29.5.15

APRENDENDO NA NATUREZA DAS ILLAS CIES



Moito se falou das Illas Cíes este ano. Dunha banda a procura de apoios á súa candidatura para Patrimonio da Humanidade; doutra, a consideración no diario británico The Guardian da illa de Rodas como a mellor praia do mundo , “perfecta medialúa suave e pálida, cuberta por pequenas dunas abrigadas por un tranquilo lago de auga limpa como o cristal”.  Por sorte hai xa anos que os galegos e galegas, conscientes do seu valor, reclamamos a súa protección. As Illas Cíes foron declaradas Parque natural en 1980 e están incluídas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza  creado o 1 de xullo de  2002 xunto con Ons, Sálvora, Noro, Vionta, Cortegada e Malveiras. Ademais, polas importantes colonias de aves mariñas, as Illas Cíes contan coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves. Tamén son un lugar de importancia comunitaria e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.  Que mellor xeito de celebrar a chegada do bo tempo que percorrer este paraíso natural que temos tan preto de nós aprendendo a valoralo e conservalo? Os/as monitores aprendéronos moito sobre paisaxe, flora e fauna das illas e faláronnos tamén dos perigos dos que as tentan protexer como as especies invasoras. E regresamos con ganas de térmonos quedado máis tempo no seu camping e, por suposto, con todo o lixo de volta, para non emporcar este marabilloso espazo desde o que puidemos contemplar desde unha nova perspectiva, tan perto, a nosa costa da Vela e Cabo Home.






No comments:

Post a Comment

e ti que dis?