Os equipos de dinamización
da lingua galega asumimos, ao final do 2º trimestre, a difícil reto de levar a
lingua galega viva na nosa boca no longo e difícil camiño de ida e volta ata
Santa Marta. Antes de saír recibimos
unha bóla na que escribimos todas as razóns que nos levan a querer falar
galego: SER NÓS, SENTIRNOS CONECTADOS, MANTERMOS VIVA A TRADICIÓN, SER DOS
NOSOS, SER DIFERENTES, SER ORIXINAIS, SER ÚNICOS, ENRIQUECER O MUNDO,
ENTENDÉRMONOS COS QUE FALAN PORTUGUÉS… A bóla activou así toda a forza positiva
que nos había axudar na loita contra as forzas negativas, os prexuízos e a
falta de hábito, que nos tentarían ao longo do camiño a abandonar o noso
propósito de ser galego-falantes por un día.
A primeira misión converteunos
en espías polo centro de Cangas. Divididos en grupos de 3 ou 4 fixémonos pasar
por alumnado que estaba facendo un traballo para clase, pero a nosa tarefa era
procurar entre a xente da rúa cales son as forzas coas que conta a lingua
galega en Cangas e cal é a forza dos prexuízos que lle impiden ser usada con
normalidade e que poderían levala a perder a batalla da supervivencia. Recollemos
información sobre o uso da lingua por idades e segundo o contexto. Tamén do que
a xente querería, sobre que situación lingüística lle parecería ben aínda que
non sexa a real. Logo reunímonos para poñer a información en común e reflexionar
sobre ela. Así decatámonos de que é maioría a xente de Cangas que defende o
galego e non querería que se perdese por nada do mundo pero tamén de que o uso
do galego na xente nova é moito menor que na xente maior. Tamén nos indignamos
cando descubrimos prexuízos absurdos que xa criamos superados. A misión
encheunos de ganas de retomar o camiño falando en galego.
santamarta from lingualiza on Vimeo.
Para non desfalecer na nosa misión, cargamos as nosas bólas poñéndoas en contacto coas barcas varadas na praia e na vella fábrica de Massó, facéndonos fotos. O mundo mariñeiro e o proxecto empresarial de Massó que trouxo traballo e progreso á nosa vila, identifican as nosas raíces, o mundo do que vimos. Porque o orgullo de ser quen somos, da nosa identidade, da nosa historia e da nosa cultura lévanos tamén a defender a nosa lingua.
Alí en Massó, fixemos un
xogo. Colocámonos en varias fileiras indias, na liña de saída. O que encabezaba
as fileiras colleu nas mans a bóla xa cargada de orgullo e identidade e, cando
se deu o sinal de comezo, pasouna aos compañeiro/a de detrás e este ao de detrás
e así ata acabar a fileira, unha vez por riba da súa cabeza e outra por entre
as pernas. Cando o último collía a pelota, corría ao comezo da fileira facéndoa
avanzar e o xogo volvía comezar ata chegar á liña de meta. Porque a forza da
identidade e do orgullo non é individual senón colectiva, algo que debemos
conservar e transmitir entre todos e todas para que o uso da lingua permaneza
ao longo do tempo.
Un
novo xogo, xa en Areamilla, invitounos a reflexionar
sobre os prexuízos que se foron creando ao longo dunha historia difícil na que o
galego estivo prohibido nos usos cultos e na falta de hábito ao deixar de
falarse nas familias e cos amigos. Estes prexuízos tomaron forma en pelotas de
tenis que os levaban escritos. Colocamos a nosa bóla, que concentraba todas as
forzas positivas que nos levan a querer falar en galego, na area, ben protexida e trazamos ao seu redor
un círculo pequeno e outro máis grande. Fóra do círculo grande situouse a
metade do grupo que tiñan que lanzar os prexuízos (bólas de tenis) para atacar
e destruír os sentimentos positivos, conseguir botar a bóla grande fóra da súa
casa, é dicir, que a lingua sexa abandonada polos seus falantes e desapareza. A outra metade do grupo, dentro do
círculo grande, debía de impedilo. O xogo fíxonos conscientes da grande forza
dos prexuízos que, antes ou despois, sempre conseguían acabar coa lingua. Por
iso é tan importante a educación, que faga desaparecer os prexuízos e nos
converta a todos e todas en defensores da nosa lingua.
Para chegar a Santa Marta
tivemos que atravesar un túnel escuro e húmido, símbolo do difícil camiño para
darse a coñecer tantos creadores e creadoras en galego. A forza creadora salvou
a nosa cultura do túnel dos Séculos escuros (Rosalía, Curros e Pondal e logo
Castelao, Dieste, Manuel Antonio… poetas, narradores, autores de teatro,
músicos…) Pero aínda hoxe á nosa cultura cústalle facerse oír e tócanos a nós
estar atent@s á forza creativa que se expresa en galego e difundila entre os
amigos e amigas e nas redes sociais. Para demostrar que estabamos dispost@s, escollemos
cancións en galego, entramos da man ata a metade do túnel e alí cantámola,
berrando ben forte e aproveitando o eco para que escoitasen os de fóra. Foi moi
divertido.
Xa en Santa Marta, un novo xogo tentou
contaxiarnos as ganas de falar galego. Pintamos un círculo
na area no que caibiamos tod@s: a casa do galego. Un ou unha de nós tiña a bóla
de sentimentos positivos cara á súa lingua e lanzábaa ao aire berrando un nome.
Isto provocaba que os demais saísen correndo (asusta lanzarse a falar en galego)
menos a persoa nomeada que tiña que coller a bóla e berrar “GALEGO”. Nese
momento tod@s tiñan que deixar de correr.
A persoa lanzaba a bóla para tocar a un dos seus compañeir@s. Se o
conseguía, era el ou ela quen volvía comezar o xogo; se non, quedaba e volvía
comezar, lanzando o balón e dicindo o nome doutro compañeiro.
O galego non desapareceu nos Séculos Escuros pese a estar rexeitado nos usos importantes porque permaneceu no corazón dos galegos e galegas, como lingua especial na que falar en familia, festexar cos amigos, contar historias e falarlle aos nenos. Se queremos garantir que galego viva para sempre terá que ser no noso corazón, no dos galegos e galegas, para compartilo con todos os que queremos. Por iso a actividade final, xa en Santa Marta, foi formar entre todos e todas un corazón.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?