30.4.14

UN PASO ADIANTE QUE NOS ACHEGA AO PORTUGUÉS: Coñecendo Guimares e Braga.





Preto das 10 (hora portuguesa) desembarcamos en pleno casco histórico de Guimaraes, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO como nos contou MARIA, a nosa guía, que falaba un portugués que entendiamos perfectamente. De Guimaraes dise que é o berce de Portugal, e diso dan testemuña numerosas estatuas e referencias a Afonso Enriques, primeiro rei de Portugal, así que é unha cidade que agocha moita historia. Comezamos visitando un castelo (que nunca fora residencia, senón fortaleza) no cal vimos unha placa que mostraba dúas frases, unha de Pessoa e outra de Castelao, que falaban da relación entre o galego e o portugués. Visitamos unha antiga residencia real, na que aínda agora se celebran recepcións ou mesmo vodas, máis que se usa principalmente como museo. Ademais de moitos móbeis, tapices e cadros, soubemos que o palacio tiña 32 chemineas, mais que non todas eran de verdade, senón que algunhas só cumprían unha función estética (polo aquel da simetría). O recreo fíxose realmente curto e deu para pouco máis que para comer, tomar un café e probar as natas. Xa pola tarde, coñecemos a Sociedade Martíns Sarmento, que ocupa un gran edificio no centro de Guimaraes, e o claustro dun antigo mosteiro. Aínda que ofertaban diferentes exposicións, centrámonos máis na parte arqueolóxica e na figura de Sarmento, cuxa biblioteca pertence á sociedade e inclúe unha primeira edición de Os Luisíadas, de Camões, que naturalmente está gardada baixo caixa forte. No teleférico subimos ó que sería o Montjuic de Guimaraes, onde pasamos un bo tempo ata que nos colleu a chuvia. Ao día seguinte a primeira parada foi un museo arqueolóxico, xestionado tamén pola Sociedade Martíns Sarmento, e onde apreciamos unha sauna prerromana. Despois fomos á Citania de Briteiros, un gran castro moi ben conservado comprado polo propio Sarmento e que é o lugar de orixe das pezas expostas no museo. A nova guía Ana, que tamén nos falou en portugués, ensinounos unha casa que foi trasladada, pedra a pedra, dun lado da beirarrúa ao outro; pero sobre todo, chamou a nosa atención a catedral. Nela mesturábanse varios estilos, pero destacaban o románico e o barroco, que o abarrotaba todo de volutas e pan de ouro. Da man das capelas, dos bispos e dos santos coñecemos un chisco da historia de Braga, da que nos despedimos nun fermoso e pequeno xardín preto do pazo do Bispo. Un par de horas de autobús e xa estabamos en Cangas, cansos e satisfeitos da viaxe, co “obrigado” interiorizado e afeitos a musicalidade do idioma portugués.


 




No comments:

Post a Comment

e ti que dis?