Achegase o Día das Letras
Galegas. Por iso hoxe, nas últimas horas, suspendéronse as clases e reunímonos
no patio para celebrar que temos unha lingua e unha cultura propias, nacidas na
nosa terra; unha lingua e unha cultura que nos fan especiais e coas que
enriquecemos a diversidade creativa do mundo. Pero termos unha lingua propia é
tamén unha responsabilidade porque agora depende de nós o seu futuro. Por iso
hoxe DESTAPAMOS O GALEGO que levamos dentro e deixamos saír ao vento as
palabras do noso pobo, as palabras que a nosa xente mantivo vivas coa familia e
cos amigos naqueles tempos en que non nos deixaban falar libremente. E tamén as
palabras que tivemos que reinventar despois de que nos fosen roubadas e que
agora xa podemos aprender na escola. As palabras do campo e do mar, e tamén da
fábrica e do comercio, da ciencia e da tecnoloxía e do tempo de lecer.
Para preparar este acto,
encheramos un bote de palabras na aula. E hoxe entramos na botella pintada no
chan do patio e berrámolas forte porque non queremos que se esquezan. Palabras
da natureza para chamar os animais (1º ESO A), as plantas (1ºESO B) e a
paisaxe(1ºESO C); palabras para sentir
(2ºESO A), para a tecnoloxía (2ºESOB) e para a cociña (2ºESOC); palabras para
chamar as partes do corpo humano (3ºESO A), para a medicina (3ºESO B) e para o
clima (3ºESO C); palabras que nos levan de viaxe (3ºESO D); palabras para as
mates (4ºESO A); palabras fermosas para mocear (4ºESO B) e sentilas especias e
moi nosas (4ºESO C). Palabras para o laboratorio (4ªESO D) e para a informática
(FP Básica). Cada aula formou unha burbulla e nela fomos agasallados con
galletas máxicas en forma de botella con poderes para axudarmos a botar fóra o
galego que levamos dentro.
Os profes do instituto tamén
lembraron a súa responsabilidade na transmisión da lingua (que non saia un
alumno nin unha alumna de Rodeira sen saber falar e escribir en galego con
soltura) e berraron palabras en defensa do ensino en galego.
E rematamos o acto cantando o
himno que nos define como galegos e galegas.
Rematado o acto, o patio
encheuse de xogos populares.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?