20.4.16

OUTRO XEITO DE IR Á PRAIA


Mércores 20 de abril pola mañá. Hoxe o alumnado de 2º da ESO  fomos á Praia dos Alemáns, alá no límite de Cangas con Tirán (Moaña). A miña felicidade estaba presente só porque perderiamos unha chea de clases. Pero na praia iamos facer un traballo de Naturais: nada de mollarse, nadar, mergullar, xogar, nin nada divertido que se poida facer na praia. “Home, igual é entretido”, dicía unha parte positiva de min.

Aló polas doce. Arredámonos do instituto para chegar á praia.  Non imaxinaba que estivese habitada por tantos seres cuxos nomes nin coñecía, como as lapas, as navallas...É que de mar sei ben pouco. En clases previas xa prepararamos os grupos e aprenderamos a manexar todo –termómetros, compases, ácido clorhídrico, alcohol etílico, unha malla de 25 cm²para calcular a densidade de poboación das lapas, papeis para facer a proba do PH- e colleramos os botes e as guías de flora e fauna do medio e de actividades para realizar, polo que fomos directamente a traballar, cadaquén no seu grupo, preparados cun caderno e un lapis para anotar os resultados.

Pasada a unha. A hora na praia pasou case tan rápido como cando xogas aos videoxogos, quizais máis do que me gustaría. Xa situaramos o vento, os tipos de nubes, tomaramos as temperaturas da auga, da area e do aire; a media de lapas dunha rocha, observaramos os métodos de defensa das anemones e dos tomates do mar, vimos como as cunchas dos caramuxos se enrolan no sentido das agullas do reloxo, botarámoslles non sei que ácido a non sei que, esculcaramos os caramuxos, as lapas, as algas, os liques… E aínda quedaban preguntas da ficha por responder!

Chegando ás dúas. Xa estamos de volta na aula. Andamos paseniño para chegar o máis tarde posible. No percorrido estiven cavilando sobre a saída. Teño que recoñecer que foi moito mellor do que esperaba. Levei o bote coas algas ao laboratorio e din por rematada esta curta pero intensa experiencia coa que aprendín unha morea de cousas sobre o biotopo mariño e da costa.





No comments:

Post a Comment

e ti que dis?