Neste 30 de xaneiro, DÍA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA, construímos un muro alto e escuro. Nel pegamos información sobre os muros reais que existen no mundo, muros que separan países, culturas, economías e persoas. Ás veces son, como este que construímos nós, muros altos e escuros, que rouban a visión do outro lado; outras veces murallas electrificadas, recubertas de cables de espiño, vixiadas por gardas ben adestrados. Algúns xa son historia como O MURO DE BERLÍN pero erguéronse outros: o muro de Cisxordania feito por Israel en territorio palestino; o muro co que EEUU pechou a fronteira con México; os valados que España ergueu en Ceuta e Melilla para impedir a chegada de inmigrantes; o muro que Marrocos construíu en territorio saharaui e tantos outros...
Pero tamén reflexionamos sobre outros muros que se constrúen na mente das persoas, murallas mentais que provocaron guerras e conflitos ao longo da historia. E pegamos no muro ladrillos con esas actitudes que van erguendo muros: o racismo, o dogmatismo, o fanatismo, as tiranías, o odio ao diferente, a incomprensión, o egocentrismo...