25.11.15

QUEREMOS LOITAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



Oímos nos telexornais ou lemos na prensa novas de mulleres que son asasinadas a mans dos seus homes. Pero na actividade que fixemos para participar nos actos reivindicativos do Día contra a Violencia machista coñecemos os nomes propios de 50 mulleres asasinadas ao longo deste ano 2015. Buscamos na rede as novas das súas mortes e fixemos necrolóxicas en galego en tamaño pancarta e flores de papel como símbolo da nosa tolerancia cero contra toda violencia de xénero, desde os micromachismos ata as agresións físicas ou psicolóxicas. 








E o 25 de novembro todo o instituto saíu á rúa coas pancartas e as flores para denunciar e pedir o compromiso de todos e todas para construír unha sociedade xusta e igualitaria. Fomos ata a Praza das Pontes e alí lemos un fermoso manifesto. E, ao regresar, colgamos do enreixado do instituto as pancartas coas necrolóxicas e as nosas flores como ofrenda.









O alumnado de 4º da ESO, xunto a alumnado doutros centros de Cangas (Casa da Virxe, Eduardo Pondal, Montecarrasco, María Soliña e Xoán XXIII) participamos ademais na intervención "Empatiza", unha pintada colectiva de mensaxes contra a violencia de xénero que se fixo nun dos muros do concello de Cangas, unha obra colectiva efémera de arte urbano con xiz, un gran mural no que depositamos as nosas mensaxes para demostrar que si se pode educar dende a igualdade e demostrar a todo un pobo que o cambio é posible, que nós somos o motor da transformación para ser mellores en sociedade. Elaborar unha obra de arte urbana nun lugar tan simbólico como é a parede do  concello foi unha boa forma de  visibilizar e concienciar ao maior número posible de persoas. As imaxes tomadas pola fotógrafa Rosa Neutro  durante a acción EMPATIZA  quedaron recollidas nun caderno que será expostos ao público e logo pasará a formar parte da biblioteca municipal de cada concello.








No comments:

Post a Comment

e ti que dis?