3.5.18

LEONARDO E OS FONTANEIROS NO TEATRO


Hoxe o alumnado de 1º e 2º da ESO fomos ao teatro para ver a representación teatral que Ubu Teatro fixo da novela de MªVictoria Moreno que estivemos a ler na clase. A adaptación teatral estaba representada por só dous actores: un home que facía o papel de Antón e unha muller que facía da súa amiga e compañeira do colexio, Begoña, aínda que en moitas ocasións se caracterizaban para poder representar outros personaxes e poder actuar así como os seus profesores, o director do colexio, os pais dos rapaces...

Aínda que a obra estaba baseada no libro, tiveron que facer adaptacións en escenas coma a carreira de ratos ou os diálogos de Antón e mais o seu can Leonardo. Antón e Begoña, xa de adultos, ían recordando os tempos en que os dous estaba en oitavo no seu colexio, os profesores que lles daban clase, especialmente unha profesora á que alcumaban a "Galiña", e as trasnadas que facían na clase, coma facer caricaturas dos profesores e colgalas pola fiestra para que o alumnado que estaba na aula de debaixo deles puidese velas. Tamén as cartas anónimas que lles enviaban aos distintos veciños do colexio, ou os ratiños que tiñan de mascota.

Na obra tamén aparecía o can Leonardo, que atopa Antón na rúa e a quen lle vai contando todas as súas peripecias ata que finalmente Leonardo resulta malferido nunha pelexa e acaba morrendo. A profe alcumada "Galiña" tamén morre e unha veciña, dona "Rulos", coa que tamén se metían, ponlles unha denuncia e son castigados sen a festa de fin de curso, cousa que os amola moito.

A representación estivo bastante ben. Os actores interactuaban co público, escoitábaselles moi ben e os diálogos eran moi divertidos. Como leramos previamente a obra na clase foi moi fácil seguir a representación teatral.





No comments:

Post a Comment

e ti que dis?