30.11.15

NEIRA VILAS SEMPRE


Aínda que Neira Vilas vén de nos deixar, seguirémolo atopando no espírito de Balbino, un “ninguén” que escribe as súas memorias de neno labrego para todos os outros “ninguén”, para dicir en voz alta desde a inocencia dun neno como era a vida dos fillos dos labregos, a gran maioría silenciosa, e para negarse a deixarse arrebatar a dignidade aínda que iso signifique ter que abandonar o mundo coñecido.  E a súa verdade foi escoitada: as Memorias dun neno labrego foron durante anos o libro máis vendido da literatura galega, chegando a vender 600.000 exemplares. Como tantos e tantas galegos, Neira Vilas marchou á procura dunha vida mellor, nunha viaxe vital que o levou da súa aldea de Gres a Buenos Aires no ano 41 para descubrir a súa identidade nas Mocedades Galeguistas, ao lado de Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor…, fundando alí a editorial Follas Novas e casando coa que sería a súa inseparable compañeira, Anisia Miranda. Xuntos estableceranse en Cuba desde o 61, participando no soño do goberno do pobo e traballando na sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística. Moitos anos de viaxes de ida e volta ata o retorno definitivo nos 90 á aldea de Gres onde permanece a súa Fundación. Traballador incansable: novela, relato, poesía, contos para nenos e nenas, ensaio…  Neira Vilas recibiu todos os premios e recoñecementos desde a súa profunda humildade de home do pobo, sempre disposto a ir onde o chamasen, a recibirnos na súa casa, á conversa entrañable. Queda para sempre con nós na súa obra, unha lección da procura constante da verdade e da xustiza.

 
Coma homenaxe, a bilbioteca organizou unha lectura polas aulas do comezo de Memorias dun neno labrego e desde o EDNL invitamos a cantos queiran participar a recrear e actualizar as experiencias contadas por Balbino. Os mellores textos serán publicados neste blog e na revista Abre os ollos. Participa!

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?