26.5.14

BATIDOS PARA O VERÁN. Nova campaña publicitaria en galego.

Aprende como facer ricos batidos agora que comeza o tempo de calor.


23.5.14

A BELEZA FERIUME PARA SEMPRE



Os versos de Díaz Castro acompañaron ás fotografías presentadas por toda a comunidade escolar ao Concurso-exposición de Fotografía da Natureza, organizado polo departamento de Bioloxía.




19.5.14

O CARBALLAL DE COIRO. OS SONS DA NATUREZA. OS SONS DA FALA



Camiñando polo espazo que compartimos, chegamos ao lugar que nos une. Por fin chegou bo tempo e chegounos aos de 1º da ESO de ir pasear polo Carballal de Coiro. Sergio, Ancor, Xian, Uxia e Laura (alumnado de 2º da ESO) acompañáronos  no noso paseo polo Carballal. Alí gozamos do aire libre, da paz e do silencio do lugar e puidemos escoitar  tres xeracións a falarnos con entusiasmo do lugar que coñecen do lugar que lles dá vida porque os conecta co seu. (Manolo Boubeta, Pepe, Manolo e Sol).  Nós temos que deixarnos aprender e pensar que algún d@s que hoxe estamos aquí a escoitar poderemos ser para o ano que vén ,@s que lles esteamos a falar á vindeira rapazada do espazo natural que xa contribuímos a conservar.
Escoitar escoitamos.....







 

Á volta da saída, reflexionamos sobre a importancia da nosa natureza e valoramos o traballo das persoas que a coidan e comparten con nós todo o seu saber de xeito desinteresado. Porque cada pequeno paso que damos conta e todos e todas somos importantes na defensa do nos patrimonio natural, expuxemos as palabras de
tod@s nós que son o zume  necesario para construír unha única árbore común. 



UN PASO ADIANTE EN DEFENSA DA INTERCULTURALIDADE

As redes fervían cando ESTHER GARCÍA, unha rapaza madrileña denunciaba na prensa a resposta dun hotel asturiano cualificando de ridículo, absurdo e innecesario o feito de que ela, no seu currículo, incluíse o galego entre os idiomas que domina. O orgullo que esta madrileña sente por terse enriquecido aprendendo a nosa lingua foi o punto de partida da nosa Semana Intercultural.

 Fixémola coincidir co mes das Letras Galegas porque DÍAZ CASTRO foi outro gran mestre no amor ás liinguas, polígota e tradutor de textos en francés, alemán,inglés, italiano, portugués,holandes, danés e linguas escandinavas. Traduciu obras íntegras de recoñecidos escritores, sobre todo ingleses e tamén outras versións literarias, recollidas polo Consello de Cultura Galega, no Cartafol de traducións e outros poemas. Chesterton, Rilke, Alfonso de Lamartine,Paul Valery e Victor Hugo, sobre todo; versións dos grandes premios Nobel nórdicos nos anos 50 e traducións de novelas para as seleccions do Reader's Digest non anos 60 e 70.

 Non por iso esqueceu Díaz Castro que o galego era a súa lingua, a da única obra de creación que publicou, o poemario Nimbos. En colaboración co instituto Monte Carrasco, fomos conseguindo as traducións do seu poema máis coñecido -Penélope- ás linguas presentes no noso instituto e invitamos ao alumnado chegado doutras linguas e culturas a que as apadriñasen con orgullo. Porque é desde o respecto ás linguas e culturas que chegan a nós como mellor transmitiremos a invitación á que queiran formar parte da nosa. Como Esther García.E a que non perdan nunca esa relación coa terra e a cultura que os viu nacer. Porque a diversidade lingüística e cultural enriquece o mundo.





16.5.14

CELEBRANDO AS LETRAS GALEGAS


Un ano máis reunímonos na véspera do Día das Letras Galegas para celebrar que os galegos e galegas temos unha lingua propia coa que contribuímos a enriquecer a cultura universal.  E fixémolo homenaxeando a DÍAZ CASTRO, un poeta da xeración do 36, que viviu a represión, a guerra civil e o silenciamento das publicacións en galego. Cantamos o seu poema máis célebre musicado por A Quenlla: o poema PENÉLOPE, unha metáfora da tortuosa historia de Galicia e do galego, marcada por unha loita que nos leva UN PASO ADIANTE e polos obstáculos que atopamos no camiño que nos forzan a dar UN PASO ATRÁS, impedíndonos facer realidade o noso soño dunha lingua e unha cultura normalizada.


Fixemos memoria da nosa historia dando UN PASO ADIANTE para celebrar a normalidade lingüística e o esplendor literario da Idade Media; UN PASO ATRÁS polos Séculos escuros e a desaparición da nosa lingua dos usos cultos; UN novo PASO ADIANTE cos avances conseguidos no Rexurdimento, coa Xeración Nós e o Estatuto do 36 que lle daba a cooficialidade á nosa lingua. Logo veu o franquismo, un tremendo PASO ATRÁS  que asociou o galego á pobreza e á incultura, impedindo que, durante anos, puidese desenvolverse como lingua de cultura. E novo PASO ADIANTE cando, xa en democracia, se aproba un Estatuto de Autonomía que recoñece a cooficialidade do galego e unha  Lei de Normalización que permite a entrada do galego na escola, na administración e na radio e na TV.





Queda moito que tecer en galego. Moitos pasos que dar cara adiante. Todos e todas somos necesarios. Se non avanzamos, a inercia levaranos cara atrás. Se queremos tecer un futuro no que o galego siga sendo unha lingua viva  temos que DAR PASOS ADIANTE levando o fío do galego con nós sen vergoña , sen prexuízos, alá onde vaiamos: no traballo, no tempo de lecer, no móbil, na rede, reclamando todos os usos que aínda non ten. Uns riquísimos pés de galleta feitos polas profes Sonia, Begoña, Pilar, Cristina, Bea Villar, Gemma  e Carmiña invitáronnos a DAR PASOS ADIANTE en defensa da nosa lingua.








Como cada ano, o Equipo de Dinamización da Lingua galega entregou neste acto algúns recoñecementos para destacar PASOS ADIANTE importantes na defensa da nosa lingua e cultura.


Agasallamos cun pé pequeniño para poñer na lapela ao profesorado do instituto. pedíndolle un PASO ADIANTE decidido na transmisión do galego ao alumnado para que nin un só alumno marche de Rodeira sen ser capaz de escribir e de falar en galego. Entregamos a nosa placa FALAMOS GALEGO a Ángel Martínez Pousada, presidente da Asociación Cultural Cacarexo de Coiro. polo seu decidido PASO ADIANTE na defensa da tradición cultural e do uso vivo do galego. Tamén houbo agasallos para o alumnado de 2º de bacharelato do Equipo de Dinamización que terá agora que levar a nosa lingua á universidade. E para o que chegou a nós desde outras linguas.: Iria Bermúdez , de 2º de Bacharelato, desde o catalán; Diana Rodová  de 1º de Bacharelato desde o checo e Thomas, de 3º da ESO, desde o italiano… Porque non hai linguas grandes nin pequenas, quixemos agradecerlles que abrisen o seu corazón á nosa cultura que é xa tamén a súa. Sen esquecernos do brasileiro, a nosa lingua irmá, agasallando a Jennyfer, de 2º da ESO e Luana de 1º, desexando que sintan acollidas entre nós sen renunciar á súa lingua.



 




Temos unha empresa común: manter viva a nosa lingua. Expresamos esa unión como galegos e galegas cantando con forza o noso himno.









E, para rematar a festa, xogos populares, organizados como cada ano polo Departamento de Educación Física. 







13.5.14

GALEGO, O PASO ADIANTE


Un ano máis, o CORRELINGUA convocounos nas Semana das Letras Galegas a todos os centros do Morrazo. Reunímonos en Bueu. O alumnado do equipo de dinamización de 2º da ESO quedou na praza co alumnado de infantil para axudalo no xogo da ra, no picaparedes ou na pita cega.





O resto do alumnado do noso instituto e tamén do IES Xohan Carballeira de Bueu animamos a marcha para reivindicar o uso do galego polas rúas de Bueu.





Ao regreso da marcha, a actriz Isabel Risco saudou a todos os centros participantes e Ana, Luís e outros dous alumnos do Johan Carballeira deron lectura ao manifesto. Fixérono fenomenal.





Aquí tedes o texto do manifesto, da autoría do grupo Os Ameneiros de 3º A da ESO do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.






Logo actuaron un grupo de alumnos e alumnas do IES As Barxas que cantaron Linguaquetraba, un rap que compuxeron co seu profesor de música Seso e que presentaron ao concurso do Cantalingua. 



Lingua-que-traba, Lingua-que traba e que non traga con nada (bis)

Pasmoooon! /Non vou ficar impasible ao teu carón. /Vou ser coma un xigante/ que leve
por diante/ a quen se pon/ como un mandón/ en plan prohibición /coas bocas de mil linguas
do Morrazo a Corcubión/ e vouche sacar peito/ non hai dereito/non podes 
poñer teito/á recuperación da:

Lingua-que-traba, Lingua-que traba e que non traga con nada (bis)

Xa non somos servos miserentos, apoucados, sen alento, que consideran vergoñento
o seu acento e ruín! /Non somos coma ti / que vendes á xente: Tratante!/ Nós, somos
xigantes!/ E sóbrannos folgos/ para espetarte:

Lingua-que-traba, Lingua-que traba e que non traga con nada (bis)

Ei! Escoita que che berro/ Non rematei contigo!/ Menudo erro! Canta incultura!/ Querer 
dar sepultura a un xigante vivo/ Pero a lingua fura desde a terra escura. Medo que tes!
Botas escuma!/ Baixo os teus pés xa treme a rúa/ Rézalle ao ceo/ Bateremos arreo/ na 
túa cabeza dura.

Lingua-que-traba, Lingua-que traba e que non traga con nada (bis)




Mentres Pablo Díaz cantaba para os nenos e nenas dos coles os temas do seu disco TOC TOC, o alumnado dos institutos aproveitamos para nos presentar e practicar xuntos os xogos populares. A corda foi o que tivo máis éxito.












12.5.14

UN PASO ADIANTE POLO PLANETA: FABRICANDO COMPOST

Este curso continuamos recollendo os restos da froita para fabricar compost. Todas as clases fomos pasando pola pequena horta que temos no instituto. Nós mesmos levabamos os cestos para o composteiro e podiamos ver como se ía facendo o compost con todos os procesos químicos que nos explicou Cristina, a profesora encargada. Mesmo chegamos a plantar e abonar.



9.5.14

EN PRIMAVERA... NÉSPERAS E PELADILLOS

A terceira semana de froita chegou na primavera.  E coa luz dos días máis longos chegou unha marea de sabores.  Repetimos plátanos, mazás e amorodos pero chegaron tamén as nésperas e os peladillos. E o sol que nos anima a respirar e facer exercicio ao aire libre.




8.5.14

FROITA PARA O CAMIÑO

Como se van notando as campañas de froita no instituto... Aquí tedes a alumnado de 1º dispoosto a emprender camiño para pasear polo Carballal de Coiro. E non podía faltar o froita para o camiño.




5.5.14

DÍAZ CASTRO, poeta homenaxeado nas LETRAS GALEGAS 2014.


Comezamos o mes das Letras Galegas que este ano se dedican a un poeta de Guitiriz, DÍAZ CASTRO. Xa tedes na exposición do centro moita información sobre a súa biografía e as características da súa obra. Publicou un só libro de poemas en galego Nimbos, na editorial Galaxia que, co seu proxecto de recuperación da cultura galega, conseguiu romper o silencio  imposto pola ditadura de Franco desde 1936 ata 1950. A súa publicación, no 1961, causou unha gran conmoción literaria. Foi aplaudido por unanimidade. A xente sorprendeuse porque Díaz Castro estaba traballando en Madrid e non era coñecido entre a intelectualidade galega. Vaise creando un mapa de afectos arredor del. Primeiro nos 60 e 70, despois nos 80 e 90, deixando pegadas da súa obra en Manuel María, López-Casanova, Darío Xohán Cabana, Fernán Vello, Ana Romaní ou Xohana Torres. Á altura dos anos 80 Díaz Castro xa era, para os círculos literarios galegos, un clásico en vida, así respectado e recoñecido unanimemente e, en consecuencia, a súa obra era antologada de xeito reiterado, traducida a diferentes idiomas, estudada polos máis diversos analistas e considerada como unha referencia indispensable en manuais e historias da literatura.





O pasado, a infancia, é o paraíso perdido son en Díaz Castro temas recorrentes. Mais a Historia está presente tamén a través da referencias bíblicas, das referencias ao mundo clásico grecolatino, as referencias aos pobos celtas e, por último, á historia última de Galicia. As visións de Galicia que ofrece Nimbos son tres. Galicia é, en Díaz Castro, cadro costumista, abeiro vital do poeta e patria asoballada e maltratada. E esa é a faceta menos considerada pola crítica, a de poeta de denuncia que arremete contra a pasividade da sociedade galega.

 

1.5.14

UN PASO ADIANTE POLO TEATRO EN GALEGO

Do 28 ao 30 do mes de abril o noso instituto participou na XVIII Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo. Os cinco grupos de teatro que actuaron no IES As Barxas ofreceron a todo o alumnado do Morrazo as súas obras en galego. Volverán facelo para o público en xeral no Ciclo de teatro afeccionado, no Auditorio de Cangas, no mes de maio.

O noso grupo Faise o escuro representou O ladrón de palabras. Un grupo de intrépidos rapaces e rapazas deixan de estudar un aburrido exame de lingua para pescudar sobre unha sombra que vai roubando as letras e as palabras á xente. Tras descifrar o enigma, atopan o ladrón de palabras e conseguen atragoalo coas palabras máis longas que atopan no dicionario ata que promete devolver todas as palabras que roubou. Así descobren o útil que pode ser a lingua.




Acariñando os cabelos foi a outra obra dos maiores, alumnado e ex-alumnado de Rodeira que seguiron ensaiando con Juan no instituto, nha orixinal versión modernizada da Carrapuchiña Vermella.



30.4.14

UN PASO ADIANTE QUE NOS ACHEGA AO PORTUGUÉS: Coñecendo Guimares e Braga.





Preto das 10 (hora portuguesa) desembarcamos en pleno casco histórico de Guimaraes, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO como nos contou MARIA, a nosa guía, que falaba un portugués que entendiamos perfectamente. De Guimaraes dise que é o berce de Portugal, e diso dan testemuña numerosas estatuas e referencias a Afonso Enriques, primeiro rei de Portugal, así que é unha cidade que agocha moita historia. Comezamos visitando un castelo (que nunca fora residencia, senón fortaleza) no cal vimos unha placa que mostraba dúas frases, unha de Pessoa e outra de Castelao, que falaban da relación entre o galego e o portugués. Visitamos unha antiga residencia real, na que aínda agora se celebran recepcións ou mesmo vodas, máis que se usa principalmente como museo. Ademais de moitos móbeis, tapices e cadros, soubemos que o palacio tiña 32 chemineas, mais que non todas eran de verdade, senón que algunhas só cumprían unha función estética (polo aquel da simetría). O recreo fíxose realmente curto e deu para pouco máis que para comer, tomar un café e probar as natas. Xa pola tarde, coñecemos a Sociedade Martíns Sarmento, que ocupa un gran edificio no centro de Guimaraes, e o claustro dun antigo mosteiro. Aínda que ofertaban diferentes exposicións, centrámonos máis na parte arqueolóxica e na figura de Sarmento, cuxa biblioteca pertence á sociedade e inclúe unha primeira edición de Os Luisíadas, de Camões, que naturalmente está gardada baixo caixa forte. No teleférico subimos ó que sería o Montjuic de Guimaraes, onde pasamos un bo tempo ata que nos colleu a chuvia. Ao día seguinte a primeira parada foi un museo arqueolóxico, xestionado tamén pola Sociedade Martíns Sarmento, e onde apreciamos unha sauna prerromana. Despois fomos á Citania de Briteiros, un gran castro moi ben conservado comprado polo propio Sarmento e que é o lugar de orixe das pezas expostas no museo. A nova guía Ana, que tamén nos falou en portugués, ensinounos unha casa que foi trasladada, pedra a pedra, dun lado da beirarrúa ao outro; pero sobre todo, chamou a nosa atención a catedral. Nela mesturábanse varios estilos, pero destacaban o románico e o barroco, que o abarrotaba todo de volutas e pan de ouro. Da man das capelas, dos bispos e dos santos coñecemos un chisco da historia de Braga, da que nos despedimos nun fermoso e pequeno xardín preto do pazo do Bispo. Un par de horas de autobús e xa estabamos en Cangas, cansos e satisfeitos da viaxe, co “obrigado” interiorizado e afeitos a musicalidade do idioma portugués.