24.11.15

ABRE OS OLLOS E REXEITA OS MICROMACHISMOS


Parece que damos por sentado que todos e todas rexeitamos as actitudes machistas e o maltrato á muller por ser considerada inferior e sometido ao home. Sabemos tamén que esta violencia pode ser física e tamén verbal ou psicolóxica. Pero cómpre reflexionar sobre certos comportamentos ben vistos pola sociedade que nos rodea, que se asentan en estereotipos sobre homes e mulleres cheos de prexuízos que provocan formas de maltrato sutil pois condicionan o comportamento e impiden que poidamos actuar libremente sen sentírmonos xulgados. Coñécense co nome de MICROMACHISMOS e debemos rexeitalos ata facer que desaparezan da normalidade social. Non é cousa doutra época. As estatísticas advírtenos da presenza destas actitudes en xente nova. Cómpre abrir os ollos e practicarmos e esixirmos a igualdade real no mundo que nos rodea.



De Buzón
  Esta publicidade do franquismo parécenos moi superada pero hai na sociedade actual moitos micromachismos que seguen a manter o papel de “muller-floreiro”, esixíndolle un coidado no aspecto que non é necesario no home. Podemos detectar tamén moitos micromachismos na publicidade en xeral e na de xoguetes en particular, en contos e en películas infantís que seguen a explotar a idea da “muller-princesa”,  fermosa e delicada, cuxa vida só ten sentido cando atopa o seu príncipe azul,  forte e valente.

De Buzón

O amor romántico asóciase á fidelidade ata converterse en posesión e xustificar celos que conducen ao maltrato a través do control persoal e emocional, coa supervisión do móbil ou dos amigos ou a través da violencia verbal ou física. No referente ao comportamento sexual a vara de medir segue sendo moi diferente.  As múltiples conquistas son valoradas positivamente no home e  duramente criticadas nas mulleres.
 
 
De Buzón

 
É un comportamento do pasado esa actitude masculina de sentirse con dereito a ocupar o dobre de espazo que as mulleres e esa actitude feminina de sacrificar a súa comodidade ata o punto de permitir o abuso dos demais? Por que as mulleres, a pesar de que  xa levan pantalóns, seguen a ser educadas para sentarse “como señoritas” e os homes non? Este comportamento bastante común no transporte público, de sentarse os homes coas pernas abertas, mentres que as mulleres adoitan sentar coas pernas cruzadas e ocupando menos espazo, en inglés chámase manspreading e está considerado un tipo de micromachismo.
 
De Buzón
De Buzón

A pesar dos avances na dedicación dos pais ao coidado dos fillos segue parecendo natural que os cambiadores de cueiros estean no baño de mulleres e segue estando mal visto socialmente por maiores e pequenos que os nenos xoguen con bonecas. Tamén se considera normal que sexan as mulleres as que coiden dos maiores, aínda que teñan irmáns varóns ou aínda que os maiores sexan da familia do home.
 
De Buzón
 
De Buzón
O traballo doméstico segue asociándose con normalidade ás mulleres, dándose por suposto que se debe ocupar del e culpándoa de calquera deficiencia na limpeza, na orde ou e no coidado dos fillos en moita maior medida que ao home, aínda cando traballe fóra da casa. A sociedade valora positivamente que os homes “boten unha man” nun traballo que se segue considerando feminino, cando deberiamos esixir corresponsabilidade.

Rematar cos roles discriminatorios e coas esixencias de control e posesión nas relacións de parella é avanzar para poñer fin á violencia de xénero. 
                                                                                    


No comments:

Post a Comment

e ti que dis?