13.5.14

GALEGO, O PASO ADIANTE


Un ano máis, o CORRELINGUA convocounos nas Semana das Letras Galegas a todos os centros do Morrazo. Reunímonos en Bueu. O alumnado do equipo de dinamización de 2º da ESO quedou na praza co alumnado de infantil para axudalo no xogo da ra, no picaparedes ou na pita cega.





O resto do alumnado do noso instituto e tamén do IES Xohan Carballeira de Bueu animamos a marcha para reivindicar o uso do galego polas rúas de Bueu.





Ao regreso da marcha, a actriz Isabel Risco saudou a todos os centros participantes e Ana, Luís e outros dous alumnos do Johan Carballeira deron lectura ao manifesto. Fixérono fenomenal.





Aquí tedes o texto do manifesto, da autoría do grupo Os Ameneiros de 3º A da ESO do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.






Logo actuaron un grupo de alumnos e alumnas do IES As Barxas que cantaron Linguaquetraba, un rap que compuxeron co seu profesor de música Seso e que presentaron ao concurso do Cantalingua. 



Lingua-que-traba, Lingua-que traba e que non traga con nada (bis)

Pasmoooon! /Non vou ficar impasible ao teu carón. /Vou ser coma un xigante/ que leve
por diante/ a quen se pon/ como un mandón/ en plan prohibición /coas bocas de mil linguas
do Morrazo a Corcubión/ e vouche sacar peito/ non hai dereito/non podes 
poñer teito/á recuperación da:

Lingua-que-traba, Lingua-que traba e que non traga con nada (bis)

Xa non somos servos miserentos, apoucados, sen alento, que consideran vergoñento
o seu acento e ruín! /Non somos coma ti / que vendes á xente: Tratante!/ Nós, somos
xigantes!/ E sóbrannos folgos/ para espetarte:

Lingua-que-traba, Lingua-que traba e que non traga con nada (bis)

Ei! Escoita que che berro/ Non rematei contigo!/ Menudo erro! Canta incultura!/ Querer 
dar sepultura a un xigante vivo/ Pero a lingua fura desde a terra escura. Medo que tes!
Botas escuma!/ Baixo os teus pés xa treme a rúa/ Rézalle ao ceo/ Bateremos arreo/ na 
túa cabeza dura.

Lingua-que-traba, Lingua-que traba e que non traga con nada (bis)




Mentres Pablo Díaz cantaba para os nenos e nenas dos coles os temas do seu disco TOC TOC, o alumnado dos institutos aproveitamos para nos presentar e practicar xuntos os xogos populares. A corda foi o que tivo máis éxito.












No comments:

Post a Comment

e ti que dis?