23.6.10

FALANDO GALEGO EN PORTUGAL, NO PORTO

Hai quen rexeita a nosa lingua porque non serve fóra de Galiza. Porén moitos galegos que viven no estranxeiro aseguran que o galego resultoulles moi útil e mesmo conseguiron traballos grazas á posibilidade que nós dá para comunicármonos cunha comunidade de millóns de falantes portugueses. O alumnado de 2º de Bacharelato comprobou un ano máis nunha viaxe ao Porto se esa comunicación era posible.

- Despois da experiencia do venres en Portugal está totalmente comprobado que é fácil falar e entenderse cos portugueses sen ningún problema. Non foi a primeira vez que fun a Portugal, de feito a O Porto xa fora no verán. Hai algúns anos tamén fun de viaxe ás illas Açores pero daquela aínda non tiña o costume de falar galego, ao menos coa miña familia. Cando fun ás illas falaba castelán e a miña tía insistíame en que falase galego porque así sería máis doado que me entendesen. Alejandra

- A excursión ao Porto estivo xenial! Gustoume moito. Non coñecía a cidade e é moi bonita! En canto a linguas todo moi ben, entendo perfectamente o portugués. A guía nas bodegas insistía en falarnos castelán , pero ao final explicounos todo en portugués, falándonos a modiño para que entendesemos todo. Penso que aínda que nos falase a ritmo normal o entenderiamos perfectamente. Preguntounos se aprendiamos portugués na escola e dixémoslle que non. Quedou abraiada de que entendesemos todo tan ben. Eu díxenlle que eramos de Galicia e falabamos galego que era semellante ao portugués. Díxonos que normalmente entendía mellor aos españois do norte ca os do sur. Silvia

- Pois claro que o galego é moi útil fóra de Galiza. Os que din que non serve non saben o que din. Eu xa estiven máis veces en Portugal e entendéselles todo moi ben, nunca tiven problema para falar cos portugueses. Carla González

- Pois claro que o galego é moi útil fóra de Galiza. De feito, se imos a Portugal xa o comprobamos. Á guía do museo entendíaselle todo perfectamente e ela tamén nos entendía a nós e todo grazas a que sabemos falar galego. Natalia, Raquel e eu tamén falamos cunha muller portuguesa, cando lle pedimos que nos sacase unha foto e comunicámonos moi ben con ela grazas ó uso do galego. Andrea Malvido

- Eu tamén estou de acordo. Supoño que todo o mundo que foi algunha vez a Portugal pensará o mesmo. É certo que cos do sur non nos entendemos tan ben coma cos do norte pero entendémonos igualmente. Eu pensei que na excursión habería frases que non sería capaz de entender pero para nada. Á guía entendíaselle todo perfectamente e se non sabía algunha palabra sacábaa axiña polo contexto. Custoume un pouco máis entender o vídeo que nos puxeron alí non sei porqué porque a guía xa nos avisara de que nos ía custar máis porque ela estábanos a falar moi lento para que puidéramos entendela. Aínda así, unhas amigas e máis eu falamos cunha muller pola rúa para preguntarlle onde estaba o centro comercial e entendemos todo perfectamente. Ou polo menos eu si. Sentíame privilexiada por falar galego e ser quen de comunicarme con eles sen problemas. Rebe Villar

- Estou completamente de acordo con que o galego serve fóra de Galiza, de feito penso que nos podemos entender perfectamente cos portugueses, algo que xa todos comprobamos ao irmos a Portugal, pero non só nesta viaxe ao Porto, senón en xeral. Os que din que non é útil fóra das nosas fronteiras son aqueles que están cheos de prexuízos e nada máis. Patri

RODEIRA EN MASIDE

Que ben o pasamos cos rapaces e rapazas de Maside!
Ao chegarmos estabamos nervios@s. Fomos ao patio do seu cole e, como xa nos temiamos, fixemos uns xogos para coñecérmonos. Por que se empeñarán sempre en comezar así? Alí, uns diante de outros non tivemos escapatoria. Pero ao final non foi para tanto e valeu para que tod@s nos viramos as caras e aprenderamos algúns nomes.
Fixemos grupos mesturados e dirixímonos, no mesmo autobús, a coñecer o castro de San Cibrán de Las: é impresionante de grande. Comemos alí mesmo e marchamos para Ourense cidade. Por grupos, percorremos o casco histórico buscando respostas a unha serie de enigmas que debiamos resolver xunt@s.
Rematamos o día na Chavasqueira, unha pasada de piscinas termais coa auga a diferentes temperaturas: pode chegar a 41º
Pasámolo moi ben. Para moitos de nós foi a primeira vez que fixemos amig@s da nosa idade falando en galego. Con el@s non resultaba tan difícil e acababas por sentirte cómodo falando. Foi unha experiencia moi interesante... Sen dúbida, a mellor maneira de aprender unha lingua: falándoa.

28.4.10

RIANXO EN CANGAS

Que galego tan auténtico teñen os rapaces e rapazas de Rianxo e con que naturalidade o falan. Sáelles da alma… Foi para o Equipo de Normalización de Rodeira un privilexio poder compartir un día con el@s, ensinándolle o centro de Cangas e o noso paraíso natural á beira do mar desde Donón a Melide. Xa nos tarda a visita a Rianxo.

PLANETA FURANCHO GRAVANO INSTI

Planeta Furancho é un programa de Radio Galega Música que pretende ser un altofalante para a música galega contemporánea; un faro, unha axenda e un latexo diario e actual de todo canto acontece na nosa fascinante realidade musical.
Vituco Neira, voz do grupo galego de rock Ruxe.ruxe (que vén de sacar ao mercado o seu último álbum Na Fura de diante) é o presentador desta fiestra á que tod@s @s galeg@s poderán achegarse para coñecer e gozar da música que se fai nesta parte do mundo.

O pasado 24 de marzo PLANETA FURANCHO gravou o seu programa no noso instituto. Vituco entrevistou a Marquitos, o neto do Manuel, voz da Tuna Rastafari e ex-alumno de Rodeira, a César, un dous poucos homes-orquestra que quedan no país e a Cecilia e Darío, profes do instituto. Para todos houbo actuacións en directo. Marcos cantou, acompañado da guitarra, dous temas do novo disco da Tuna Rastafari: Carne de pachanga; alumnado de 4º, acompañado por Cecilia ao violín e Darío e Álex á guitarra, interpretou unha versión en galego de Miña terra galega de Siniestro Total; e por último acompañamos á Cé Orquestra Fantasma formada por un só home con varios temas populares entre os que non puido faltar estando no Morrazo a do ghato metido nun saco, a popular peza de Manuel da Ponte. Podedes escoitar o programa gravado buscando en Internet crtvg e seleccionando RGMúsica, Arquivos de Radio, Planeta Furancho, 24 de marzo.

19.2.10

29.1.10

VIVE EN GALEGO E PONLLE MÚSICA!

Este foi o lema da festa de fin do 1º trimestre d@s que formamos o Equipo de Normalización. A música foi o eixo central e preparámola con achegas de tod@s.

- Sentímonos grupo cantando Somos do clube do galego (Xabarín) mentres lembrabamos as actividades do trimestre cunha montaxe de fotos.

- Reforzamos o orgullo polas nosas raíces montando un crebacabezas do poema de Celso Emilio Lingua proletaria do meu pobo que cantamos rapeado por García de Dios ke te crew cunha montaxe de fotos do nosos avós e avoas labregos e mariñeiros. Tamén bailamos Estomballada de Kubelo Remix (apologhit, canción do verán do ano pasado) e as cancións do Xabarín Club de Heredeiros da Crus, que ten moit@s fans entre nós, facendo karaoke cos vídeos de youtube.

- Destacamos a importancia das lendas e dos contos na nosa tradición, co vídeo de youtube Carmiña a vacaloura.

- E tamén dos debuxos animados que nos achegaron ao galego desde cativ@s. Un tema de DRAGON BOLL foi o escollido. Como non o atopamos en youtube cos subtítulos en galego puxémosllo nós.

- @s profes preparáronnos unha montaxe sorpresa co tema Antes de pequeno de Som do Galpom con fotos súas de cando eran pequenos.

- Tamén cantamos e bailamos Quero ver como te ris (Medomedá) e O tren (Andrés do Barro) com vídeos gravados polo alumnado de 1º de bacharelato e 4º da ESO.

- Despedímonos tomando uns petiscos e facendo bos propósitos para VIVIR EN GALEGO no ano 2010. De agasallo unha tarxeta con enderezos de interese para descargar, mercar e informarse sobre música en galego.

14.12.09

O GALEGO É O MELLOR REGALO

Que non falte o galego nos teus agasallos do Nadal. Libros, discos, DVD, camisetas, produtos selectos e ecolóxicos etiquetados na nosa lingua… Se non sabes que mercar, visita a nosa exposición na planta baixa do instituto e atoparás ideas e enderezos onde conseguilas.

O Equipo de Normalización quere aproveitar a ocasión para desexarche unhas felices vacacións e un ano novo cheo de galego. Bicos!

4.12.09

A MÚSICA COMOEXPRESIÓN DE INCORFOMISMO



Este mércores 2 de decembro tivemos o pracer de conversar no instituto con tres grandes músicos galegos: García, de Dios ke te crew; Abraham, de Sonoro maxín; Jose, de TNT e Motor Perkins e Esteban, de Skacha. Esta mesa redonda sobre música e compromiso social foi moderada por Vari, membro da asociación Deskarga furtiva. Escoitamos música destes grupos e explicáronnos as características que definen o seu traballo. Contestaron as preguntas do alumnado sobre os motivos polos que se decidiron a formar un grupo musical, a importancia do galego nas súas letras, a necesidade dunha maior presenza feminina nestas bandas de música que eles definiron como alternativas, lonxe dos circuítos comerciais; as razóns dos nomes dos grupos ou os problemas aos que se tiveron que enfrontar pola súa postura crítica co mundo que os rodea. Animaron ao alumnado interesdo a expresarse a través da música, desafogando nas letras todas as súas inquedanzas persoais e sociais.
Agradecemos á asociación Deskarga furtiva que contase, un ano máis, co equipo de normalización do centro para organizar esta acttividade, que forma parte da semana cultural do Festival Furtivo.

23.11.09

MAGOSTO 2009

9.11.09

SAMAÍN