semana da Ciencia.


30.1.12

DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro no 2º recreo convocounos o desexo de sumarnos a cantos traballan a favor da PAZ e da NON VIOLENCIA. E escollemos facelo simbolizando o mundo con dúas grandes rodas, unha por fóra mirando cara a dentro e outra por dentro mirando cara a fóra, que xiraban mentres soaba a música de No mundo de LUAR NA LUBRE.

No mundo hai tres cousas
que me poñen mal:
as guerras, a fame e a desigualdá(de)
Non sexas pasivo e móvete xa
Aínda hai esperanza,
debemos loitar

Coas guerras fracasa a humanidá(de)
é unha constante de volta para atrás
morte, enfermidade e desolación
levántate, móvete e deixa o sillón.

Da fame, queridos, que vos vou decir,
milleiros de nenos non ten que comer
en Asia, América ou en África
polo ben do mundo, solidariedá(de)
(bis)


Nese mundo simbolizado nas rodas, cada un de nós representaba unha das linguas e culturas do mundo.que foran previamente repartidas. Cada participante a levaba escrita nun cartel xunto coa palabra PAZ tal e como soa en cada unha das linguas. Porque o mundo é diverso en culturas, linguas, razas, maneiras de pensar, de opinar, de manifestarse... e a paz só será posible no respecto e na igualdade en dereitos e oportunidades. Por iso, cada vez que a música paraba, celebramos o noso desexo de paz achegándonos ás culturas que quedaban fronte a nós, saudándoas dicindo PAZ na súa lingua e fundíndonos nunha aperta cariñosa que simbolizaba o noso desexo de acollida. NON á imposición. SI ao encontro e ao diálogo. Só así atoparemos camiños para a PAZ.

Defendemos o dereito de cada pobo a vivir na súa terra e a manter a súa identidade cultural desde o respecto aos dereitos humanos. Porque a diversidade nos enriquece.

Na construción da paz todos somos necesarios, todos temos responsabilidade. Para simbolizalo colocámonos uns xunto aos outros, unha culturas ao lado da outra, e debuxamos cos nosos corpos o símbolo da paz.

Quixemos rematar este acto festivo cunha lembranza aos pobos que, neste mesmo momento, están sufrindo guerras que só favorecen os intereses duns poucos. Pobos asolados por bombas que caen do ceo. Oxalá a humanidade entenda que nada dá dereito a arrasar pobos e vidas. E os nosos soños e desexos de paz e felicidade convertéronse nunha chuvia de caramelos.

13.1.12

MÁIS GALEGO ACHEGÁNDONOS AO PORTUGUÉS

Un ano máis descubrimos o ben que nos entendemos cos portugueses falando galego. Foi nunha visita ao Porto. Alí conversamos co Fabio, o guía que nos mostrou as adegas do afamado viño do Porto e nos explicou en portugués como se elaboraba. Era moi simpático e entendémolo perfectamente. No tempo libre buscamos onde comer, paseamos polo casco vello de Porto e pola zona comercial. É realmente unha gran cidade. A última visita foi ao museo de arte contemporánea de Serralves. Alí os guías tamén nos falaron en portugués e aínda houbo tempo para dar un paseo polos fermosos xardíns. Un día moi ben aproveitado…

22.12.11

FESTA DE NADAL


A partir desa idea, “O galego é un regalo”, e dos lemas en galego das nosas camisetas o alumnado dos equipos montou este vídeo que se estreou na festa de Nadal.

20.12.11

O GALEGO É UN REGALO

Este Nadal celebramos que o galego é un regalo que nos fai especiais, únicos e orixinais. Un regalo que descubrimos na música, nos libros, no audiovisual que temos na biblioteca e que expoñemos cada ano. Pero este ano invitámosvos a saír a procura do galego polas rúas de Cangas e atopástelo nos nomes de moitas tendas de Cangas, en folletos, en bolsas de regalo, en etiquetas de produtos do super, nos menús de algúns dos restaurantes que temos máis preto de nós, en carteis publicitarios... Trouxestes unha chea de fotos, produtos e folletos e con papel dourado e moitos lazos navideños montamos esta exposición.



Coas fotos que recollemos fixemos unha colección de postais. Recoñecedes os sitios?

SEMANA CULTURAL FURTIVA

Un ano máis, colaboramos coa Asociación Cultural Furtiva organizando, na Semana Cultural do seu festival unha mesa redonda sobre hip hop con músicos de grupo do Morrazo, á que asistiu o alumnado de 1º de bacharelato.