Debe ser boa cousa chegar a grande. Os grandes son donos de
si e do mundo. Fan e desfán, gobernan, arman o merlo con guerras, negocios e
canta trangallada hai. Pero, como di a madriña, “non é ouro todo o que reloce”.
Os grandes teñen as súas tristuras e desacougos. E ás veces inda nos gañan en
rapazadas. De non ser así non se encabuxarían cando lles sinalamos que algo está
mal.
Neira Vilas. Memorias dun neno labrego
----------------------
Que rapaz non soñou nunca con ser independente? Os grandes
organizan e desorganizan todo, contan con miles de vantaxes, pero tamén é certo
que lles toca todo o complexo: traballan moitas horas para conseguir cartos,
coidan de nós… Aínda que sempre hai algún deses tan famosos que saen na
televisión que se saltan todas as normas… Pero nin sequera o máis sabio dos
grandes sabe que facer para que non haxa guerras. Todos e todas somos diferentes
e os grandes non parecen saber entendelo e forman liortas moito máis graves que
as que temos os cativos. Sempre nos din a nós que non temos suficiente madurez
e siso para algunhas cousas coa típica fraseciña de “cando sexas maior xa o
entenderás” pero eles foron nenos e non nos entenden. Pero ser pequeno ten a
súa parte boa, sen tantas obrigas como teñen os adultos. É como mellor se pode
estar!
Andrea González, 2º ESOB
----------------
Os maiores teñen poder sobre nós. Se eles fan algo mal ou
esquécense de calquera trapallada non pasa nada pero se nos pasa a nós… A min
encantaríame ser maior e poder facer o que te veña en gana coa túa vida. O malo
de ser maior é que cada vez te vas afastando máis das cousas de nenos que a min
me encantan.
Mario Santos, 2º ESO
-------------------------
Hai persoas maiores que nos transmiten valores, que son
xenerosos e humildes, un bo exemplo para nós. Tamén os hai egoístas e avaros,
ademais de mesquiños e ruíns e dedícanse a estafar a outras persoas e a roubar.
Hainos enfermos e tolos, que só pensan nas súas ideas e non atenden a razóns,
mentres que outros son totalmente ao contrario.
Por sorte hai maiores moi bos e amábeis que demostran que
todos podemos converternos en persoas de proveito e encantadoras. Os demais
supoño que son como un recordo que é mellor esquecer, a non ser que queiramos
pesadelos.
Paula Gil, 2º ESO A
-----------------------------
Eu sempre quixen medrar, ser maior, non ter obrigas nin
preocupacións de ningún tipo. Facer o que se me antollase cando se me
antollase. Pero agora xa non quero ser maior. Os maiores están sempre
estresados. Nunca teñen tempo nin para falar con nós. Ademais moitas veces
dinnos que non fagamos cousas que eles mesmos fan. Desde pequenos dinnos que
mentir está mal, que non se debe facer, e é verdade, pero eles tamén menten
moitas veces. Se eles o fan, non pasa
nada pero se mentimos nós, castígannos de por vida.
Cristina Ordóñez, 2º ESO A
--------------------------------
Non quero ser grande. Os maiores teñen moitas preocupación e
moitas cousas que facer. Eu quero gozar da miña vida de rapaza. Aínda que os
grandes ás veces tamén fan rapazadas, non sempre entenden aos nenos. Como
queren que quedemos calados e quietos nunha clase tantas horas? É imposible. Ou
cando nos levan con eles a xunto de alguén e queren que nos portemos ben, pero
que facemos nós alí? Escoitarmos algo aburrido e que non nos interesa. Como imos
aguantar? A pesar diso, gústame ter grandes ao meu redor. Síntome protexida.
Teñen máis sentido común ca nós, polo menos algúns...
Os maiores cren que nós non pensamos nas cousas que eles fan
ou no que pasa pero non é así. As súas actitudes dannos moito que cavilar. Ás
veces as súas discusións magóannos porque non queremos velos mal… Miña nai dime
que en ocasións é difícil ser grande pero que é bonito ver como pasa o tempo,
como vas medrando e como vai transcorrendo a vida. Penso que ten razón. Todo virá
ao seu tempo.
Andrea
Rivas, 2º ESO A
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?