A Iniciativa Instagram en galego, coñecida por Insta en
galego e promovida polo activista dixital Carlos Vieito, naceu en 2018 co
obxectivo firme de contribuír a galeguizar a rede social Instagram, comezando
pola súa tradución ao galego e, tamén, promovendo o uso da lingua entre os seus
usuarios e usuarias. Co devandito no punto de mira, lanzáronse campañas e lemas
animando á xente a demandar que Instagram estea en galego.
Nestes tempos de pandemia é unha das principais fontes de
actividade online contribuíndo á cultura e ao lecer con directos diarios a
través da dita rede social, tirando partido dela para promover a cultura e o
uso da lingua galega. Son directos “con risas e conversas amenas con persoas
que nos contan como pasan o seu confinamento”, sinala Vieito, lembrando que
entre as persoas que pasan polo programa atópanse Gonzo, Sabela Ramil, Sés,
Touriñán, Vero Boquete, Blondie Muser, etc.
Co gallo das Letras Galegas a iniciativa preparou unha
maratón de directos dende ás 10 da maña até ás 10 da noite con entrevistas a
todo tipo de persoeiros e institucións que promoven a lingua no seu día a día.
Na grella da maratón participaron A Mesa ou AGAL; artistas como Xabier Diaz e
Carlos Blanco; traballadores/as da lingua como Nel Vidal, Carlos Callón e Pilar
Ponte, ou empresas que promoven a lingua como Rei Zentolo ou a Escola Semente,
entre outras.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?