18.4.16

PARLAMENTO XOVE 2016


Este ano o Parlamento Xove foi unha grandísima novidade para moitos de nós. O IES de Rodeira leva moitos anos participando nesta iniciativa, xa fose con grupos da ESO ou mesmo de bacharelato, pero este ano o noso instituto levou tres grupos preparados para dalo todo nos debates: un grupo na ESO formado por alumnado de 4º: Lara González, Alexandru Ionescu, Ismael Alonso e Manel Iglesias, e os outros dous grupos restantes formados por alumnado de bacharelato: por unha banda, Antía Ordóñez, María Santos, Martiño Estévez e Cibrán López e, pola outra, Luís Martín Carnero, Ana Gómez, Ana Vilanova e Belén Rodal, os veteranos das anteriores edicións do Parlamento nas que Rodeira participou.

A primeira fase celebrouse os días 4 e 5 de marzo en Culleredo, cun tema que, nada máis lelo, deunos moitas crebaduras de cabeza: Determina o papel do profesor/a o futuro dos mozos e mozas? Podiamos pensar que nada está determinado, que influír e determinar poden significar o mesmo… Non sabiamos exactamente como defender ningunha das dúas posturas pero, ó final, conseguímolo. Dos tres grupos que participamos, os de 2ºde bacharelato, sendo este o seu último ano como participantes nesta iniciativa, conseguiron pasar á fase final do Parlamento Xove, defendendo en ambas posturas o seguinte tema: O machismo adolescente segue presente na nosa cultura?

Persoalmente, esta é unha experiencia totalmente gratificante que nos axuda a mellorar en moitos aspectos, tanto na capacidade de oratoria, coma no traballo de investigación, de debate e mesmo na socialización. Axúdanos a reflexionar sobre temas nos que nunca nos parariamos a pensar e tamén a dominar os nervios sen deixar que sexan eles os que collan as rendas.

O esforzo, o traballo, as tardes de bocata e debate xunto coas crebaduras de cabeza, valeron moito a pena. Esperemos que Rodeira siga participando durante moitos, moitos anos máis e tendo aínda moito máis éxito do xa obtido!




 
 
 
 

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?