4.5.16

SEDIAME EU NA ILLA DE SAN SIMON


O pasado mércores 4 de maio o alumnado de 3º ESO fomos visitar a Illa de San Simón.  Despois dunha viaxe de case unha hora, que se nos fixo moi agradable pois podías ir na parte de arriba do barco e corría unha lixeira brisa mariña, chegamos á illa onde nos agardaban as guías que nos explicaron as normas que había que cumprir para visitar a illa.
Máis tarde empezamos o percorrido polas distintas zonas da illa, mellor dito das illas, porque son dúas, a de San Simón e a de San Antón. A primeira visita que fixemos coas guías foi a unha pequena igrexa na que destacaba unha estatua de San Simón manco. Dise que esta manco porque os monxes que daquela habitaban a illa agachaban os obxectos de valor na figura para que os piratas nos as atopasen pero estes que sabían tal feito cortáronlle os brazos para ver se había algo no interior.
Despois fomos ver unha estatua que había no medio do mar do capitán Nemo, con dous buzos, pois na obra de Xulio Venre "Vinte mil leguas de viaxe submarina" cóntase que o capitan Nemo estivo aquí recuperando o tesouro da batalla de Rande. Fomos logo a unha esplanada que había preto, onde na época en que a illa foi "colonia penitenciaria" durante a guerra civil e primeiros anos do franquismo, os xefes e vixilantes facían o reconto dos reclusos e botábanlles as arengas. Houbo casos de presos que tentaron fuxir pero ningún o logrou, aínda que na illa hai un túnel que segundo nos contaron foi feito polos monxes e logo descuberto polos reclusos. Vimos logo un paseo rodeado de buxos, onde segundo contan polas noites hai pantasmas.
Na outra illa, a de San Antón, na época en que as illas funcionaron como lazareto, dende mediados do século XIX ata 1927, estaban os enfermos más graves. Había unha ponte, con dúas portas para evitar o contaxio entre as dúas illas. Nesta illa tamén vimos un pequeno cemiterio e unha exposición sobre a historia da illa, con fotos dalgúns presos.

Hoxe na illa só se celebran actividades culturais, entrega de premios literarios, recitais poéticos... Antes de voltar recitamos a cantiga de Mendinho na que se fala da illa de San Simón. A viaxe de volta foi tamén moi agradable, aínda que xa non había tanta brisa e si moito sol.   



No comments:

Post a Comment

e ti que dis?