6.5.15

DESTAPA O GALEGO PARA ACHEGÁRMONOS AO PORTUGUÉS: Em Guimarães


Os días 29 e 30 de abril o alumnado de bacharelato emprendemos unha viaxe, xa clásica no noso centro, a Guimarães grazas a cal puidemos desconectar da dura rutina dos bachareis.
Despois da viaxe en autobús chegamos ao noso primeiro destino: o Castelo de Guimaraes. Alí esperábanos a nosa guía Ana, tamén xa clásica nesta saída, quen nos falou todo o tempo en portugués. Tamén estaba, xa lista, a cámara de Tilves para tirarnos a primeira foto. Visitamos este castelo que é o berce do nacemento de Prortugal. De seguido visitamos tamén o Pazo dos duques de Bragança e a Capela de san Miguel onde supostamente fora bautizado Afonso Henriques. A continuación, fomos polo casco histórico da vila e xantamos. Xa de tarde visitamos o museo Martín Sarmiento, construído nun antigo convento. Alí albérganse obxectos castrexos atopados polo propio Sarmiento. Ao saíres de alí, un teleférico elevounos ata o monte da Pena onde había unhas vistas espléndidas e unha igrexa construída durante a ditadura de Salazar. Dende alí arriba puidemos observar toda a vila, e aproiveitando a ocasión,Tilves tomounos outra foto.
Xa para rematar este longo aínda que produtivo día, instalámonos na Pousada da Xuventude co obxectivo de “durmir” e “descansar”.

O segundo día tiña pinta de ser bastante duro, ninguén se excedía ao dicir que sería peor que unha clase de galego. As olleiras chegaban ao chan, e a cámara de Tilves rondaba para pillar as caras do seu alumnado.
Xa postos a saír, collemos o autobús ben cedo -algúns xa preferían pór destino a Cangas- e chegamos a Briteiros. Alí visitamos a Citania Castrexa que era enorme e con moitísimas hectáreas aínda sen desterrar. Esta fora mercada por Martín Sarmiento, e foi grazas a el que hoxe inda siga en pé. Dende alí dirixímonos ao Santuario do Bom Jesus, construído no alto de Braga e a continuación baixamos ao centro cidade. Alí todo eran igrexas ou edificios que algo tiñan de relixioso. Fíxosenos unha andanza moi dura por Braga. Chovia a chuzos e estabamos todos que non podiamos máis. Parecía que o momento de subir novamente ao bus non chegaba, pero aínda que se fixo de rogar, chegou. Todos subiamos ao bus con cara de felicidade, con ganas de durmir durante a viaxe e de estar tranquilos. Tampouco puido ser así, Tilves aproveitou as sonecas da xente para seguir tirando fotos, aínda que chegados a este punto, xa todo daba igual.

Finalmente chegamos a Cangas, a nosa vila, cunha chea de coñecementos sobre a historia de Portugal e quizáis tamén cunhas cantas fotos.


 

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?