Na sexta edición das Xornadas de Xeografía e Historia
“Agostiño Entenza”, Cangas no mundo, tiven a sorte de poder
asistir a unha charla coloquio sobre a relación de Cangas co mundo da emigración.
Catro homes veciños da vila de
Cangas, que no seu tempo viviron e sufriron a lacra da emigración en primeira
persoa, viñeron contarnos as súas experiencias e vivencias. Eles foron uns
deses milleiros de galegos e galegas que un día abandonaron a súa terra en prol
dun futuro mellor.
Para min son uns heroes, xa que
ter que abandonar todo por un mundo que non coñeces, separarte dos seres
queridos, estar tanto tempo sen ter noticias deles, porque só se comunicaban
por carta e ás veces tardaban varios meses en chegar ao seu destino, merecen
todo o meu respecto e admiración.
Contáronos as súas experiencias e
lembranzas mediante anécdotas, iso sí, sempre con humor. Falaron dos malos
momentos, así como do choque cultural, dos problemas co idioma, da morriña, da
saudade pola ausencia dos seres queridos, da súa loita diaria por saíren
adiante, do duro período de adaptación… Unha loita sen fin! Pero como di o
refrán : O que non te mata faite máis forte. Como me soaba a min todo aquilo!
Cantas veces o escoitara eu en boca do meu avó! Pero… non só houbo malos
tragos, senón que tamén hai que ter presentes, e isto recalcárono moito, feitos
que lles brindaron divertidas situacións, como podían ser os malentendidos
debidos a comunicación nun idioma que lles era alleo. Para rematar , insistiron
que aínda que hoxe en día esteamos máis preparados para emigrar, que loitemos e
nunca renunciemos ao noso e a nosa a terra.
O testemuño destes homes foi moi
emotivo para min, xa que o seu relato me resultou moi familiar. Chámome Clara Costas, estudo 1º de bacharelato e SON NETA DE
EMIGRANTES! Con tan só 25 anos, o meu avó Emilio colleu un barco no porto de
Vigo rumbo ao descoñecido, rumbo a Arxentina. Toda a súa curta vida metida
nunha maleta. Aquí deixábao todo, os seus amigos, a súa familia e a súa noiva.
Aínda se lle pon un nó na gorxa cando lembra o momento da despedida! Marchou
sen saber se algún día volvería. A emigración supoñía a ruptura da unidade
familiar. Os homes marchaban e as mulleres quedaban converténdose nas s viúvas
de vivos e as viúvas de mortos das que falaba Rosalía no seu célebre poema.
Tres anos despois uníase a esta
“aventura“ a miña avoa Lola. Meu avó, máis ou menos adaptouse a vida alí, pero
a miña avoa pasouno moi mal. Tiña moita morriña, botaba moito de menos a súa
familia e a súa terra. Todos os días soñaba con regresar e sempre tivo claro
que nese país estraño non quería morrer e que algún día volvería a Galicia. E
así foi. Retornaron ao seu Bueu natal 19 anos despois. Incrible, estiveron
todos eses anos sen ver aos seus familiares! Nada máis pisar chan galego,
tiveron claro que ían regresar, pero daquela sería para sempre. Así, o 21 de
decembro de 1977 deixaban definitivamente Arxentina. Por fin o soño da avoa
Lola viuse cumprido. Estaba a carón dos seus e coa ilusión dunha nova vida por
diante. Despois de 20 anos polo mundo estaban na casa! E como di o famoso tango
de Gardel : Sentir que es un soplo la
vida/ que 20 años non es nada…”
Nunca máis volveron a Arxentina,
aínda que deixaron alí grandes amigos, case todos emigrantes galegos e fillos
de emigrantes. Algúns veráns veñen a Galicia e xúntanse para lembrar fermosos
momentos que compartiron xa hai uns cantos anos. E por suposto estrañando e botando
en falta a miña querida avoa Lola, que emprendeu outra viaxe pero esta vez para
non volver nunca máis. Non está con nós fisicamente, pero perdura e perdurará a
súa lembranza.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?