Entre o 29 de abril e o 4 de maio, un grupo de alumnado de 1º de bacharelato puidemos deixar de lado a dura rutina estudantil de apuntamentos e subliñadores para botarnos a camiñar polo mundo adiante, como auténticos guiris, pau de selfie en man. Co obxectivo de poñer en práctica o noso inglés e coñecer de preto a cultura angloxasoa, percorremos os lugares máis emblemáticos da cidade de Londres: o British Museum, a National Gallery, a Tate, Covent Garden, o parlamento británico, a abadía de Westminster, Buckingham, o London eye, Hyde Park, a catedral de Saint Paul, Greenwich, o río Támese, Picadilly Circus, a torre de Londres...
Despois deses seis días, ningún de nós quería volver a
casa. A experiencia fora curta pero intensa: En cinco días puidemos apreciar a
gran multiculturalidade que convive nas grandes cidades e o respecto que se ten
polas culturas. Pódese considerar que a cúspide desta premisa é o feito de que
a maior parte dos museos sexa gratuítos. Neles gozamos dos máis coñecidos
símbolos das culturas antigas e achegámonos á arte clásica e á contemporánea; e
tamén houbo espazo para a historia natural e a tecnoloxía. Ademais, viaxamos
en barco polo Támese -e atravesámolo tamén baixo terra-, subimos chanzo a
chanzo todas as escaleiras da Catedral de Saint Paul, pasámolo en grande co
musical Mamma mia!, sentímonos como en Cumbres borrascosas ou nos
libros de Jane Austen ao admirar a paisaxe máis campestre, tiramos a foto de
rigor en Abbey Road (con intruso incluído) e no andén 9 3/4 , regateamos en Candem Town, percorremos
as rúas polas que se movía Jack O destripador, atopámonos con outros galegos
-como non podía ser doutro xeito-, aproveitamos para botarlle un Alfonso da
herba en Hyde Park, coñecimos de preto a historia do lugar e crímonos
dentro das máis coñecidas películas e series ao vernos arrodeados da tan
característica estética de ladrillo vermello (ademais dos hiper-fotografados
autobuses vermellos e cabinas telefónicas).
Trala accidentada volta a casa, custou afacerse á idea
de volver á rutina (e a ter que cambiar o “perdón” polo “sorry”,que xa
pronunciabamos á perfección despois de seis días movéndonos en metro). A
experiencia foi insuperable e trouxemos moitas anécdotas connosco. Con este bo
sabor de boca, de seguro que non ha ser a derradeira vez que saiamos coñecer
mundo. Que ganas de explorar novos lugares!
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?