Un ano máis reunímonos na véspera do Día das
Letras Galegas para celebrar que os galegos e galegas temos unha lingua propia
coa que contribuímos a enriquecer a cultura universal. E fixémolo homenaxeando a DÍAZ CASTRO, un
poeta da xeración do 36, que viviu a represión, a guerra civil e o
silenciamento das publicacións en galego. Cantamos o seu poema máis célebre
musicado por A Quenlla: o poema PENÉLOPE, unha metáfora da tortuosa historia de
Galicia e do galego, marcada por unha loita que nos leva UN PASO ADIANTE e
polos obstáculos que atopamos no camiño que nos forzan a dar UN PASO ATRÁS,
impedíndonos facer realidade o noso soño dunha lingua e unha cultura normalizada.
Fixemos memoria da
nosa historia dando UN PASO ADIANTE para celebrar a normalidade lingüística e o
esplendor literario da Idade Media; UN PASO ATRÁS polos Séculos escuros e a
desaparición da nosa lingua dos usos cultos; UN novo PASO ADIANTE cos avances conseguidos
no Rexurdimento, coa Xeración Nós e o Estatuto do 36 que lle daba a
cooficialidade á nosa lingua. Logo veu o franquismo, un tremendo PASO
ATRÁS que asociou o galego á pobreza e á
incultura, impedindo que, durante anos, puidese desenvolverse como lingua de
cultura. E novo PASO ADIANTE cando, xa en democracia, se aproba un Estatuto de Autonomía que
recoñece a cooficialidade do galego e unha
Lei de Normalización que permite a entrada do galego na escola, na
administración e na radio e na TV.
Queda moito que
tecer en galego. Moitos pasos que dar cara adiante. Todos e todas somos
necesarios. Se non avanzamos, a inercia levaranos cara atrás. Se queremos tecer
un futuro no que o galego siga sendo unha lingua viva temos que DAR PASOS ADIANTE levando o fío do
galego con nós sen vergoña , sen prexuízos, alá onde vaiamos: no traballo, no tempo de lecer, no
móbil, na rede, reclamando todos os usos que aínda non ten. Uns riquísimos
pés de galleta feitos polas profes Sonia, Begoña, Pilar, Cristina, Bea Villar,
Gemma e Carmiña invitáronnos a DAR PASOS
ADIANTE en defensa da nosa lingua.
Como cada ano, o
Equipo de Dinamización da Lingua galega entregou neste acto algúns
recoñecementos para destacar PASOS ADIANTE importantes na defensa da nosa
lingua e cultura.
Agasallamos cun pé
pequeniño para poñer na lapela ao profesorado do instituto. pedíndolle un PASO
ADIANTE decidido na transmisión do galego ao alumnado para que nin un só alumno
marche de Rodeira sen ser capaz de escribir e de falar en galego. Entregamos
a nosa placa FALAMOS GALEGO a Ángel Martínez Pousada, presidente da Asociación
Cultural Cacarexo de Coiro. polo seu decidido PASO
ADIANTE na defensa da tradición cultural e do uso vivo do galego. Tamén houbo
agasallos para o alumnado de 2º de bacharelato do Equipo de Dinamización que
terá agora que levar a nosa lingua á universidade. E para o que chegou a nós
desde outras linguas.: Iria Bermúdez , de 2º de Bacharelato, desde o catalán;
Diana Rodová de 1º de Bacharelato desde
o checo e Thomas, de 3º da ESO, desde o italiano… Porque
non hai linguas grandes nin pequenas, quixemos agradecerlles que abrisen o seu
corazón á nosa cultura que é xa tamén a súa. Sen esquecernos do
brasileiro, a nosa lingua irmá, agasallando a Jennyfer, de 2º da ESO e Luana de
1º, desexando que sintan acollidas entre nós sen renunciar á súa lingua.
Temos unha empresa
común: manter viva a nosa lingua. Expresamos esa unión como galegos e galegas
cantando con forza o noso himno.
E, para rematar a
festa, xogos populares, organizados como cada ano polo Departamento de
Educación Física.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?