Marta Giráldez Villar é
unha alumna de 2º de Bacharelato do IES Rodeira que tivo a oportunidade de
estudar, o curso pasado, no instituto ‘’Mount Baker Secondary School’’, en
Cranbrook, un pobo do sudeste de Canadá, situado na zona anglófona do país. A
súa compañeira Raquel Refojos
entrevistouna para poder coñecer máis a fondo as súas sensacións, vivencias e
recordos tras a súa aventura no estranxeiro.
Por que decidiches estudar
no estranxeiro?
A verdade é que era algo
que xa tiña en mente desde había bastante tempo. Sempre tiven a curiosidade de
saber como era o mundo máis alá da nosa cultura e quería ter esa experiencia de
vida na que aprendes a ser independente, a valerte por ti mesma e sobre todo a
convivir e comprender o funcionamento da vida e da rutina nun entorno cultural
totalmente distinto.
Cumpríronse as túas expectativas coa túa experiencia?
Sinceramente non tiña unas
‘’expectativas’’ ou obxectivos definidos, por así dicilo, senón que máis ben
foi a propia experiencia a que me sorprendeu, brindándome oportunidades,
vivencias e mesmo leccións vitais que nunca tivera en mente antes. Quero dicir,
máis alá de aprender inglés, o feito de vivir un ano fóra da casa, da
comodidade familiar e do círculo de amizades habitual, o feito de ter que
comezar de cero obrígalle a un mesmo a madurar e tomar as rendas do seu propio
camiño. Hai situacións nas que por primeira vez na túa vida te atopas ‘’só ante
o perigo’’ e os teus pais e amigos non están contigo para solucionar os teus
problemas, nin sequera están o cerca que precisas para darche o seu apoio, por
isto é unha experiencia vital na que o máis importante, desde o meu punto de
vista, é a independencia e madurez que acadas, así coma a oportunidade de
coñecerte a ti mesmo, coas túas fortalezas e debilidades.
Que foi o que máis te
chamou a atención da cultura canadense?
Hai moitas cousas
diferentes con respecto á nosa cultura que chaman a atención e que todos
coñecemos porque as temos visto xa nas películas, pero non é o mesmo contalo
que vivilo. Para comezar, os horarios nos que se estrutura a súa rutina son
totalmente distintos. Entre as 11.00h e 12.00h, cando en España estariamos
tomando unha pequena merenda, para os canadenses é a hora do ‘’lunch’’, o
equivalente á nosa comida do mediodía, coa diferenza de que eles se conforman
cun bocadillo, un ‘’wrap’’ ou algo lixeiro e fácil de levar ao traballo,
colexio, instituto, etc. Pola contra,a súa comida grande é a cea, que se toma
entre as 17.00h e as 19.00h da tarde. A esta hora poderiamos dicir que para
eles remata o día, mentres que para os españois a tarde acaba de comezar. Tamén
me chamou a atención que alí se valoren certas actividades que aquí quizais se
enfocan desde outra perspectiva, coma o feito de que sexa igual de válida a
materia de cociña ou teatro que a de filosofía, química ou xeografía, cousas
que nos nosos centros é difícil de atopar fóra do ámbito extraescolar. Como
estas podería dicir moitas outras cousas que son diferentes respecto da nosa
cultura, coma que os adolescentes, na maior parte dos casos, xa estean
traballando desde os 15 anos ou que a os 16 estean sacando o carné de conducir,
pero como dicía, son cousas que xa temos vistos todos nas películas, só que o
feito de vivilas chama a atención.
Algunha experiencia
que nunca esquecerás?
Hai moitas experiencias,
demasiadas quizais, que nunca borrarei da miña memoria. Entre elas podería
destacar todas as actividades das que tiven a sorte de disfrutar co programa de
‘’International students’’ no que estaba rexistrada. Fixemos ‘’River rafting’’,
visitamos o marabilloso Parque Nacional de Banff, onde fixemos sendeirismo,
‘’dogsledding’’ en Alberta, que consiste en ir nunha zorra tirada por cans, uns
Huskies Siberianos preciosos por certo. Este día foi moi divertido, aínda
tivemos un pequeno contratempo. Á miña amiga e a min, que dirixiamos a zorra,
escapóusenos cunha terceira persoa dentro. Levamos un pequeno susto pero por
sorte ninguén resultou ferido, foi unha experiencia para non esquecer nunca.
Tamén fixemos actividades coma as ‘’xornadas multiculturais’’, nas cales os
estudantes internacionais iamos polos distintos colexios da zona,
ensinándolles aos máis cativos como era a cultura do noso país, os nosos
costumes, xogos, cancións... Aos nenos encantáballes. E como estas podería
contarche moitas máis, partidos de Hockey, intentos (case todos falidos) de
aprender a patinar sobre xeo, esquí… Tamén tiven a sorte de gozar dunha
viaxe a Vancouver nas vacacións de ‘’Spring Breaks’’ cunha das miñas amigas de
México. Foi realmente divertido, unha cidade preciosa, ben coidada e con
lugares envexables. Repetiría esa viaxe unha e mil veces se puidese!
Por que Canadá e
non outro lugar?
Hei dicir que nunca tiven
Canadá en mente, o meu soño sempre fora ir a Estados Unidos, así que poderiamos
dicir que non fun eu buscando Canadá senón que Canadá me atopou a min. Todo foi
casualidade, unha amiga da miña nai mirou anunciado no xornal que Amancio
Ortega sacara 100 becas para estudar en Canadá e díxome que probara a
apuntarme. Eu non o tiña nada claro, ademais, sabía que era moi difícil, case
imposible, saír entre os 100 elixidos, pero ao final apunteime no último
momento e conseguín unha das becas. Apuntarme foi, sen dúbida, unha das
mellores decisións da miña vida.
Foi difícil adaptarse
a vivir 24h nun idioma que non era a túa lingua materna?
Non é fácil, sobre todo ao
principio. Lémbrome perfectamente de cando cheguei, totalmente asustada, e a
miña familia de acollida comezou a falarme, abrazarme a darme indicacións, das
cales entendín a cuarta parte, e xa me parece moito. Pero o tempo pasa e o oído
se acostuma, pouco a pouco a túa mente asume como normais vocabulario,
palabras, expresións que ao principio resultaban case initelixibles. O máis
difícil para min foi, sen dúbida, conseguir entender aos nenos pequenos, os
fillos dos meus pais de acollida, os cales falaban moito e moi rápido. O
momento no que fun consciente de que os entendía perfectamente púxenme moi
contenta, así coma cando comezaba a entender todas as películas, aos profesores
e incluso cando tiven os meus primeiros soños en inglés. Son pequenos detalles
que, para min, resultaban realmente reconfortantes. Eran coma os meus pequenos
logros.
Encontraches
moitas dificultades ao principio?
A verdade é que o proceso
de adaptación non é fácil. O máis difícil para min foi todo aquilo relacionado
co idioma máis que a adaptación a novos costumes, xa que persoalmente non me
resultou tan difícil o feito dos novos horarios de comidas nin nada polo
estilo. Iso si, as primeiras semanas custoume moito orientarme, situarme e
comprender algunhas cousas por falta de comprensión idiomática. O primeiro día
de instituto estaba moi nerviosa e, por suposto, non entendín ningunha das
indicacións que o director nos deu na presentación. Aínda me pregunto como
conseguín chegar ás aulas correctas e sen perderme, porque o instituto era case
un labirinto, con escaleiras por todas as esquinas e moitísimo alumnado, xa que
era o único instituto do pobo. Respecto ao idioma, lembro algunhas situacións
que agora me resultan graciosas pero que no seu día resultaron incómodas, sobre
todo por erros de pronuncia. Unha vez, quería dicirlle á miña nai canadense que
ía lavar os dentes, e dixen ‘tits’ en lugar de ‘teeth’. Por suposto, ela rompeu
a rir. Desde aquel momento quedoume moi claro como se pronunciaba a palabra
‘dentes’.Algún consello para aqueles que teñan en mente ir estudar fóra?
Diríalles que se teñen a oportunidade de estudar no estranxeiro non o dubiden nin un instante, nin teñan medo. Ao principio pásase mal, é certo, pero como todo nesta vida é cuestión de acostumarse. Cando un vive fóra, tan lonxe de casa, das comodidades do seu entorno e se abre paso cara un novo mundo, totalmente distinto a todos os niveis, faise consciente de moitas cousas, aprende a valorar e a ser independente. Descubre novos puntos de vista e formas distintas de facer as mesmas cousas. Como xa dixen antes, máis alá de aprender unha nova lingua, é unha experiencia vital, unha nova vida nun ano. A todos os que queiran marchar fóra ou estean indecisos diríalles que non o dubiden máis, adiante. É unha oportunidade única, da que me sinto realmente afortunada, que me brindou a posibilidade de coñecer novos lugares, vivir experiencias incribles, coñecer xente marabillosa e valorar, medrar e madurar. A todos os pequenos exploradores, sen medo, lanzádevos a coñecer mundo, porque é algo do que nunca vos ides arrepentir.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?