Nos últimos días do segundo trimestre, os equipos fomos convocados para unha misión moi especial: custodiar o prezado tesouro da nosa lingua desde Rodeira ata Santa Marta e de regreso ao instituto. Organizados en pequenos comandos tivemos que superar difíciles probas ao longo do camiño que puxeron a proba a nosa valía e déronnos as armas necesarias para superar con éxito a misión.
Nos Xardíns do Sinal, tivemos que superar a primeira proba. O sentido do humor, a retranca galega, foi sempre unha das armas que mellor protexeu o tesouro da nosa lingua. Por iso nesta proba localizamos cabaleiros e cabaleiras maiores, gardiáns do tesouro desde sempre, que andaban polo centro de Cangas. Escollemos como contrasinal o noso refrán: O PRIMEIRO DE ABRIL VAN OS BURROS ONDE NON DEBEN IR.
Non foi nada difícil contactar. Foron moit@s @s que nos contaron historias de como se celebraba este día e as bromas que se gastaban e nós regalámoslles adhesivos dun burriño que levaba o refrán escrito. Logo reunímonos no dique e contámonos as bromas que nos contaran e outras que sabiamos nós. A risa converteuse nun escudo protector que nos permitiu avanzar ata Punta Balea.